As céllas de ovario de hámster chinés ou células CHO (do inglés Chinese hamster ovary) son unha liña celular epitelial derivada do ovario do hámster chinés, usada a miúdo en investigacións médicas e biolóxicas e comercialmente na produción de proteínas terapéuticas.[1] Teñen un amplo uso en estudos de xenética, cribados de toxicidade, nutrición e expresión xénica, especialmente para expresar proteínas recombinantes. De feito, as células CHO son as células hóspede de mamífero máis comunmente usadas para a produción industrial de proteínas terapéuticas recombinantes.[1]
Historia
O hámster chinés (Cricetulus griseus) foi utilizado en investigación desde 1919, e foron utilizados en lugar de ratos para tipificar pneumococos. Son tamén vectores excelentes para a transmisión do kala-azar (leishmaníase visceral), facilitando a investigación de Leishmania.
En 1948, o hámster chinés foi utilizado primeiramente nos Estados Unidos para crialo en laboratorios de investigación. En 1957, Theodore T. Puck obtivo unha femia de hámster chinés do labolatorio do Dr. George Yerganian na Boston Cancer Research Foundation e utilizado para derivar del a liña celular CHO. Desde entón, as células CHO foron unha liña celular moi elixida para investigacións polo seu rápido crecemento en cultivos en suspensión e alta produción de proteínas.[2]
Como ten un número baixo de cromosomas (2n=22) para un mamífero, o hámster chinés é tamén un bo modelo para a citoxenética de radiación e o cultivo celular.[3]
Propiedades
Todas as liñas celulares CHO son deficientes en síntese de prolina.[4] Ademais, as células CHO non expresan o receptor do factor de crecemento epidérmico (EGFR), que as fai ideais na investigación de varias mutacións do EGFR.[5]
Variantes
Como a liña celular CHO orixinal foi descrita en 1956, desenvolvéronse moitas variantes da liña celular para varios propósitos.[4] En 1957, xeránronse as CHO-K1 a partir dun só clon de células CHO.[6] As CHO-K1 foron mutaxenizadas con metanosulfonato de etilo (EMS) para xerar unha liña celular que carece de actividade de dihidrofolato redutase (DHFR), denominada CHO-DXB11 (tamén chamada CHO-DUKX).[7] Porén, estas células, cando son mutaxenizadas, poderían reverter a actividade de DHFR, o que fai que a súa utilidade para a investigación sexa algo limitada.[7] Posteriormente, as células CHO foron mutaxenizadas con radiación gamma para render unha liña celular na cal ambos os alelos do locus da DHFR foron completamente eliminados, denominada CHO-DG44.[8] Estas cepas deficientes en DHFR necesitan glicina, hipoxantina e timidina para crecer.[8] As liñas celulares con DHFR mutada son útiles para a manipulación xenética, xa que as células transfectadas cun xene de interese xunto cunha copia funcional do xene DHFR poden ser cribadas doadamente nun medio que careza de timidina. Debido a isto, as células CHO que carecen de DHFR son as máis usadas para a produción de proteínas industriais.[4]
Manipulación xenética
Moitas das manipulacións xeneticas que se fan nas células CHO fanse nas células que carecen do enzima DHFR. Este esquema de selección xenética é un dos métodos estándar para establecer unha liña celular CHO transfectada para a produción de proteínas terapéuticas recombinantes. O proceso empeza coa clonación molecular do xene de interese e o xene DHFR nun sistema de expresión de mamífero único. O ADN do plásmido que leva dous xenes é despois transfectado nas células e as células cultívanse en condicións selectivas nun medio carente de timidina. As células que sobreviven terán o xene exóxeno DHFR xunto co xene de interese integrado no seu xenoma.[9][10] A taxa de crecemento e o nivel de produción de proteína recombinante de cada liña celular varía amplamente. Para obter unhas poucas liñas celulares transfectadas estables coas características fenotípicas desexadas, pode ser necesario avaliar varios centos de liñas celulares candidatas.
As liñas celulares CHO e CHO-K1 poden obterse de varios centros de recursos biolóxicos como a Colección Europea de Cultivos Celulares, que forma parte da Colección de Cultivos da Axencia de Protección da Saúde. Estas orgnizacións tamén manteñen os datos, como as curvas de crecemento, vídeos do crecemento a cámara rápida, imaxes e información da rutina dos subcultivos.[11]
Uso industrial
As células CHO son a liña celular de mamífero máis utilizada para a produción en masa de proteínas terapéuticas.[1] Poden producir proteínas recombinantes a escala de 3-10 gramos por litro de cultivo.[4] As células CHO son tamén axeitadas para aplicacións humanas, xa que permiten facer modificacións postraducionais a proteínas recombinantes que poden funcionar en humanos.[12]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.