cantante de ópera estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Belle Miriam Silverman, nada en Nova York o 25 de maio de 1929 e finada na mesma cidade o 2 de xullo de 2007 foi unha cantante de ópera estadounidense de orixe ucraína-romanesa coñecida como Bevely Sills. Foi tan famosa como soprano coloratura que a alcumaron "A raíña da ópera americana" e destacou logo como empresaria, executiva, xornalist, directora de teatros e organizadora.
A súa longa carreira lírica profesional iniciouse en 1945 pero comezou a destacar en 1966 e o seu mellor período durou apenas unha década. Sobrevivente de cancro, despois de retirarse no ano 1980, foi a directora xeral da Ópera de Nova York á que salvou da bancarrota e puxo en marcha o sistema de subtítulos na ópera por primeira vez nos Estados Unidos.
En 1994, foi elixida presidenta do Lincoln Center e, en 2002, da Metropolitan Opera, a primeira muller en dirixilos.
Nai de dous fillos discapacitados, Sills aproveitou a súa fama para axudar na prevención e o tratamento dos defectos de nacemento, recadando máis de 70 millóns de dólares para a causa.
Foi unha pioneira entre as mulleres da súa era e unha icona cultural estadounidense, especialmente neoiorquina. Un crítico escribiu "se debo recomendar unha atracción na cidade de Nova York, Bevely Sills é a primeira na miña lista".
Sills foi a primeira xeración de inmigrantes ucraínos de Odesa e xudeus romaneses. A súa nai era Shiley Bahn (nada co nome de Sonia Markovna), e o seu pai Morris Silverman.[1][2] Medrou nun barrio obreiro de Brooklyn, nova York. De nena falaba yiddish, ruso, romanés e inglés.[1]
Á idade de tres anos gañou o concurso "Miss Beautiful Baby", en que cantou "The Wedding of Jack and Jill". Aos catro anos apareceu en programas de radio pola mañá como "Bubbles" Silverman. En 1938, apareceu na curtametraxe "Uncle Sol Solves It" e comezou a tomar leccións de canto con Estelle Liebling. Liebling animouna a que se presentase a unha audición para afeccionados da CBS Radio's Major Bowes, e o 26 de outubro de 1939, á idade de 10 anos, Sills foi a gañadora desa semana. Bowes entón pediu que aparecese no seu Capital Family Hour, un programa semanal de variedades. A súa primeira aparición foi o 19 de novembro de 1939, no 17.º aniversario do programa, aparecendo con frecuencia despois diso.
En 1945, Sills fixo o seu debut profesional nunha xira da compañía Gilbert e Sullivan cantando opereta durante varios anos. En 1947, debutou na ópera, interpretando a Frasquita, xitana española en Carmen de Bizet coa Philadelphia Civic Opera. Viaxou por toda Norteamérica coa Chales Wagner Opera Company, a finais de 1951 cantou Violetta en La traviata e, a finais de 1952, interpretou a Micaëla en Carmen. O 15 de setembro de 1953 fixo o seu debut coa Ópera de San Francisco como Elena de Troia en Mefistofele de Boito e tamén cantou Elvira en Don Giovanni. O 29 de outubro de 1955 fixo a súa primeira aparición coa New York City Opera como Rosalinda en Die Fledermaus, opereta de Johann Strauss (fillo), con grandes loas da crítica. A súa reputación ampliouse coa súa actuación na premiere de Douglas Stuart Moore, The Ballad of Baby Doe, en 1958.
O 17 de novembro de 1956 casou co xornalista Peter Greenough, que tiña tres fillos dunha unión anterior, e trasladouse a Cleveland. Tivo dous fillos con Greenough, Meredith ("Muffy") en 1959 e Peter, Jr. ("Bucky") en 1961. Tras descubrir que Muffy era xorda e Peter autista, restrinxiu as súas actuacións para coidar deles.
En 1960, os Greenoughs mudáronse a Milton, Massachusetts. En 1962, Sills cantou en Manon de Massenet para a Opera Company of Boston, o primeiro de moitos papeis coa directora Sarah Caldwell. En xaneiro de 1964, cantou por primeira vez a Raíña da Noite en Die Zauberflöte de Mozart. Aínda que a crítica a louvou pola súa técnica de coloratura e actuación, a Sills non lle gustou o papel.
En 1966, a New York City Opera (NYCO) recuperou a obra mestra de Haendel, Giulio Cesare in Egitto (con Norman Treigle como César e Maureen Forrester como Cornelia). A interpretación de Sills como Cleopatra consagrouna como estrela internacional da ópera. En temporadas posteriores coa NYCO, Sills tivo grandes éxitos cos papeis da Raíña de Shemakha en Le Coq d'Or de Rimskii-Korsakov, os papeis principais de Manon, Lucia di Lammermoor, e as tres mulleres da triloxía de Puccini, Il Trittico.
En 1969 logrou "o seu primeiro millón de dólares" como a cantante lírica mellor paga do mundo. Fixo o papel de Zerbinetta na estrea estadounidense da versión de 1912 de Ariadne auf Naxos de Richard Strauss coa Sinfónica de Boston. A súa actuación na aria de Zerbinetta "Grossmächtige Prinzessin", cantada un ton máis alto que o orixinal, recibiu unha aclamación. O segundo acontecemento do ano foi a estrea como Pamira en Le Siège de Corinthe de Rossini no Teatro alla Scala, un éxito que a fixo portada da revista de Newsweek. Tamén foi portada da revista Time en 1971, en que a chamaron "a Raíña da Ópera de América". O título era apropiado porque Sills limitara deliberadamente os seus contratos de ultramar debido á súa familia. No exterior traballou no Covent Garden de Londres, Scala de Milán, Nápoles, o Wiener Staatsoper, Lausanne, e concertos en París. En Suramérica cantou no Teatro Colón de Buenos Aires como Cleopatra (con Norman Treigle, Maureen Forrester e Peter Schreier en 1968 dirixidos por Kal Richter), Manon (con Nicolai Gedda en 1971) e Lucia (con Alfredo Kraus en 1972) ; en Santiago e en Cidade de México, incluíndo Lucia di Lammermoor con Luciano Pavarotti.
En abril de 1975, logo da partida de Rudolf Bing que fixo o imposible porque non cantase no seu teatro, Sills debutou na Metropolitan Opera en Le Siège de Corinthe, recibindo unha ovación de dezaoito minutos. Outras óperas que cantou foron La traviata, Lucia di Lammermoor, Thaïs e Don Pasquale. Sills tamén continuou a cantar para a New York City Opera, ensaiando novos papeis antes do seu retiro, incluíndo os papeis principais en Il Turco in Italia de Rossini, The Merry Widow de Lehár e a La Loca de Gian Carlo Menotti, un papel escrito para ela.
Aínda que o seu tipo vocal era de coloratura lírica fixo papeis máis pesados asociados con sopranos spinto gastando prematuramente o seu instrumento: as raíñas Tudor de Donizetti e a raíña Isabel I de Inglaterra en Roberto DevereuxFoi admirada por aqueles papeis por superar a lixeireza da súa voz coa interpretación dramática, aínda que a un gran custo; Sills máis tarde comentou respecto do seu papel en Roberto Devereux que "as súas esixencias vocais acurtaron a miña carreira polo menos catro anos, mais a primeira noite foi o mellor que cantei en toda a miña vida".
Cantou en cidades menos populosas e en concertos para colexios, levando a súa arte a moitos que nunca poderían vela sobre o escenario nunha ópera organizada, e foi fundamental en popularizar a ópera no seu país máis que calquera outro cantante da súa era polas súas moitas aparicións en programas de entrevistas, incluíndo os de Johnny Carson, Dick Cavett, Michael Douglas, Carol Burnett e Dinah Shore. Mesmo chegou a ter o seu propio programa de entrevistas Lifestyles with Bevely Sills na NBC.
En 1978, Sills anunciou que se retiraría o 27 de outubro de 1980, nunha gala de despedida na New York City Opera. Na primavera de 1979, comezou como codirectora da NYCO, e pasou a ser a súa directora xeral exclusiva dende finais daquel ano, posto que mantivo ata 1989, aínda que permaneceu no consello da NYCO ata 1991. Durante esa época, Sills tamén se dedicou a varias causas das artes e organizacións benéficas.
Entre 1994 e 2002, Sills foi a presidenta do Lincoln Center. En outubro de 2002, acordou servir como presidenta da Ópera Metropolitana, da cal fora membro do consello dende 1991. Dimitiu como presidenta en xaneiro de 2005, citando a familia como a razón principal (finalmente tivo que internar o seu home, a quen se dedicara durante máis de 8 anos, nunha clínica de anciáns). Supervisou o nomeamento de Peter Gelb, anterior xefe de Sony Classical Records, como xerente xeral do MET (The Metropolitan Opera of New York), quen sucedeu a Joseph Volpe en agosto de 2006.
O seu marido Peter Greenough, faleceu de alzhéimer o 6 de setembro de 2006, á idade de 89 anos. O 9 de novembro dese ano foi invitada ao programa The View na "Best Friends' Week", como mellor amiga de Barbara Walters; alí dixo que xa non cantaba máis, nin na ducha, para conservar o recordo da súa voz.
A súa morte produciuse por unha recorrencia do cancro que sufriu na década de 1970. Tiña 78 anos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.