Remove ads
parroquia civil do concello de Carballo From Wikipedia, the free encyclopedia
San Lourenzo de Berdillo[2] (á espera da oficialización da forma Verdillo (San Lourenzo)) é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de Carballo, na comarca de Bergantiños.
Berdillo | |
---|---|
Igrexa e cruceiro de San Lourenzo de Berdillo. | |
Concello | Carballo[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°12′49″N 8°38′57″O |
Poboación | 998 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 27[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
A grafía do topónimo desta parroquia flutuou ao longo da historia debido a que é de etimoloxía e significado escuros[3]. Nos textos máis antigos, do mosteiro de Soandres (A Laracha), de principios do século XV, aparece como Uerdillo (1410) ou indistintamente como Verdillo ou Berdillo (1419). Nestes documentos móstrase a confusión no uso destas letras, o que demostra que está a cambiar o sistema fonolóxico: na Idade Media as dúas letras distinguían fonemas diferentes, pero a estas alturas xa se estaban a confundir as pronuncias de [b] (bilabial) e [v] (labiodental), o que se denomina betacismo. Daquela, os escribas pasan a grafar con B palabras que etimoloxicamente debían ter V, pero non á inversa
Nos séculos seguintes houbo vacilacións entre B e V (sobre todo no XVI e no XVII), dependendo moito dos cregos ou dos escribáns que redactaban. Así e todo, a escolla do V empezou a ser maioritaria no século XVIII (posiblemente, pola asociación semántica coa palabra verde). No entanto, esta relación non está demostrada, dado que non é clara a orixe etimolóxica da última parte do topónimo, -illo.
No século XIX virouse un pouco, tanto no mundo eclesiástico como nos nomenclátores oficiais da segunda metade, a favor do B. No entanto, malia que oficialmente se escribise con B, dende o último terzo do XIX, a única forma rexistrada nos libros e asociacións parroquiais foi Verdillo.
Neste sentido, a Real Academia Galega elaborou un informe onde se analiza a presenza do topónimo en textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos[4]. Neste informe, presentado en maio de 2022[5], propónselle á Xunta de Galicia o cambio do topónimo oficial á forma Verdillo debido ás atestacións gráficas históricas e do uso común da grafía con V entre a veciñanza. Este cambio formalizarase na vindeira revisión do Nomenclátor de Galicia.
A parroquia de Berdillo esténdese ao longo da estrada que a cruza (DP-1904) e que, en tempos pasados, foi o camiño real que unía A Coruña con Fisterra. Era a principal vía de comunicación coa cidade herculina até que a vila de Carballo comezou a medrar en sona debido ao seu balneario de augas termais, e se construíu unha nova estrada, a actual AC-552, que se fixo pasar polo centro da vila[6].
Durante séculos, celebrouse nesta parroquia e na veciña de Artes, ao pé do camiño real, a que chegou ser a feira máis importante da antiga provincia da Coruña[7]. Na estrada entre Carballo e Ordes (AC-413) atópase a aldea da Feira de Berdillo, que se refire aos tempos nos que se celebrou a feira. Pese á oposición do barrio e dos párrocos de Sofán, Artes e Berdillo, a feira trasladouse en 1941 a Carballo[8].
No centro de Berdillo está a Igrexa de San Lourenzo (construída de novo no século XX e completada en 1931, sendo obra de Manuel Villaverde). Orixinalmente constaba dunha única nave, con tribuna de madeira e un longo presbiterio que correspondía ao templo anterior. En 1951 engádenselle dúas capelas laterais para aumentar o seu espazo interior, polo que pasa ser un templo de cruz latina. A última modificacións faráselle en 1979, cando se lle engade o pórtico lateral.
No seu interior conserva tres retablos. O maior, de estilo neoclásico, obra de Laureano Cao Cornido, do segundo terzo do século XIX, que preside o patrón San Lourenzo, unha talla da mesma época. E dous laterais, de estilo barroco, da segunda metade do século XVIII: o de San Roque, situado na parte esquerda, e o do Carme na parte dereita[8].
Diante da igrexa existe un cruceiro obra dun santeiro (canteiro de santos).
A parroquia conta cun centro social que se atopa preto da igrexa de San Lourenzo (cuxa construción se estendeu dende o ano 1989 até o 2007) e que é empregado polas asociacións da parroquia.
Segundo o IGE, Berdillo contaba con 998 habitantes (480 homes e 518 mulleres) no ano 2022, distribuídos en 27 entidades de poboación. É unha parroquia densamente poboada (a 5º do municipio), debido a súa proximidade a Carballo.
Gráfica de evolución demográfica de Berdillo, Carballo entre 2000 e 2022 |
Datos segundo o nomenclátor publicado polo IGE. |
A parroquia de Berdillo destaca pola forza do seu amplo movemento veciñal, cultural e deportivo. Compre salientar as seguintes asociacións:
Lugares da parroquia de Berdillo no concello de Carballo (A Coruña) | |
---|---|
O Alto | O Añón de Berdillo | O Areal | O Aseñado | O Campo | As Casas Novas | Chacín | A Costa | O Esmorís | A Ganduma | A Garrida | A Igrexa | Longras | O Lugar de Abaixo | O Moucho | O Paraíso | O Piñeiro | A Ponte Carral | As Pozas | O Prego | A Pumara | A Redonda | A Regueira de Abaixo | A Regueira de Arriba | Samiro | As Seixas | Vilarnovo |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.