Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A batalla de Pavia, que tivo lugar durante a xornada do 24 de febreiro de 1525, foi a batalla decisiva na guerra entre Francisco I de Francia e o emperador Carlos V e significou a derrota dos franceses no seu intento de dominar o norte de Italia.
Batalla de Pavia | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra Italiana de 1521 | |||||||
Na batalla de Pavia, os exércitos do emperador Carlos V venceron os de Francisco I de Francia. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Reino de Francia | Imperio de Carlos V | ||||||
Líderes | |||||||
Francisco I de Francia | Carlos de Lannoy Antonio de Leyva | ||||||
Forzas en combate | |||||||
17 000 infantaría 6 500 cabalaría 53 canóns |
17 000 infantaría 2 000 cabalaría 46 canóns | ||||||
Baixas | |||||||
15 000 mortos ou feridos | 500 mortos ou feridos |
No primeiro terzo do século XVI, Francia víase rodeada polas posesións de Carlos V. Isto, unido á obtención do título de Emperador do Sacro Imperio por parte do borgoñón (1519), puxo o goberno francés contra as cordas. Francisco I de Francia, que tamén optara ó título, vía a posibilidade dunha compensación anexionando un territorio en litixio: o ducado de Milán, máis coñecido por Milanesado. A partir de aí, desenvolveríase unha serie de contendas do 1521 ó 1524 entre a coroa imperial hispano-xermana do Borgoñón-Austria e maila coroa francesa de Valois-Angulema, cuxas rivalidades se perden na noite dos tempos.
A primeira batalla tivo lugar en Bicoca (preto de Monza). A vitoria esmagadora dos terzos españois fixo que no castelán a palabra bicoca pasase a ser sinónimo de "cousa fácil ou barata".
Na segunda batalla, un exército francés de 40 000 homes penetrou no Milanesado, pero foi igualmente rexeitado.
O 25 de outubro do 1524, o propio rei Francisco cruzou os Alpes e a comezos de novembro entraba na cidade de Milán. As tropas españolas refuxiáronse na súa maioría en Lodi, quedando guarnicións espalladas en prazas fortes. Nunha desas prazas fortes, chamada Pavia o xeneral Antonio de Leiva fíxose forte con dous mil españois e cinco mil lansquenetes alemáns. Axiña comezou o asedio francés.
Sorprendentemente a cada arremetida a guarnición facíase máis forte. Os franceses decidiron pór asedio á cidade. Pero Antonio de Leiva, veterano da guerra das Alpuxarras, soubo como organizar os escasos recursos para que os muros da cidade permanecesen en pé. Mentres tanto, outras guarnicións españolas vían que o inimigo reducía o seu número para mandalo a Pavia.
Mentres os franceses agardaban a capitulación de Leiva, recibiron noticias dun exército que baixaba dende Alemaña para apoiar a praza sitiada: máis de quince mil lansquenetes alemáns e austríacos tiñan ordes do Emperador de poñer fin ó asedio e expulsar os franceses do Milanesado.
Francisco I decidiu dividir as súas tropas. Así ordenou que parte delas se dirixisen a Xénova e Nápoles e tentaran de se facer fortes naquelas cidades.
Mentres, en Pavia, os mercenarios alemáns e suízos comezaban a sentirse molestos porque xa escaseaban as pagas. Os xenerais españois empeñaron as súas fortunas persoais para pagarlles. Para axudar a causa e vendo a situación apurada dos seus oficiais, os dous mil arcabuceiros españois decidiron que seguirían defendendo Pavia sen cobrar.
A mediados de xaneiro, chegaron os reforzos baixo o mando do marqués de Pescara, Lannoy e o condestable de Borbón. Os canóns comezaron a cuspir lume o solpor do 24 de febreiro do 1525. Os franceses decidiron resgardarse e agardar, sabían que a situación económica dos imperiais non era moi puxante, e que pronto os sitiados comezarían a pasar fame. E así foi, pero no canto de marchar de alí, as tropas decidiron que a comida máis preta sería a do campamento francés.
Así, comezaron os chamados encamisados abrindo fendas nas posicións francesas. Detrás, formacións de piqueiros franqueados pola cabalaría. Os terzos formaban de xeito compacto, con longas picas protexendo os arcabuceiros. A cabalaría francesa caía ó chan antes de chegar a tomar contacto coa infantaría.
Os franceses conseguiron incautar a artillaría española, pero a costa da súa retagarda. Nunha arriscada decisión, Francisco ordenou un ataque total da súa cabalaría. Segundo avanzaba a propia artillaría francesa (superior á española), tiña que cesar o fogo para non lles disparar ós seus homes. Os arcabuceiros do marqués de Pescara deron boa conta dos cabaleiros franceses.
E nese momento, Leiva sacou os seus homes da cidade para apoiar os seus. Comezaron por arrodear a retagarda francesa e cortarlles a retirada. Aínda que esgotados e famentos, constituían unha moi respectable forza de combate. Bonnivet, principal conselleiro militar de Francisco, suicidouse. Os cadáveres franceses comezaban a amontoarse uns por riba doutros. Os máis, vendo a derrota, tentaban escapar.
O rei de Francia e a súa escolta combatía xa de pé, intentando abrirse paso. De súpeto, Francisco cae, e ó erguerse, atópase cun estoque español no seu pescozo. Un soldado de infantaría, o vasco Juan de Urbieta, facíao preso. Diego Dávila, granadino, e Afonso Pita, galego, xuntáronse co seu compañeiro de armas. Non sabían a quen acababan de facer preso, pero polas vestimentas supuxeron que se trataría dun gran señor. Informaron ós seus superiores. Aquel preso era o rei de Francia.
Francisco I foi levado a Castela (era o cuñado de Carlos I), e no 1526, asina o Tratado de Madrid. Francia recoñecía as aspiracións imperiais nos territorios milaneses e borgoñóns.
Conta a lenda que nas negociacións de paz e de liberación de Francisco I, o emperador estaba tan anoxado que renunciou a usar a súa lingua nai (francés borgoñón) e a lingua habitual da diplomacia (italiano) para falar por primeira vez de xeito oficial en castelán.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.