From Wikipedia, the free encyclopedia
Este Autorretrato (en alemán: Selbstbildnis) é o segundo dos tres autorretratos creados polo pintor alemán Albrecht Dürer. É un óleo sobre táboa, pintado en 1498. Mide 52 cm de alto e 41 cm de ancho, sendo así o máis pequeno dos seus autorretratos. Exhíbese no Museo do Prado de Madrid. No catro Dürer elévase a si mesmo á clase social que el cría merecía un artista da súa habelencia. Dürer represéntase nun interior baixo un arco, de medio corpo e xirado cara ó espectador. Pintado despois da súa primeira viaxe a Italia, a presenza de Dürer domina o espazo pictórico, dende o seu sombreiro, que case chega até a parte superior do lenzo, até o seu brazo colocado no bordo inferior, onde repousan os seus dedos vestidos en finas luvas.[1]
Autorretrato de Dürer | |
---|---|
Artista | Albrecht Dürer |
Data | 1498 |
Técnica | óleo sobre táboa |
Dimensións | 52 cm × 41 cm |
Localización | Museo do Prado (Madrid) |
Albrecht Dürer, fillo dun ourive húngaro que se estabeleceu en Núremberg, é o máximo representante do Renacemento en Alemaña. Este Autorretrato pintouno en 1498, un ano trascendente para a súa carreira: é o mesmo ano no que publicou a súa famosa serie de gravados do Apocalipse, entallada en xilografía. Regresara da súa primeira viaxe a Italia, o cal se nota no estilo deste cuadro: obsérvase a influencia da escola veneciana e lombarda, en particular, de Giovanni Bellini.
En 1636, este cadro foi o agasallo do concello de Núremberg a Carlos I de Inglaterra,[2] xunto cun retrato do pai do artista ós 70 anos de idade, que xeralmente se lle atribúe (National Gallery de Londres). Contra o 1648, o gravador Wenzel Hollar reproduciu o Autorretrato con augaforte; esta copia amosa a efixie en posición invertida.
Cando Carlos I foi xulgado e decapitado en 1649, os seus bens vendéronse en poxa e o autorretrato de Dürer foi adquirido (mediante intermediarios) por Filipe IV de España. Permaneceu na colección real española até a apertura do Museo do Prado.
En 2012, a oficina de turismo de Nürnberg encargou un xoguete de Playmobil baseado na pintura para ser vendido como suvenir.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.