División no reino dos fungos From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ascomicetos[1] (Ascomycota) constitúen unha división dentro do Reino Fungi. Son fungos con micelio tabicado que producen ascosporas endóxenas. Hai unhas 64.000 especies. É a división (Filo) máis grande do Reino Fungi. Poden ser unicelulares e talófitos. A reprodución pode ser de dous tipos: asexual, por esporas esóxenas (conidios ou conidioesporas), e sexual, esporas endóxenas (ascospora). Foron illados de lugares extremos, dende as chairas xeadas da Antártida (dentro de rochas) deica as profundidades do mar.
Ascomicetos | |||||
---|---|---|---|---|---|
Helvella crispa | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Clases | |||||
|
Nos grupos máis evoluídos fórmanse ascocarpos ou corpos de frutificación (esporocarpo).
Existen en ambientes terrestres e acuáticos, en substratos como a madeira, materiais de queratina (unllas, plumas, cornos e pelos), esterco, solo e alimentos, entre outros. Poden ser parasitos de animais (incluíndo o ser humano), ademais de atacaren ás plantas. Entre os máis sinxelos salientan os lévedos responsábeis da fermentación (fermento, requento).
Clase Hemiascomycetes: son preferibelmente saprobios, abundan no solo, na tona das froitas e nas plantas feridas.
Son os lévedos. Sacaromicetáceos. Non producen hifas. Encárganse dalgunhas fermentacións (véxase: Louis Pasteur), algunhas especies viven de xeito anaerobio: Saccharomyces cerevisiae e Saccharomyces ellipsoideus; convertendo os azucres en alcol etílico e dióxido de carbono. A reprodución é asexuada por xemación, durante a formación de xemas o núcleo sofre división e uns dos núcleos fillos pasan á nova xema. Saccharomyces cerevisiae é heterotálico con cepas + e -, despois dáse plasmogamia (fusión do citoplasma) seguida da cariogamia (fusión de núcleos), despois a célula diploide (2n) convértese en asca e logo de sufrir meiose se forman catro ascosporas, só existe xemación diploide e haploide en Saccharomyces cerevisiae.
Producen esporocarpos. A primeira fase ocorre con plasmogamia porén ao non sufrir cariogamia, a súa carga xenética fica “n+n” (binucleadas). Ocorre mitose e despois dáse a cariogamia. As hifas son septadas (con divisións) regularmente, hai presenza de quitina, existe ademais un poro central que interconecta as hifas unhas coas outras.
A reprodución asexual realízase mediante aplanosporas do tipo conodios, clamidosporas. Son os básicos; poden atoparse membros que posúen tipos desas esporas. A diferenza básica entre os tipos de esporas é:
Conidios: Certas hifas por división mitótica non simétrica (por mitose non simétrica, de células fillas grandes e células fillas pequenas). Complétase o estrangulamento e se forma unha primeira espora, o contido destas esporas e por procedemento igual fórmase outra espora, como resultado temos hifas con gran cantidade de esporas. A célula distal mantén a súa forma, forma despois as células que actúan coma esporas. O protoplasma resultante estírase e toma o tamaño orixinal da porción e forma novamente outra célula de esporas.
Oidios: pode orixinarsecalquera hifa vexetativa (é fragmentada en cada septo); sen previa transformación das hifas, fórmanse os septos, sepáranse as hifas e cada anaco de segmento actúa coma unha espora, podendo conservar nalgúns casos a morfoloxía que tiña.
Clamidospora: en hifas vexetativas, principalmente na porción distal, o protoplasma de cada célula contráese, cóbrese cunha parede grosa, e cando as paredes maternas se desintegran, saen ap exterior.
As estruturas reprodutoras masculinas e femininas danse nun talo con capacidade de autofertilización, é dicir, é homotálico. Cando se fala dun talo heterotálico refírese a que malia ser hermafrodita non pode autofertilizarse. Existen gametanxios onde non hai diferenza entre o feminino e o masculino, noméanse logo coma + e –, aínda que o ascogonio (feminino) é máis grande ca o anteridio (masculino). O proceso resúmese así:
- O núcleo no anteridio pasa ao ascogonio pola tricoxina, - Como non hai cariogamia fórmanse pares de núcleos, - Divisións conxugadas (mitose). Despois dase o crecemento da hifa ascóxena.
En ausencia de anteridios aparecen espermagonios cheos de espermatóforos con espermacios, durante o proceso de crecemento da hifa ocorre un proceso denominado uncinulación, que consiste nunha mitose do par de núcleos da célula apical e a forma de gancho presente na mesma, fórmanse dous septos e o que era o ápice únese á hifa formando un "p".
Nos verdadeiros ascomicetos tamén atopamos o ciclo parasexual.
Os ascomicetos teñen unha función primordial na meirande parte dos ecosistemas terrestres. Ocúpanse da descomposición da materia orgánica, a partir de follas muertas, talos, árbores caídas etc. e axudan aos animais detritívoros, que viven da materia orgánica, a obteneren os seus nutrientes. Procesan materias como a celulosa e maila lignina, que son difíciles de descompor. Por todo isto, xogan un rol moi importante nos ciclos naturais do azote e do carbono.
Os corpos frutíferos ou ascocarpos fornecen alimento a un conxunto diverso de animais, coma insectos, lesmes, caracois, e até roedores e mamíferos grandes coma o cervo ou o porco bravo..
Os fungos ascomicetos son coñecidos tamén polas súas relacións simbióticas con outros organismos.
Probabelmente desde moi cedo os ascomicetos “domesticaron” as algas Chlorophyta ou algas verdes, así coma outros tipos de algas e cianobacterias. Xuntos forman relacións mutualistas coñecidas como liques, que subsisten en rexións sumamente inhóspitas da Terra, incluíndo o ártico, os desertos e os cumes de altas montañas e poden aturar temperaturas extremas entre -40 °C a +80 °C. Mentres o socio fotoautótrofo, a alga, crea enerxía metabólica por medio da fotosíntese, o fungo ofrece un soporte e protexe contra a radiación e a deshidratación. Arredor do 42% dos ascomicetos (aproximadamente 18.000 especies) forman liques e a gran maioría dos fungos que forman liques pertencen a este grupo. A proporción de basidiomicetos é do doua ao catro por cento.
Os ascomicetos forman dous importantes tipos de relacións coas plantas: as micorrizas e mailos endofitos.[2] As micorrizas son asociacións simbióticas do fungo coa raizame das plantas; o fungo realiza a absorción de sales e minerais do solo dun xeito moito máis eficiente que as raíces da planta. Pola súa banda, a planta fornece os produtos da fotosíntese ao fungo. No caso de moitas especies, como a meirande parte das coníferas e moitas outras plantas, esta asociación é de vital importancia. Incluso, en certos casos o fungo transporta nutrientes dunha planta a outra contribuíndo á robustez do ecosistema. É posíbel que as micorrizas teñan existido dende moi cedo no proceso da invasión dos ambientes terrestres polas plantas. Hai evidencia de que os fósiles de plantas terrestres máis antigos xa presentaban micorrizas.
Os endofitos moran dentro das plantas, especialmente nos talos e follas, mais xeralmente non danan o hóspede. Aínda non se coñece ben a natureza exacta desta relación mais semella que esta asociación confire unha maior resistencia contra os insectos, os nematodos e as bacterias; tamén é posíbel que contribúa á produción de alcaloides tóxicos usados polas plantas na súa defensa contra os herbívoros.
Unha serie de especies de ascomicetos do xénero Xylaria atópase nos niños de formigas cortadoras de follas de América do Sur e outras formigas da tribo Attini que cultivan fungos e tamén nos cultivos de fungos das térmites (Isoptera). Estes fungos logo forman ascocarpos despois que os insectos marchen, polo que cre que se trata de fungos cultivados por eles por comparación co que ocorre en varios casos de asociacións con basidiomicetos (Basidiomycota).
Os escaravellos de casca, da familia Scolytidae, son simbiontes importantes dos ascomicetos. As femias transportan as esporas á nova planta hospedante en sacos, chamados micetanxios, baixo a quitina. Furan túneles dentro da madeira e fan cámaras ou celiñas que usan para pór os seus ovos. Cando depositan os ovos tamén deixan esporas das cales medran as hifas que poden efectuar a descomposición da madeira. Cando nacen as larvas aliméntanse dos fungos. Despois da metamorfose carrexan esporas coas que poden infectar a outras árbores. Un exemplo ben coñecido disto é a grafiose (que acabou con case todas a poboacións de umeiros da Península Ibérica), causada polo fungo Ophiostoma ulmi, transmitido polo escaravello da casca dos umeiros: Scolytus multistriatus.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.