frota de guerra inglesa From Wikipedia, the free encyclopedia
A Armada Inglesa (tamén coñecida como a Contraarmada) foi unha frota naval enviada á Península Ibérica pola raíña Isabel I de Inglaterra en 1589, durante a Guerra anglo-española de 1585-1604. Os anglosaxóns refírense a ela como English Armada, Counter Armada ou Drake-Norris Expedition. O obxectivo da armada inglesa era aproveitar a vantaxe naval obtida tras a derrota da Grande e Felicísima Armada española o ano anterior (1588), pero constituíu un rotundo fracaso de dimensións comparables ao de dita Armada Invencible. A expedición era mandada por Sir Francis Drake (almirante) e Sir John Norreys (xeneral), polo que tamén se coñece como a Expedición Drake-Norris de 1589.
O obxectivo de Isabel I era aproveitar a debilidade temporal de España despois da derrota da Armada Invencible, e obrigar a Filipe II a aceptar os seus termos de paz. Isto pensábase conseguir queimando a frota española do Atlántico, desembarcando en Lisboa para causar unha revolta portuguesa contra Filipe II, e finalmente establecendo unha base permanente nas Illas Azores. De conseguirse o terceiro obxectivo, tentaríase roubar os tesouros da frota de Indias na súa ruta a Cádiz. Ningún do tres obxectivos conseguiuse.
Do mesmo xeito que a súa predecesora española, a Armada Inglesa sufriu de exceso de optimismo, posiblemente influenciado polo exitoso ataque a Cádiz de Drake en 1587. Aínda así, o plan principal consistía en destruír a frota española do Atlántico, nas súas bases da Coruña, Donostia e Santander.
A expedición foi pagada por unha compañía con accións, cuxo capital era de 80.000 libras. Do capital, un cuarto pagouno a raíña, un oitavo o goberno holandés e o resto varios nobres, mercadores e gremios. Diversas preocupacións loxísticas, unidas ao mal tempo, atrasaron a saída da frota. Outros problemas inclúen que os holandeses non proporcionaron os barcos de guerra que prometeran, que o atraso causou que se consumise un terzo das provisións, que só había 1.800 soldados veteranos fronte a 19.000 voluntarios, e que non levaban armas para cercar nin cabalaría. Isto expón dúbidas sobre as verdadeiras intencións da xente a cargo da expedición.
Ao saír, a frota consistía en 6 galeóns reais, 60 buques mercantes ingleses, 60 barcos pequenos holandeses e unhas 20 "pinazas". En total 170 naves, moito maior que a da Armada Invencible, composta por 137 barcos. Ademais das tropas de terra, embarcaron 4.000 mariñeiros e 1.500 oficiais. O número total entre mariñeiros e soldados chegou aos 23.000 tripulantes. Drake dividiu os seus barcos en 5 escuadróns, mandados respectivamente por el (no Revenge), Norreys (Nonpareil), o irmán de Norreys, Edward (Foresight), Thomas Fenner (Dreadnought) e Roger Williams (Swiftsure). Xunto con eles, e en contra das ordes da raíña, navegaba o conde de Essex, Robert Devereux.
A maioría dos barcos perdidos por España coa Armada Invencible eran barcos mercantes, e o núcleo da armada (os galeóns españois) foran capaces de chegar a España sen demasiadas perdas, onde foron reparados. O retardo na saída, unido ao temor de atorarse no Cantábrico, fixo que Drake preferise non atacar Santander, onde levaban a cabo a maioría das reparacións. No seu lugar, atacou A Coruña. Norreys tomou a cidadela baixa, matando 500 españois, e Drake destruíu algúns barcos menores, pero foron finalmente rexeitados. Na loita destacouse María Pita.
O seguinte paso era fomentar o levantamento portugués. A aristocracia portuguesa aceptara a Filipe II como rei de Portugal en 1580. O pretendente, o Prior de Crato, non sendo capaz de establecer un goberno no exilio, pediu axuda a Inglaterra. Isabel aceptou axudalo, co obxectivo de diminuír o poder de España en Europa e de abrir as rutas comerciais ás Indias.
O Prior de Crato, herdeiro final da Casa de Avis, non era un candidato demasiado bo: carecía de carisma, a súa causa estaba comprometida por falta de lexitimidade e tiña un opoñente mellor visto polas cortes portuguesas, Catalina, Duquesa de Bragança. Norreys chegou a Lisboa, defendida por unha garda pouco afecta a Filipe, pero o levantamento non ocorreu e Lisboa non chegou a ser tomada. Ao chegaren os ingleses a Lisboa, a súa situación era dramática porque carecían de medios para forzar a súa entrada na capital. Faltáballes pólvora e municións, non tiñan cabalos nin canóns e esgotaran os alimentos.
O 30 de xuño Drake capturou unha frota de barcos comerciais hanseáticos, que romperan o bloqueo inglés rodeando as illas por Escocia. Pero non serviu para sufragar os gastos da expedición porque para acalar as protestas das cidades da Hansa, eses navíos tiveron que ser devoltos coas súas mercadorías aos seus lexítimos propietarios.
Essex recibiu orde de Isabel de volver á corte. Perdida a vantaxe da sorpresa inicial, coa frota reducida polas tormentas e a tripulación cada vez máis cansa e afectada por enfermidades (só quedaban 2.000 homes capaces de loitar), decidiuse que o obxectivo de formar unha base permanente nos Azores non era posible. Norreys volveu a Londres en tanto que Drake trataba en balde de roubar os tesouros da Frota de Indias. Tras outra tormenta, Drake saqueou Porto Santo en Madeira, e xa de volta detívose nas rías baixas de Galicia para arrasar a indefensa vila de Vigo, tras o cal volveu a Londres fracasando absolutamente en todos os obxectivos maiores da expedición.
A indisciplina dominou até o final na frota de Drake. Ao arribar Plymouth o 10 de xullo, os soldados subleváronse porque non aceptaban os cinco xilins que como paga se lles ofreceu. E tan mal cariz tomou a protesta que para reprimila aforcaron sete dos amotinados.
A expedición da "Contraarmada" aínda hoxe é considerada como un dos maiores desastres da historia naval da Gran Bretaña, só superado pola derrota sufrida no sitio de Cartagena de Indias. Dos máis de 23.000 homes que a formaron, haberá que descontar os 3.000 que fuxiron ao saír de Plymouth e os 2.000 que desertaron ao partir da Coruña, que fan un total de 5.000. Pois ben, dos 18.000 que nos quedan, segundo o historiador británico M. S. Hume, só 5.000 regresaron vivos a Inglaterra. É dicir, máis do 70 por 100 dos expedicionarios faleceron na empresa. Entre a oficialidade, as baixas mortais tamén foron moi altas: o contraalmirante William Fenner, oito coroneis, decenas de capitáns e centenares de nobres voluntarios morreron naquela empresa. A estas perdas hai que engadir a destrución ou captura polos españois de polo menos doce navíos, e outros tantos se afundiron por temporais na viaxe de regreso.
Ademais de perder a oportunidade de atacar a frota española en horas baixas, os custos da expedición esgotaron o tesouro real de Isabel, recuperado durante o seu longo reinado. Entre os canóns capturados na Coruña, os abastecementos e outras mercadorías de variada índole confiscadas en Galicia e en Portugal, o total de botín non alcanzaba as 29.000 libras. Tendo en conta que o investimento superara as 160.000 libras, o negocio non podía ser máis ruinoso. A guerra anglo-española foi moi custosa para ambos os países, até o punto de que España tivo que declararse en bancarrota en 1596, tras outro ataque a Cádiz.
Francis Drake quedou condenado a un case total ostracismo tras o fracaso. Morreu en 1595 en combates con españois no Caribe.
Despois da morte de Isabel I (1603) e a chegada ao trono de Xacobo VI de Escocia e I de Inglaterra (rei de Escocia e fillo de María Estuardo) en 1603, este fixo todo o posible por rematar a guerra. A paz chegou en 1604, no Tratado de Londres a petición inglesa, xa que non podían soster máis os custos dun conflito que foi moi lesivo para a economía británica.
Tras a paz, España refixo a súa frota, que rapidamente incrementou a súa supremacía marítima até extremos superiores aos de antes da Armada Invencible. A dita supremacía durou case 50 anos máis até a Batalla naval das Dunas. Inglaterra foi capaz de consolidar a súa soberanía en Irlanda, ademais de establecer colonias en América do Norte.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.