From Wikipedia, the free encyclopedia
Elia Ariadna (en latín "Aelia Ariadne") ou simplemente Ariadna foi unha emperatriz-consorte bizantina, esposa do emperador Zenón e do seu sucesor Anastasio I Dicoro.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 452 (Gregoriano) Constantinopla, Turquía |
Morte | 515 (Gregoriano) (62/63 anos) Constantinopla, Turquía |
Lugar de sepultura | Igreja dos Santos Apóstolos (pt) |
Emperatriz bizantina | |
476 – 515 ← Élia Zenonis (pt) – Eufémia (imperatriz) (pt) → | |
Emperatriz bizantina | |
474 – 475 ← Aélia Verina (pt) – Élia Zenonis (pt) → | |
Actividade | |
Ocupación | raíña |
Enaltecemento | |
Familia | |
Familia | House of Leo (en) |
Cónxuxe | Zenón Anastasio I |
Fillos | León II () Zenón |
Pais | León I e Aélia Verina |
Irmáns | Leôncia |
Descrito pola fonte | Realencyclopädie der classischen Altertumswissenschaft (pt) A Cyclopaedia of Female Biography |
Ariadna era filla de León I, o Tracio, e Elia Verina, unha irmá de Basilisco e, polo tanto, sobriña deste.
Tiña unha irmá, Leoncia, que primeiro foi noiva de Xulio Patricio, un fillo de Aspar mais, probabelmente, o compromiso foi anulado cando Aspar e seu outro fillo, Ardabur, foron asasinados no 471. Daquela, Leoncia casou con Marciano, fillo do emperador Antemio. A parella liderou unha revolta contra Zenón no 478-479 que fracasou e foron exiliados a Isauria despois da súa derrota final.[1]
Un irmán máis novo, de nome descoñecido, naceu no 463 e morreu cinco meses despois. As únicas fontes sobre el son un horóscopo de Retorio e unha haxiografía de Daniel o Estilita.
Ariadna naceu antes da morte de Marciano (reinado do 450-457).[2] En xaneiro do 457, Marciano morreu por mor dunha enfermidade que se cre que era gangrena, contraída durante unha longa viaxe relixiosa. Este deixou unha filla, Marcia Eufemia, que casara con Antemio.[3] Marciano fora proclamado Augusto ao casar con Pulqueria da dinastía Teodosiana. Coa súa morte, esta dinastía rematou, e o exército e o Senado bizantino decidiron nomear emperador ao seu pai, Flavio Valerio León,[4] quen nese momento, era tribuno dos Maciarios, un rexemento que levaba a matea (maza, en latín) como principal arma e foi proclamado emperador co apoio de Aspar, daquela, magister militum. O 7 de febreiro do 457, foi coroado por Anatolio, Patriarca de Constantinopla, co nome de León I. Esta fora a primeira coroación levada a cabo por este patriarca, pola que León quería consegui-lo seu apoio. Así, Verina converteuse en emperatriz consorte e Ariadna en membro de familia imperial.
No 461, para fortalece-los seus apoios, León fundou os excubitores como contrapeso aos soldados xermánicos de Aspar. Recrutou a maioría dos seus membros entre os robustos guerreiros isaurios. No 466, Tarasis Kodisas Rusombladadiotes, un oficial isaurio dos excubitores que se converteu, posteriormente, no emperador Zenón, presentou probas de que Ardabur, un fillo de Aspar, era culpable de traizón.[2] O escándalo provocou unha ruptura nas relacións entre Aspar e León, o que aumentou a dependencia do emperador dos excubitores. No 467, a alianza entre León e Tarasicodissa foi selada co matrimonio de Ariadna co oficial. Para facerse máis agradable á xerarquía romana conservadora e á poboación maioritariamente de fala grega, o marido de Ariadna latinizou o seu nome adoptando o de Flavio Zenón. O único fillo da parella, León, o futuro León II, naceu no primeiro ano do seu matrimonio.
En 471, Aspar e Ardaburio foron asasinados no Gran Palacio de Constantinopla por orde de León, quen foi alcumado "Macelles" ("Carniceiro") pola crueldade dos asasinatos.[1] Zenón converteuse, sen querelo, no único aliado de León no exército bizantino. En outubro do 473, o emperador, León I proclamou César a seu neto, o que supuña facelo herdeiro ao trono como o seu parente masculino máis próximo. Cando o 18 de xaneiro do 474, o emperador morreu de disentería, seu neto sucedeuno inmediatamente co nome de León II[5] e, polo tanto, Ariadna converteuse na emperatriz nai. Mais dado que León II era demasiado novo para reinar só, Ariadna e maila súa nai Verina convencérono para que coroase a Zenón como coemperador; o que aconteceu o 9 de febreiro do 474. Cando León caeu enfermo e morreu o 17 de novembro, Zenón converteuse no único emperador con Ariadna como a súa emperatriz consorte.
A nova parella gobernante non era especialmente popular, sobre todo polas orixes bárbaras do novo emperador o que atraeu a antipatía da poboación de Constantinopla. Mesmo entre as diferentes faccións do exército había certas discrepancias pois, mentres era apoiado polos auxiliares xermánicos, dirixidos por Teodorico Estrabón, non estaba ben visto polos isauros traídos por León I para reducir a dependencia dos ostrogodos e, finalmente, o propio Zenón chegou a entrar en conflito co seu xeneral e compañeiro Ilo.
Inmediatamente, Basilisco e máis Elia Verina aproveitaron a situación para artellar unha conspiración contra os seus familiares por matrimonio. En 475, estalou un levantamento popular contra o emperador na capital e, co apoio militar de Teodorico Estrabón, Ilo e Armato, tomou o control de Constantinopla. Verina convenceu ao seu xenro para que abandonase a cidade e Zenón fuxiu á súa terra natal, levando consigo a algúns dos oficiais isaurios que vivían na capital imperial e tamén ao tesouro bizantino. Basilisco foi entón proclamado "augusto" o 9 de febreiro de 475[Nota 1] no Palacio de Hebdomo polos ministros do palacio e mailo Senado bizantino pois a tradición permitía que o Senado recoñecese a un usurpador, polo que Basilisco converteuse no gobernante legal. Non obstante, esta foi sen dúbida a primeira sucesión mediante un golpe militar en polo menos cen anos.[6] A horda que se formou en Constantinopla logrou vingarse de Zenón executando a case todos os isaurios que quedaban na cidade.[7][6]
Con todo, Basilisco logrou distanciarse de case todos os seus aliados máis importantes. Patricio, o mestre dos oficios e amante de Verina, foi executado para controlar as súas aspiracións de elevalo ao trono. Como consecuencia, Verina máis tarde actuou contra Basilisco para se vingar. Segundo Cândido, (P.G. 85), despois da morte de Patrício, Verina teríase virado a prol de Zenón, mais o seu plan foi descuberto e só salvou a vida por mor da intervención de Armato.[7]
Teodorico e Armato foron ascendidos a magister militum e magister militum praesentialis (mestre de soldados en presenza), respectivamente, pero querían máis. Finalmente, o apoio de Ilo tamén estaba a diminuír, con toda probabilidade, debido ó masacre de Isauria que Basilisco permitira que tivese lugar.[6][8] No 476, tanto Ilo como Armato desertaron de Zenón, o que lle permitiu, en agosto, asediar Constantinopla. daquela, o líder dos godos panónicos, Teodorico o Amalo (que máis tarde sería coñecido como Teodorico o Grande), aliouse con Zenón. As súas ordes eran que atacase a Basilisco e aos seus federados, os godos de Tracia, dirixidos por Teodorico Estrabón. A súa recompensa sería recibir o título de magister militum en poder de Estrabón e tódolos pagos que antes se debían aos godos tracios. Dado que Constantinopla estaba, neses momentos, indefensa durante o asedio de Zenón porque Teodorico Estrabón tería marchado cara ao norte para contrarresta-la ameaza do seu homónimo, o Senado abriu entón as portas da cidade aos isaurios e permitiu que Zenón recuperase o trono. Ariadna era a súa emperatriz.
No 479, Ariadna enfrontouse co seu marido polo destino da súa nai, xa que Verina tentara asasinar a Ilo e fora présa por el. Tamén apoiara a revolta do seu outro xenro, Marciano, mesmo durante a súa catividade. Aínda así, Ariadna intentou conseguir a súa liberación, primeiro con Zenón e despois co propio Ilo, a petición do Emperador. Porén, Ilo, non só se negou a concederlle a petición, senón que a acusou de querer pór a outra persoa no trono do seu marido, o que a enfadou e fixo que, como a súa nai, tentase asasinar a Ilo. Xordanes atribuíu o seu odio a unha causa diferente: afirma que Ilo encheu a cabeza de Zenón de sospeitas maliciosas, o que tería predisposto a Zenón contra ela. Os asasinos contratados por ela fracasaron na tarefa, pero conseguiron cortarlle a orella a Ilo antes de que fosen arrestados. A pesar de coñece-lo caso, Zenón parece que non lles puido salva-las súas vidas.[9]
A liorta semella que non provocou maiores efectos no seu matrimonio pois, Ariadna, permaneceu casada con Zenón até a súa morte o 9 de abril de 491. A Augusta conseguiu elixi-lo sucesor do seu marido no trono e, ao mesmo tempo, un novo marido para ela na persoa de Anastasio I Dícoro, un oficial de palacio (silenciario), en detrimento de Lonxino, irmán de Zenón. Anastasio foi proclamado emperador o 11 de abril e casaron o 20 de maio do mesmo ano. Non obstante, o matrimonio non tivo fillos.
Ariadna morreu en Constantinopla no 515[10] e foi enterrada na Igrexa dos Santos Apóstolos. Anastasio foi enterrado xunto a ela no 518.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.