Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Antiga e Barbuda (en inglés: Antigua and Barbuda) é un país situado ó leste do mar Caribe, en América Central, e que forma parte das Antillas Menores. Antiga e Barbuda está formada principalmente polas dúas illas de Antiga, Barbuda e illas pequenas como Redonda, Great Bird, Green, Guiana, Long, Maiden e York Islands. No ano 2019, a poboación permanente do país roldaba as 97 120 persoas, cun 97% delas residindo na illa de Antiga.[1] A capital e meirande cidade e porto é Saint John's, en Antiga, sendo Codrington a vila máis grande de Barbuda. Situadas unha preto da outra, Antiga e Barbuda atópanse no medio das Illas de Sotavento, parte das Antillas Menores, aproximadamente a 17° N do ecuador.
Antigua and Barbuda (en) | |||||
Himno | Fair Antigua, We Salute Thee | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Each Endeavouring, All Achieving» «Всеки се старае – всички постигаме» | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Saint John's | ||||
Contén a división administrativa | Barbuda Illa Redonda Saint George (pt) Saint Mary (pt) Saint Paul (pt) Saint Peter (pt) Saint Philip (pt) São João (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 101.489 (2023) (230,5 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua inglesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 440,29 km² | ||||
Punto máis alto | Monte Obama (402 m) | ||||
Punto máis baixo | Mar Caribe (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1 de novembro de 1981 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía constitucional | ||||
• Monarca | Carlos III do Reino Unido (2022–) | ||||
• Primeiro ministro | Gaston Browne | ||||
Órgano lexislativo | Parliament of Antigua and Barbuda (en) , | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 1.560.518.519 $ (2021) | ||||
Moeda | Dólar Caribe-Leste | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .ag | ||||
Prefixo telefónico | +1268 | ||||
Teléfono de emerxencia | 999 e 911 | ||||
Código de país | AG | ||||
Sitio web | ab.gov.ag |
A illa Antiga foi explorada por Cristovo Colón en 1493, quen a nomeou na honra da igrexa de Santa María La Antigua.[2] Antiga foi colonizada polos británicos en 1632, e a illa de Barbuda foi colonizada por primeira vez en 1678.[2] Formando parte da Colonia Federal das Illas de Sotavento dende 1871, Antiga e Barbuda uniuse á Federación das Indias Occidentais en 1958.[3] Coa ruptura da federación, converteuse nun dos Estados Asociados das Indias Occidentais en 1967.[4] Despois de coseguir o autogoberno nos seus asuntos internos, a independencia foi concedida polo Reino Unido o 1 de novembro de 1981. Antiga e Barbuda é membro da Commonwealth e Carlos III é o rei e xefe de estado do país.[5]
A economía de Antiga e Barbuda depende especialmente do turismo, que representa o 80% do PIB. Do mesmo xeito que outras nacións insulares, Antiga e Barbuda é particularmente vulnerable aos efectos do quecemento global, como o aumento do nivel do mar e o aumento da intensidade do tempo extremo como os furacáns, que teñen impactos directos na illa pola erosión costeira, a escaseza de auga e outros desafíos.[6] A partir de 2019, Antiga e Barbuda ten unha taxa de imposto sobre a renda individual do 0 %,[7] ao igual que o veciño Saint Kitts e Nevis.
Antigua (nome oficial do país en inglés) provén do termo castelán para "antiga" e Barbuda é tamén un termo que provén do castelán.[1] A illa de Antiga chamábase orixinalmente Wadadli polos arauacos e hoxe coñécese localmente con ese nome; os caribes posiblemente chamaron á illa de Barbuda como Wa'omoni. Cristovo Colón, mentres navegaba por alí en 1493, chamouna Santa María la Antigua, na honra dunha icona da catedral española de Sevilla. Pénsase que o termo "barbuda" de Barbuda se refire aos habitantes masculinos da illa, ou ás figueiras barbudas alí presentes.
Os primeiros habitantes das illas de Antiga e Barbuda cara ao 2400 a. C. foron amerindios pre-cerámicos. Máis tarde, as tribos amerindias arauacas e caribes poboaron as illas. A illa de Antiga foi chamada orixinalmente polos nativos Wadadli. Cristovo Colón desembarcou na súa segunda viaxe en 1493 e deulle á illa o nome de Antiga. Barbuda recibiu máis tarde o seu estraño nome polas "barbas" de líquenes que adornaban as súas palmeiras.
Aos primeiros colonos españois e franceses sucederon os ingleses, quen formaron unha colonia en 1667 ao transportar católicos irlandeses a Antiga. A escravitude, establecida para dirixir as plantacións de azucre en Antiga, foi abolida oficialmente en 1838 en todas as colonias británicas, pero en Antiga e Barbuda persistiu ata a chegada dos sindicatos en 1939. Vere Bird foi o fundador do Partido Laborista de Antiga (PLA), primeiro partido político creado no país, e tamén o primeiro líder sindical da nacente nación. Logo de décadas de loita, conseguiu gañar as eleccións de 1960 e converterse en Primeiro Ministro.
En 1960 promulgouse unha constitución segundo a cal Antiga e Barbuda comezaba a autogobernarse a través dun Parlamento electo democraticamente, pero o poder oculto de Inglaterra quedaba evidenciado no feito de que Londres exercía os ministerios de Relacións Exteriores e Defensa antiganos.
As illas convertéronse nun estado asociado á coroa británica en 1967, cando Vere foi reelixido, e comezou un longo período en que a familia deste político entrou e saíu do goberno. A primeira derrota electoral de Vere foi en 1971 ante George Walter, pero regresou ao poder tras volver gañar en 1976.
O país obtivo o status de membro independente da Mancomunidade de Nacións o 1º de novembro de 1981, cando Vere Bird converteuse no Primeiro Ministro por enésima vez. País finalmente soberano, unitario e democrático, Antiga e Barbuda foi admitido no CARICOM e a ONU. A pesar da oposición, que non recoñecía o carácter de loitador social de Bird e acusábao por diversos supostos episodios de corrupción, o dirixente conseguiu manterse no poder ata ser reelixido en 1984.
Un ano antes, Antiga e Barbuda adoptou unha alianza con Estados Unidos, mediante a cal permítelle usar o seu territorio con fins militares a cambio do pago dun canon anual de arrendamento. Durante a invasión da illa de Granada de 1983, tropas antiganas acompañaron ás estadounidenses.
Na actualidade, o primeiro ministro é Gaston Browne.
Aínda que as fermosas praias do país convertérono nun dos máis prósperos da rexión, a súa industria azucreira (que debese ser a primordial) foi intermitente durante toda a súa historia, e nos últimos tempos acusouse a Antiga e Barbuda de ser un dos maiores paraísos mundiais para narcotraficantes e branqueadores de diñeiro.
Antiga e Barbuda forma parte da Commonwealth de Nacións, polo que a xefa do estado é o rei Carlos III, que está representado nas illas por un Gobernador Xeral.
O poder executivo está nas mans do primeiro ministro, que é tamén o xefe de goberno. O primeiro ministro é normalmente o líder do partido vencedor das eleccións para a Cámara de Representantes (17 membros elixidos), celebradas cada cinco anos. A outra cámara do parlamento, o Senado, ten 17 membros que son nomeados polo gobernador xeral. O seu actual primeiro ministro é Gaston Browne (dende o 13 de xuño de 2014).
A illa de Antiga divídese en seis parishes ou parroquias:-
|
|
Tanto a illa de Barbuda como a illa deshabitada de Redonda gozan cada unha de status de dependencia.
O país consta de varias illas, da cal Antiga ten unha extensión de 280 km², é a maior e máis poboada; Barbuda que posúe 160,5 km², ao norte de Antiga e Redonda ao suroeste do país con 1,5 km². As illas teñen un clima tropical cálido, con suaves temperaturas constantes durante o ano. Tanto Antiga como Barbuda pertencen ao grupo das Illas de Sotavento.
As illas son na súa maioría de terras baixas, co punto máis alto no monte Obama, a 470 metros, situado en Antiga. A principal vila do pequeno país é a capital Saint John's en Antiga; a maior localidade de Barbuda é Codrington.
Antiga é calcaria e arenosa, con fermosas praias que atraen ao turismo internacional. Barbuda, chamada Dulcina polos antigos conquistadores españois, áchase situada a 40 km ao norte da anterior. Constitúe nunha gran reserva de caza habitada por cervos, xabarís e gran variedade de aves como pombas e patos. A illa Redonda é rochosa e deshabitada pero ten xacementos de fosfato.
Os ríos son moi escasos en Antiga e directamente non existen en Barbuda e Redonda.
O clima é tropical, con escasa amplitude térmica. Entre os meses de febreiro e maio é fresco e seco. A illa Redonda, anexada na década de 1860 cando se descubriu fosfato, ficou deshabitada despois de 1930.
A economía depende maiormente do turismo. É importante tamén a produción agrícola de cana de azucre, algodón e froitas; así como o refinado de petróleo e manufacturas téxtiles, de ebanistería e de produción de ron. Produce algo de cervexa, roupa, cemento, artesanías locais e mobiliario.
Entre os seus produtos agropecuarios, ademais dos nomeados, cóntanse as papaias, goiabas, laranxas, ananases, limóns e cenorias. O seu gando consiste en bóvidos e lanares.
A moeda oficial é o dólar caribe leste, cunha paridade de 2,69:1 co dólar EUA (2005). O produto bruto interno era de 11.000 dólares per cápita en 2003 e a taxa de inflación anual é moi baixa (0,4% en 2000). O país ten unha débeda externa de 231 millóns de dólares (2002) e unha moderada taxa de desemprego do 11% (2001).
Antiga e Barbuda exporta derivados do petróleo, maquinaria, equipos de transporte e alimentos á Organización de Estados do Caribe Oriental (16%), Barbados (15%), Güiana (4%), Trinidad e Tobago (2%) e os Estados Unidos (0,3%) (2000).
Importa principalmente dos Estados Unidos (27%), Reino Unido (16%), Canadá (4%), a OECO (3%) e outros países (50%) produtos agrícolas e derivados do petróleo.
Antiga ten unha poboación de 96 286 habitantes, formado na súa maioría por persoas de ascendencia africana occidental, británica e madeirense. A distribución étnica componse dun 91% de negros, un 4,4% de raza mixta, un 1,7% de brancos e un 2,9% doutros grupos étnicos (principalmente do sur de Asia). A maioría dos brancos son de orixe británica. Os árabes cristiáns levantinos, e un pequeno número de asiáticos orientais e xudeus sefardís constitúen o resto da poboación.
Unha porcentaxe cada vez maior da poboación vive no estranxeiro, sobre todo no Reino Unido (antiganos británicos), nos Estados Unidos e o Canadá. Unha minoría de residentes en Antiga son inmigrantes doutros países, especialmente de Dominica, Güiana e Xamaica, e, cada vez máis, de República Dominicana, San Vicente e as Granadinas e Nixeria. Estímase que uns 4.500 cidadáns estadounidenses tamén viven en Antiga e Barbuda, o que converte o seu número nunha das poboacións estadounidenses máis grandes do Caribe Oriental de fala inglesa.[8]
O inglés é a lingua oficial. O acento de Barbuda é lixeiramente diferente do de Antiga. Nos anos anteriores á independencia de Antiga e Barbuda, o inglés estándar era moi falado por diante do crioulo de Antiga. Xeralmente, as clases altas e medias evitan o crioulo. O sistema educativo desaconsella o uso do crioulo e a instrución faise en inglés estándar (británico).
Moitas das palabras usadas no crioulo derivan do inglés británico e de linguasafricanas. Isto pódese ver facilmente en frases como: "Ent it?" que quere dicir “non é?”. Os proverbios comúns das illas a miúdo pódense rastrexar ata África.
O castelán é falado por uns 10 000 habitantes.[9]
A maioría (77%)[1] dos antiganos son cristiáns, sendo os anglicanos (17,6%) a denominación individual máis grande. Outras denominacións cristiás presentes son a Igrexa adventista do sétimo día (12,4%), o pentecostalismo (12,2%), a Igrexa Moravia (8,3%), a Igrexa católica (8,2%), a Igrexa metodista (5,6%), a Igrexa da Santidade Wesleyana (4,5%), Igrexa de Deus (4,1%), os baptistas (3,6%),[1] os mormóns (<1,0%), así como as Testemuñas de Xehová.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.