From Wikipedia, the free encyclopedia
Andrej Babiš, nado en Bratislava o 2 de setembro de 1954, é un empresario e político checo de orixe eslovaca. Está considerado o segundo home máis rico da República Checa. É o fundador e propietario do grupo Agrofert, ten o control dos dous principais xornais do país ademais de diversas radios e televisión. En 2011, entrou na escena política checa co seu novo partido ANO 2011. De 2014 a 2017 asumiu o cargo de Viceprimeiro ministro e ministro de Finanzas da República Checa nun goberno de coalición. O 21 de outubro de 2017 o seu partido foi o máis votado co 29,6 % dos votos nas eleccións xerais o que lle permitiu optar ao posto de Primeiro Ministro, cargo que ocupou dende o 6 de decembro de 2017 ata o 28 de novembro de 2021.
Naceu en Bratislava. O seu pai, Štefán Babiš, era un diplomático e executivo dunha empresa do réxime comunista checoslovaco para a exportación e importación de produtos agrarios. Membro do Partido Comunista de Checoslovaquia, representou a Checoslovaquia durante as negociacións co GATT en Xenebra e como consultor na ONU.[1][2] Grazas á situación do seu pai, Andrej pasou parte da súa infancia entre Francia e Suíza. Máis tarde, estudou nun gymnasium en Bratislava e seguindo o mesmo camiño do seu pai formouse en ciencias económicas na Universidade de Ciencias Económicas, onde estudou comercio internacional.[3] Ingresou axiña na Empresa de Comercio Exterior e en 1980 no Partido Comunista de Checoslovaquia.[3] Como delegado da empresa pública exterior Petrimex estivo destinado en Marrocos de 1985 a 1991. Ademais, polo menos, entre 1982 e 1988 foi axente da ŠtB, a policía secreta da ditadura comunista de Checoslovaquia.[4][5]
A principios da década de 1990, tras o seu regreso a Chequia continuou traballando para Petrimex, conseguindo en 1993 fundar Agrofert, unha compañía subsidaria da anterior pero que logo pasaría a ser propiedade de Babiš.[6] O desenvolvemento desta empresa permitiulle a Babiš ser unha das persoas máis ricas do país,[7] ao tempo que dominaba o sector agroalimentario checo.[8] Ademais, en 2013 adquiriu o grupo de medios Mafra que publica algúns dos xornais máis relevantes de Chequia.[9][10]
En 2011, entrou na escena política checa fundando a iniciativa Acción dos Cidadáns Insatisfeitos, xerme do seu novo partido ANO 2011 (en checo: Akce Nespokojených Občanů 2011, é dicir, Acción de Cidadáns Insatisfeitos 2011, significando "ano" en checo "si"). En 2013, o partido presentouse como unha formación de centro e nas eleccións xerais foi a segunda máis votada con 47 deputados recollendo o desencanto da poboación decepcionada pola xestión do goberno durante a crise económica.[3] O seu partido formou parte dun goberno de coalición co Partido Socialdemócrata e os democratacristiáns e Babiš asumiu en xaneiro de 2014 o posto de Viceprimeiro ministro e Ministro de Finanzas.
En febreiro de 2017 promulgouse a chamada Lex Babiš, unha lei de incompatibilidades que lle impediu compaxinar a súa posición como ministro de Finanzas coa dirección das súas empresas, polo que a súa fortuna áchase nun fondo fiducidario e formalmente xa non esta á fronte de Agrofert.
Foi despedido do goberno en maio de 2017, a petición do Primeiro Ministro Bohuslav Sobotka, despois de moitas controversias sobre el. En particular, acúsaselle de realizar transaccións financeiras dubidosas, fraude fiscal e de estar nunha situación de conflito de interese en varias ocasións.[11]
O 2 de maio de 2017, o Primeiro Ministro Bohuslav Sobotka, presentou a súa dimisión e a do seu Goberno tras varios meses, nos que o propio Babiš foi acusado de fraude fiscal.
En outubro de 2017 concorreu ás eleccións xerais celebradas o 21 de outubro á fronte do partido que preside, ANO converténdose no partido máis votado co 29,64 % dos votos, 11 puntos máis ca en 2013.[12] Por detrás veñen tres partidos con moi pouca diferenza de votos, o ODS Partido Democrático Cívico (dereita, euroescéptico) con 11,3%, o Partido Pirata, con 10,7% fronte ao 2,6 de 2013 e a partido Liberdade e Democracia Directa (Svoboda a přímá demokracie - Tomio Okamura, SPD) (do checo-xaponés Tomio Okamura (extrema dereita), con 10,64%. O partido comunista KSCM logrou o 7,76 % fronte ao 14,9% catro anos atrás. O partido socialdemócrata checo, CSSD, do xefe de goberno saínte, Bohuslav Sobotka, rexistrou unha contundente caída pasando do 20,4 de 2013 a 7,2% en 2017.[13][14][15] Malia a que o parlamento checo rexeitou a súa investidura en xaneiro de 2018,[16] finalmente, conseguiría que o presidente Miloš Zeman o volvese propor á cámara lexislativa conseguindo o apoio externo do Partido Comunista de Bohemia e Moravia (KSCM) en xullo de 2018.[17] A fins de decembro de 2020 foi o primeiro checo en recibir a vacina contra o covid-19.[18]
Como primeiro ministro, apoiándose no forte impacto na industria checa, manifestouse contra os plans de descarbonización da Unión Europea e contra a prohibición dos motores de combustión para 2035.[19][20] Paralelamente, é defensor de dar un pulo á enerxía nuclear para loitar contra o cambio climático.[21]
En outubro de 2021, días antes das eleccións parlamentarias, o seu nome aparecía nos "Papeis de Pandora": a maior investigación feita ata entón sobre milleiros de personalidades que recorreron a paraísos fiscais para a evasión de impostos.[22] Segundo a documentación feita pública, en 2009 Babiš moveu 15 millóns de euros a contas das Illas Virxes Británicas para mercar logo, anonimamente, un castelo na Costa Azul francesa, preto de Cannes.[23][24] As eleccións deron un resultado que non se agardaba pois unha coalición de partidos da oposición lograba superar ao partido de Babiš.[25] Aínda que confiaba converterse de novo en primeiro ministro, anunciou que se non o consegue continuará a súa vida política na oposición.[26] Finalmente, o 28 de novembro de 2021 deixou de ser o xefe do goberno sendo substituído por Petr Fiala da conservadora ODS.[27]
Candidatouse ás eleccións presidenciais da República Checa celebradas entre o 13 e o 14 de xaneiro de 2023. Babiš concorreu co apoio do seu partido, ANO, e era un dos candidatos favoritos canda o xeneral retirado Petr Pavel e a académica Danuse Nerudova.[28][29] O escrutinio mostrou un resultado axustado, conseguindo Petr Pavel o 35,40% fronte o 34,99% de Babiš, pasando ambos á segunda volta. Nela, Babiš foi derrotado con contundencia por Pavel, quen sumou o 58,32% contra o 41,68% colleitado polo antigo primeiro ministro.[30]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.