O rebentabois (Amanita muscaria [1]), tamén chamado brincabois ou amanita pinta[2], é un cogomelo tóxico, pertencente á orde Agaricales, frecuente en Galicia e en toda Europa, e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer: Fungo pintarraxado, atola as moscas e mais o gado [3].

Máis información Clasificación científica, Nome binomial ...
Rebentabois

Dous exemplares da especie
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Amanitaceae
Xénero: Amanita
Nome binomial
'Amanita muscaria'
(L.) Lam. (1783)
Pechar

Coñécese en castelán como falsa oronja [4] ou matamoscas; en catalán: reig bord, reig de fageda, reig tinyós ou reig vermell; en vasco: kuleto paltsoa ou kuleto falsoa. En Francia chámase fause oronge.

O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufri-los insectos que pousan sobre este cogomelo.

Descrición

Ó nacer, a amanita ten a forma dunha pequena bóla branca e carnosa, que termina rompendo ó desenvolverse o sombreiro. Este é practicamente hemiesférico pero pouco a pouco vai estendéndose e tomando a clásica forma de paraugas, aplanado e co bordo lixeiramente estriado. A cor propia é vermella e vai clareando ó madurecer, ata cores laranxas ou amareladas. O veo branco que pechaba ese ovo inicial queda fragmentado sobre a superficie do sombreiro formando esas pintas brancas, que van desprendéndose co paso do tempo, sobre todo baixo chuvias importantes, que as arrastran. Estes restos de veo poden arrancarse facilmente.

O sombreiro é carnoso e húmido ou algo viscoso. Pode alcanzar un tamaño de 12–15 cm de altura e un diámetro de 8 a 20 cm.

Thumb
Exemplar adulto xunto a outro xuvenil

Na parte inferior do sombreiro están as láminas, sempre brancas, moi mestas e co bordo interno libre [5]; a esporada [6] é tamén branca. O pé ou talo, esvelto e de ata 3 cm de sección, tamén é branco, coa base engrosada e presenta un anel [7] branco, membranoso, lobulado e colgante, ás veces coa marxe amarelenta e estriada. Cando o exemplar alcanza a madurez, o pé pode mostrar unha canle oca no seu interior. Como tódalas especies deste xénero, na base do pé atópase unha volva [8] que, neste caso, adopta a forma dunha serie de rodas de vultos ou engrosamentos, tamén brancos, a modo de espullas.

A carne é insípida ou lixeiramente doce, e sen olor propio, cunha suave coloración alaranxada baixo a cutícula e branca no resto. As esporas son brancas e miden 9,5-12 por 6-8 micrómetros, lisas e non amiloides.

Diferenciación

A forma, cores e, sobre todo, a presenza das pintas brancas fai que sexa fácil de recoñecer. Podería confundirse coa Amanita caesarea (comestible e moi apreciada) se chegan a desaparecer tódalas manchas brancas, da que se diferenza porque nesta última especie o pé e as láminas son de cor amarela dourada e a volva está ben desenvolvida e carnosa.

Hábitat

Adoita medrar en medios húmidos e sombrizos, baixo coníferas ou frondosas (faias, bidueiros etc.), pero non é estraño atopala en espazos máis despexados. Crece en zonas baixas ata a media montaña. É frecuente o seu crecemento en grupos.

É unha especie tipicamente outonal, que aparece xa a finais de verán.

Toxicidade

Considérase unha especie velenosa, con efectos tóxicos sobre o fígado e o intestino que poden chegar a ser graves pero raramente mortais. Produce tamén efectos alucinóxenos, razón pola que se consumiu desde antigo en diferentes partes do mundo.

Os efectos psíquicos que provoca débense ó seu contido en derivados isoxazólicos (como o ácido iboténico ou o muscimol) e outros, como a butofenina e a muscarina (responsable da visión deformada de formas e distancias). Entre 30 minutos e 1 hora despois de inxerilo aparecen trastornos gastrointestinais (dores cólicas e vómitos) e inmediatamente despois comezan os efectos alucinóxenos, con delirios, alucinacións e visións coloreadas e puntos de luz, nun estado semellante á embriaguez, para rematar cun forte sono ó cabo de varias horas. A concentración dos principios activos é variable dentro dun mesmo exemplar (a cutícula é máis rica có resto da carne) e segundo o hábitat onde se recolle (a máis altura, maior concentración). Tamén se dá o feito de que unhas substancias se transforman noutras ó madurar ou tras desecamento: o ácido iboténico degrádase rapidamente en muscimol, 5-10 veces máis potente e capaz de permanecer activo en exemplares desecados de varios anos.

Thumb
Alicia no país das marabillas

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.