![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f7/Xestobium.rufovillosum.jpg/640px-Xestobium.rufovillosum.jpg&w=640&q=50)
Xestobium rufovillosum
especie de insecto / From Wikipedia, the free encyclopedia
Xestobium rufovillosum é unha especie de escaravello perforador da madeira da familia Ptinidae (antes Anobiidae) que ás veces infesta a madeira de edificios antigos. O adulto é de cor marrón e mide como media 7 mm de longo. Pon os ovos en gretas escuras de madeira vella do interior de edificios, árbores ou en túneles deixados por xeracións previas de larvas.[1] As larvas perforan a madeira, aliméntanse durante dez anos antes de pupar e despois saen da madeira en forma de escaravellos adultos. A madeira que estivo humedecida e está afectada pola putrefacción fúnxica é branda dabondo como para que as larvas a poidan furar coas súas mandíbulas. Obteñen a súa nutrición utilizando os encimas presentes no seu tracto dixestivo para dixerir a celulosa e hemicelulosa da madeira.
Xestobium rufovillosum | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
|
As larvas debilitan as estruturas de madeira dos edificios ao facer túneles dentro dela. O tratamento con insecticidas para matalas é bastante ineficaz e unha mellor opción pode ser matar os escaravellos adultos cando saen en primavera e principios do verán. Porén, a infestación por estes escaravellos adoita estar limitada a edificios históricos, porque os edificios modernos de madeira usan madeiras máis brandas para as trabes e traveseiros en lugar de madeira vella de carballo, que é a que prefiren estes escaravellos.
Para atraer parella, os adultos crean un son repenicante ou como un tictac que pode ás veces oírse nas trabes de edificios antigos nas noites de verán; por iso, este escaravello está asociado con noites calmas de verán nas que non se puido durmir e nalgúns países está relacionado coa vixilia ou o velatorio que se fai a carón dos moribundos ou mortos; de feito, en inglés reciben o nome de deathwatch beetles, que significa escaravellos do velatorio ou da vixilia (ás veces traducido por escaravellos do reloxo da morte, xa que watch ten eses dous significados). Por extensión, existe a superstición de que estes sons son un mal agoiro e anuncian unha morte inminente.
![]() |
|
Información sobre ficheiros multimedia. |