xabaril mitolóxico, obxecto dunha cacería épica From Wikipedia, the free encyclopedia
O Xabaril de Calidón foi un xabaril monstruoso que enviara Artemisa contra a cidade de Calidón. Foi morto por unha partida de caza formada por un amplo grupo de heroes do momento na mitoloxía grega. O feito da participación de tantos heroes converteu o episodio nun afamado mito que se viu reflictido en numerosas obras da arte clásica.
O rei de Calidón, Eneo, ofreceu un sacrificio ós deuses olímpicos cos primeiros froitos colleitados en Etolia, nunha anada de abundancia, como adoitaba facer tódolos anos. Pero dunha volta esqueceu incluír a Artemisa entre os deuses homenaxeados e a deusa, sentíndose agraviada, mandoulle un xabaril de gran tamaño e forza que devastaba as terras e acababa co gando e coa xente.
"Pagaraas [di Diana] Dirán de min que quedei sen honra, pero non sen vingar. Dito iso, enviou ós campos de Eneo un enorme xabaril; o herboso Epiro non ten bois maiores, e os que teñen os labrantíos de Sicilia son menores. Os ollos escintilan de sangue e lume, o pescozo duro e crespo, as cerdas erizadas como ríxidas xavelinas... Tan pronto esmaga as méses, aínda migallas de herba, como sega as esperanzas xa maduras ... e malogra a colleita nas espigas. Tamén se asaña contra os rabaños, nin a estes pode defender o pastor nin o can, nin ás vacadas os touros bravos".(Ovidio: Metamorfosis VIII, 279-298)
Para acabar co animal, Eneo chamou a diferentes heroes da Hélade e prometeu a súa pel a aquel que conseguira darlle morte. O chamamento reuniu a numerosos heroes e guerreiros de toda Grecia, entre os que se incluía Meleagro (o fillo de Eneo), Cástor e Pólux, Teseo, Xasón, Ificles, etc. [1]
Tamén acudiu Atalanta, filla de Esqueneo, pero Anceo, Cefeo e outros negábanse a que unha muller se integrara na partida de caza. Porén, Meleagro quería deitarse con ela e non aceptou que se retirara, obrigando a todos a aceptar a súa presenza. Eneo festexounos durante nove días e ó décimo comezou a caza.
Cando deron co animal, nun mesto bosque lindeiro coa chaira, rodeárono. Anceo (fillo de Licurgo) e Hileo morreron no primeiro ataque do xabaril; Enésimo (fillo de Hipocoonte), pouco despois. E Euritión (fillo de Áctor) resultou ferido accidentalmente cunha xavelina que lanzara Peleo (fillo de Éaco) [2].
Atalanta conseguiu ferilo en primeiro lugar coas súas frechas no lombo [3], seguida por Anfiarao (fillo de Oícles), que o feriu nun ollo, pero foi Meleagro quen conseguiu matalo (a pesar de que Artemisa axudaba ó animal). Sacoulle a pel e deulla a Atalanta, pois xa vira que fora ela quen fixera brotar o primeiro sangue.
"Toma, Nonacris [4], o despoxo que me pertence, e que a miña gloria sexa compartida contigo. E dálle como botín a pel encrespada de ríxidas cerdas e a cabeza adornada cos seus enormes cairos".(Ovidio VIII, 426-429)
Pero esta cesión non foi aceptada polos fillos de Testio, que se negaron a que o premio caese nunha muller habendo homes na partida, polo que lle arrebataron a pel. Aseguraban que, se Meleagro renunciaba ó premio, era a eles a quen lles correspondía, por parentesco [5]. Pero Meleagro, enfurecido, matounos, a Plexipo e Toxeo, e devolveu a pel a Atalanta. Outra tradición di que se emprendeu unha loita entre os cazadores pola posesión da pel do xabaril, na que Meleagro deu morte ós fillos de Testio.
En calquera caso, Meleagro morreu, cumpríndose así a vinganza de Artemisa contra Eneo, ben durante a batalla que se desenvolveu contra a cidade de Calidón, ben porque Altea, cando soubo que matara ós seus irmáns, prendeu lume ó tizón que o mantiña con vida.
Pausanias [6] comenta que el chegou a ver a pel do xabaril, que se conservaba, xa seca e sen pelo, no templo de Atenea en Texea (Arcadia). O motivo principal do frontón do templo era o episodio da caza do xabaril.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.