From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Cefeo é o nome de dous importantes reis gregos.
O máis coñecido era o pai de Andrómeda e esposo de Casiopea. Xuntos gobernaban sobre os Cefenos un dos pobos que habitaban a actual Etiopía (Joppa). Os tres personaxes forman parte central do mito de Perseo e Andrómeda. Como o resto dos personaxes principais desta historia Cefeo dá o seu nome a unha constelación do hemisferio boreal. Cefeo era o fillo de Belo, rei de Exipto, quen á súa vez era fillo de Poseidón. Á súa morte o trono pasou a mans de Perses, fillo de Perseo e Andrómeda.
Cefeo é a figura paterna dunha familia real de constelacións cuxa saga domina os ceos do norte; a súa esposa é Casiopea, a raíña vaidosa e a súa filla é a fermosa Andrómeda e é, a través dela, como é máis coñecido. Esta constelación posúe unha historia moi venerable; en Mesopotamia era identificada co rei da cidade-estado de Babilonia, que á súa vez tiña por fillo terreal de Bel, o Baal do Antigo Testamento, chamado Enlil na tradición sumeria. Esta última identidade achéganos unha clave para entender e interpretar o mito astral de Cefeo. Os babilonios dividiron os ceos en "tres camiños", que se repartiron as divindades cósmicas Ea, Enlil e Anu. Enlil vixiaba o camiño inferior, formado polas estrelas circumpolares do norte, entre as que se acha Cefeo.
Algunhas veces presentouse a este rei como unha figura ríxida e autoritaria, sentada ao carricho sobre o polo celestial, facendo honra á súa descendencia da liñaxe do deus celeste Enlil. O poeta latino Manilio (século I) ofrece, como tantas veces no seu tratado de mitoloxía, unha detallada interpretación astrolóxica de Cefeo, na que se describe a este rei como un personaxe fachendoso que gozaba do seu halo de poder. O tratamento que comunmente recibe na mitoloxía grega é o dunha persoa de carácter débil, sometido aos desexos da súa esposa. O poeta Arato (século –III) ofrécenos a descrición máis clásica do rei "como un coas dúas mans estendidas", sen dúbida unha actitude de súplica cara aos deuses polos desastres cos que o deus Poseidón (Neptuno) azouta as súas terras para castigar o orgullo da raíña Casiopea.
O outro rei de nome Cefeo era fillo de Aleo, rei de Arcadia. Cefeo acabaría converténdose no rei de Texea, no Peloponeso. Cefeo é coñecido por acompañar a Xasón como un dos Argonautas. Cóntase que morreu en batalla axudando a Heracles contra os lacedemonios.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.