Voo 655 de Iran Air
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O voo 655 de Iran Air era un voo de pasaxeiros de Iran Air entre Teherán e Dubai. O 3 de xullo de 1988 o avión que operaba a ruta foi derrubado polo cruceiro da armada dos Estados Unidos USS Vincennes comandado por William C. Rogers III. O incidente tivo lugar no espazo aéreo iraniano, sobre augas territoriais dese país no golfo Pérsico, e na ruta habitual do voo. O avión, un Airbus A300 B2-203, foi destruído por mísiles terra-aire SM-2MR disparados dende o Vincennes. As 290 persoas a bordo morreron. O cruceiro Vincennes entrara en augas territoriais iranianas despois de que un dos seus helicópteros recibira disparos de advertencia de lanchas iranianas que operaban dentro dos límites territoriais do país.[1][2]
Voo 655 de Iran Air | |
---|---|
Resumo | |
Data | 3 de xullo de 1988 |
Causa | derrubado polo USS Vincennes |
Lugar | Estreito de Ormuz |
Coordenadas | |
Finados | 290 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Airbus A300 B2-203 |
Operador | Iran Air |
Rexistro | EP-IBU |
Pasaxeiros | 274 |
Tripulación | 16 |
Superviventes | 0 |
Segundo o goberno dos Estados Unidos a tripulación identificou incorrectamente o Airbus A300 iraniano como un caza F-14A Tomcat atacante, un avión fabricado nos Estados Unidos e operado nese momento por só dúas forzas en todo o mundo, a armada estadounidense, e a forza aérea iraniana. Aínda que o fabricante Grumman só subministrara o F-14 a Irán cunha configuración aire-aire nos anos 70,[3] a tripulación do Vincennes fora informada cando chegaron á zona de que os F-14 iranianos levaban bombas non guiadas ademais de mísiles Maverick e foguetes.[4] A tripulación do cruceiro realizou dez intentos para comunicarse coa tripulación do avión usando frecuencias de radio civís e militares, pero sen recibir resposta.[5] A Organización de Aviación Civil Internacional dixo que a tripulación do voo debería ter estado atenta á frecuencia civil.[6]
Segundo o goberno iraniano, o Vincennes derrubou neglixentemente o avión civil: o A300 estaba facendo identificación amigo-inimigo no transpondedor usando o Modo III (non o Modo II utilizado polos avións militares iranianos), un sinal que o identifica como un aparello civil.[7][8] O evento xerou unha gran cantidade de críticas aos Estados Unidos. Algúns analistas culparon ao capitán do Vincennes, que entrara en augas iranianas, de conduta imprudente e agresiva nunha contorna tensa e perigosa.[5][9]
En 1996 os Estados Unidos e Irán chegaron a un acordo no Tribunal Internacional de Xustiza que incluía a declaración "...os Estados Unidos recoñecen o incidente aéreo do 3 de xullo de 1988 como unha terrible traxedia humana e expresan un profundo pesar pola perda de vidas causada polo incidente...".[10] Como parte do acordo, os Estados Unidos non admitiron responsabilidades legais nin se desculparon formalmente a Irán pero accederon a pagar unha cantidade de 61,8 millóns de dólares en compensación ás familias dos pasaxeiros.
Iran Air segue utilizando o número de voo 655 na ruta entre Teherán e Dubai como recordo ás vítimas. Este incidente está entre os 8 peores desastres da historia da aviación.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.