saco membranoso que pode almacenar ou transportar substancias From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha vesícula pode entenderse como unha burbulla de líquido dentro doutro líquido, é dicir, a unión supramolecular constituída por diferentes moléculas. Máis tecnicamente, unha vesícula pode definirse como un pequeno saco membranoso que pode almacenar ou transportar substancias. As vesículas poden formarse naturalmente a causa das propiedades da súa membrana lipídica (caso das micelas), ou poden prepararse artificialmente (caso dos liposomas). A maioría das vesículas teñen funcións especializadas dependendo do material que conteñen.
Dado que as vesículas teñen un aspecto moi parecido, é moi difícil describir a diferenza entre os diferentes tipos.
A vesícula está separada do citosol, polo menos por unha bicapa de fosfolípidos. Cando teñen só unha destas bicapas chámanse unilamelares, e se non, multilamelares.
As vesículas transportan ou dixiren produtos celulares ou refugallos. A membrana que rodea a vesícula é similar á da membrana plasmática, polo que as vesículas poden doadamente fusionarse coa membrana plasmática e liberar o seu contido fóra da célula. As vesículas poden tamén fusionarse con outros orgánulos da célula.
Como o interior da vesícula está separado do citosol pola súa membrana, o interior pode facerse distinto do ambiente citosólico. Grazas a iso, as vesículas son a ferramenta celular básica para a organización das substancias celulares. As vesículas están implicadas no metabolismo, transporte, control de flotación,[1] e no almacenamento de encimas. Poden actuar tamén como compartimentos para realizar reaccións químicas.
Os vacúolos son vesículas que conteñen principalmente auga.
As vesículas secretoras conteñen substancias que deben ser excretadas fóra da célula. As células teñen necesidade de excretar substancias por diversos motivos, como pode ser a eliminación de refugallos ou a secreción de substancias producidas pola célula que desempeñan unha función no organismo (hormonas, neurotransmisores etc.), como sucede en células especializadas, as cales almacenan eses produtos en vesículas secretoras e despois libéranos cando é necesario. Algúns exemplos de vesículas secretoras de células especializadas son os seguintes:
Algunhas vesículas fórmanse cando parte da membrana do retículo endoplasmático ou do aparato de Golgi se evaxina do orgánulo. Outras fórmanse cando algún elemento de fóra da célula se introduce no seu interior por invaxinación da membrana plasmática ou por fagocitose con emisión de pseudópodos.
A formación das vesículas require a fabricación de numerosos revestimentos para elas, que as rodean e se unen ás proteínas que transportan no seu interior. Os revestimentos tamén atrapan diversas proteínas receptoras, chamadas receptoras da carga, os cales se encargarán de atrapar as moléculas da carga a transportar, que se unirán a elas.
O revestimento das vesículas serve para conformar a superficie da membrana doante, e para seleccionar as proteínas específicas que formarán a carga a transportar dentro da vesícula. A selección das proteínas da carga faise uníndoas a certas marcas de clasificación que teñen ditas proteínas. Os complexos ou clusters proteicos do revestimento da vesícula seleccionan proteínas de membrana de carga nas vesículas que se evaxinan.
Hai tres tipos de revestimentos vesiculares, chamados coatómeros: clatrina, COPI e COPII. Os revestimentos de clatrina son típicos das vesículas que fan o transporte entre o aparato de Golgi e a membrana plasmática, ou entre o Golgi e os endosomas, ou entre a membrana plasmática e os endosomas. As vesículas revestidas COPI son as responsables do transporte retrógrado desde o Golgi ao retículo endoplasmático. Finalmente, as vesículas revestidas COPII encárganse do transporte anterógrado desde o retículo endoplasmático ao Golgi.
O revestimento de clatrina pénsase que se ensambla en resposta á proteína regulatoria G. O revestimento de coatómeros ensámblase e desensámblase debido á proteína ARF ou factor de ADP-ribosilación.
Diversos marcadores de superficie das vesículas chamados SNAREs identifican cal debe ser a carga a transportar na vesícula, e complementariamente outros SNAREs da membrana do orgánulo de destino funcionan facilitando a fusión da vesícula transportadora coa membrana de destino. Os SNAREs vesiculares denomínanse ás veces cono v-SNAREs (v de vesícula) e os da membrana de destino como t-SNARES (t de target, diana).
Pero a miúdo os SNAREs asociados coas vesículas ou as membranas de destino son alternativamente clasificados como SNAREs Qa, Qb, Qc ou R debido a que presentan unha maior diversidade que non se podería clasificar simplemente nos dous grupos v- ou t-SNAREs. Lévanse identificado ata agora en diferentes tecidos e compartimentos subcelulares un conxunto de complexos SNARE diferentes con ata 36 isoformas en humanos.
Pénsase que as proteínas regulatorias Rab supervisan a unión dos SNAREs. As proteínas Rab son proteínas regulatorias ligadas ao GTP, e controlan a unión dos SNAREs complementarios durante un longo período de tempo, suficiente para que a proteína Rab hidrolice o seu GTP ligado e fixe a vesícula na membrana destino.
Para que se produza a fusión das vesículas coas membranas destino requírese que ambas as dúas se acheguen ata unha distancia de 1.5 nm. Para que suceda isto a auga debe ser desprazada da superficie da membrana vesicular. Isto é enerxeticamente desfavoable, e diversos estudos suxiren que o proceso require ATP, GTP e acetil-CoA.
As proteínas de membrana que serven como receptores son ás veces marcados con ubiquitina para a súa eliminación e redución da súa cantidade. Unha vez que chegan a un endosoma pola vía descrita antes, empezan a formarse vesículas dentro do endosoma, que levan con elas as proteínas de membrana destinadas á degradación. Cando o endosoma madura converténdose en lisosoma ou cando se une cun lisosoma, as vesículas que están no seu interior son completamente degradadas. Sen este mecanismo só chegaría ao lume do lisosoma a parte extracelular das proteínas de membrana, e só esta parte sería degradada.[4]
A causa destas vesículas internas que teñen os endosomas, estes son denominados corpos multivesiculares. A súa vía de formación non se comprende totalmente, e, a diferenza das outras vesículas descritas antes, a superficie exterior destas vesículas non está en contacto co citosol, xa que están dentro do endosoma.
Téñense feito moitos estudos bioquímicos das vesículas fosfolipídicas. Para facer ditos estudos pode prepararse por sonicación unha suspensión homoxénea de vesículas fosfolipídicas,[5] ou inxectando unha solución de fosfolípidos nunha solución acuosa tampón de membranas.[6] Deste modo, poden prepararse solucións acuosas de vesículas de diferente tamaño e con diferente composición en fosfolípidos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.