![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2b/Synapse_diag4.png/640px-Synapse_diag4.png&w=640&q=50)
Unión neuromuscular
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha unión neuromuscular (ou unión mioneural) é unha sinapse química formada polo contacto entre unha motoneurona e unha fibra muscular.[1] Na unión neuromuscular a motoneurona pode transmitir un sinal á fibra muscular, causando a contracción muscular. Denomínase placa motora ou placa motora terminal á zona deprimida especializada da fibra muscular correspondente á unión neuromuscular ou ás veces a toda a unión neuromuscular ou o conxunto de arborizacións finais.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2b/Synapse_diag4.png/320px-Synapse_diag4.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/ac/Neuro_Muscular_Junction.png/640px-Neuro_Muscular_Junction.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2e/The_Muscle_Contraction_Process.png/640px-The_Muscle_Contraction_Process.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/aa/Electron_micrograph_of_neuromuscular_junction_%28cross-section%29.jpg/320px-Electron_micrograph_of_neuromuscular_junction_%28cross-section%29.jpg)
Os músculos requiren innervación para funcionar e incluso para simplemente manter o ton muscular, evitando a atrofia. A transmisión sináptica na unión neuromuscular empeza cando un potencial de acción alcanza o terminal presináptico dunha motoneurona, que activa as canles de calcio dependentes de voltaxe para permitir que os ións de calcio entren nas neuronas. Os ións de calcio únense a proteínas sensoras (sinaptotagmina) nas vesículas sinápticas, desencadeando a fusión de vesículas coa membrana plasmática e a subseguinte liberación de neurotransmisores desde a motoneurona na fenda sináptica. Nos vertebrados, as motoneuronas liberan acetilcolina (ACh), unha pequena molécula neurotransmisora, que difunde pola fenda sináptica e únese a receptores de acetilcolina nicotínicos (nAChR) na membrana plasmática da fibra muscular, tamén coñecida como sarcolema. Os nAChR son receptores ionotrópicos, o que significa que serven como canles iónicas reguladas por ligando. A unión de acetilcolina co receptor pode despolarizar a fibra muscular, causando unha fervenza de reaccións que finalmente causa a contracción muscular.
As enfermidades da unión neuromuscular poden ser de orixe xenética ou autoinmune. Os trastornos xenéticos, como a distrofia muscular de Duchenne, poden orixinarse por mutacións en proteínas estruturais que afectan a unión neuromuscular, mentres que as doenzas autoinmnes, como a miastenia gravis, aparecen cando se producen anticorpos contra os receptores de acetilcolina nicotínicos no sarcolema.