As canles de calcio reguladas por voltaxe (en inglés voltage-gated calcium channels ou VGCC), tamén chamadas canles de calcio dependentes de voltaxe (VDCC), son un grupo de canles iónicas reguladas por voltaxe que se encontran na membrana plasmática de células excitables (por exemplo, a célula muscular, célula glial, neurona etc.) que é permeable ao ión calcio (Ca2+).[1][2] Estas canles son lixeiramente permeables ao ión sodio (Na+), polo que tamén se chaman canles de Ca2+-Na+, pero a súa permeabilidade ao calcio é unhas mil veces maior que ao sodio baixo condicións fisiolóxicas normais.[3] Ao potencial de membrana fisiolóxico ou de repouso, estas canles están normalmente pechadas. Son activadas (é dicir, abertas) a potenciais de membrana despolarizados de aí que se diga que están reguladas por voltaxe. A concentración de calcio (Ca2+) é normalmente varios miles de veces maior fóra da célula que dentro. A activación de determinadas canles de calcio reguladas por voltaxe permite que o Ca2+ entre rápido na célula, o cal, dependendo do tipo celular, ten como resultado a activación de canles de potasio sensibles ao calcio, a contracción muscular,[4] a excitación das neuronas, a regulación á alza da expresión xénica, ou a liberación de hormonas ou neurotransmisores. As canles de calcio reguladas por voltaxe foron inmunolocalizadas na zona glomerulosa da glándula adrenal humana normal e hiperplástica, así como en adenomas produtores de aldosterona, e nestes últimos as canles de calcio reguladas por voltaxe de tipo T correlacionábanse cos niveis de aldosterona plasmática dos pacientes.[5] A activación excesiva das canles de calcio reguladas por voltaxe é un importante compoñente da excitotoxicidade, xa que os niveis moi elevados de calcio intracelular activan encimas que, a niveis altos dabondo, poden degradar estruturas celulares esenciais.
Datos rápidos Identificadores, Símbolo ...
Pechar