Canle iónica regulada por ligando
From Wikipedia, the free encyclopedia
As canles iónicas reguladas por ligando ou canles iónicas dependentes de ligando (en inglés ligand-gated ion channels, LICs, LGIC), tamén chamados comunmente receptores ionotrópicos, son un grupo de proteínas de canle iónica transmembrana cuxa apertura permite que ións como o Na+, K+, Ca2+ e Cl− pasen a través da membrana en resposta á unión dun mensaxeiro químico denominado ligando, como pode ser un neurotransmisor.[1][2]
Canle iónica regulada por ligando | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Canle iónica regulada por ligando | |||||||||
Identificadores | |||||||||
Símbolo | Neur_chan_memb | ||||||||
Pfam | PF02932 | ||||||||
InterPro | IPR006029 | ||||||||
PROSITE | PDOC00209 | ||||||||
SCOPe | 1cek / SUPFAM | ||||||||
TCDB | 1.A.9 | ||||||||
OPM superfamily | 14 | ||||||||
OPM protein | 2bg9 | ||||||||
|
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e9/Ion-Channel_Receptor.svg/320px-Ion-Channel_Receptor.svg.png)
Cando unha neurona presináptica é excitada, libera un neurotransmisor contido en vesículas na fenda sináptica. O neurotransmisor únese despois a receptores localizados na neurona postsináptica. Se estes receptores son canles iónicas reguladas por ligando, orixínase un cambio conformacional que abre as canles iónicas, que causa un fluxo de ións a través da membrana celular. Isto, á súa vez, orixina despolarización, no caso dunha resposta de receptor excitador, ou hiperpolarización, no caso dunha resposta inhibidora.
Estas proteínas receptoras están tipicamente compostas de polo menos dous dominios: un dominio transmembrana que comprende o poro iónico, e un dominio extracelular, que inclúe o lugar de unión ao ligando (un sitio de unión alostérico). Esta modularidade permitiu estudar cada parte por separado para atopar a estrutura das proteínas, cristalizando cada dominio separadamente. A función de tales receptores localizados nas sinapses é converter o sinal químico do neurotransmisor liberado pola neurona presináptica directamente e moi rapidamente nun sinal eléctrico postsináptico. Moitas canles reguladas por ligando son moduladas adicionalmente por ligandos alostéricos, por bloqueadores de canles, ións, ou o potencial de membrana. Estas canles son clasificadas en tres superfamilias que carecen de relacións evolutivas: receptores de bucle de cisteína, receptores de glutamato ionotrópicos e canles reguladas por ATP.