From Wikipedia, the free encyclopedia
Fāṭima ʾIbrāhīm es-Sayyid el-Beltāǧī (en árabe: فاطمة إبراهيم السيد البلتاجي[1][2]) nada en Tamay Ez-Zahayra o 31 de decembro de 1898 ou o 4 de maio de 1904[3] e finada no Cairo o 3 de febreiro de 1975, foi unha cantante exipcia, coñecida como Umm Kulthum (en árabe: أم كلثوم, en francés: Oum Kalthoum). Recibiu o título honorífico de Kawkab al-Sharq (en árabe: كوكب الشرق, "Estrela de Oriente").[4]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (arz) فاطمه ابراهيم السيد البلتاجى 31 de decembro de 1898 Tamayy Elzahayra, Exipto (en) |
Morte | 3 de febreiro de 1975 (76 anos) O Cairo, Exipto |
Lugar de sepultura | Al Basatin (en) |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | cantante, actriz, actriz de cinema |
Período de actividade | 1923 - 1975 |
Xénero artístico | Música do Egito (pt) |
Tesitura | Contralto |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | EMI Classics |
Familia | |
Cónxuxe | Hassan Alhifnawy (1954–1975) Q11099183 |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, Obálky knih, Africa: An Encyclopedic Reference (en) , (vol:2) |
Foi coñecida pola súa habilidade vocal e estilo único. Vendeu máis de oitenta millóns de discos en todo o mundo, converténdoa nunha das cantantes máis vendidas de Oriente Medio en toda a historia.[5] Está considerada unha icona nacional en Exipto, e foi chamada "A Voz de Exipto"[6][7] e a "Cuarta Pirámide de Exipto".[8][9]
A admiración de Nasser pola cantante e o apoio ás ideas nasseristas do nacionalismo árabe por parte de Kulthum, fixéronna enormemente popular en todo o mundo árabe.
Umm Kulthum naceu en Tamay az-Zahayra, ad-Daqahliyya. Sendo nova, demostrou ter un gran talento para cantar, así que cando tiña doce anos, o seu pai Sheik Ibrahim Al-Sayyid Al-Baltagi, un imán, presentouna nunha pequena actuación que el dirixiu. Vestiuna como un rapaz de estilo beduíno, evitando así a desaprobación por ver unha nena sobre o escenario.[10]
Catro anos despois, dúas celebridades, o cantante Abu l-Ala 'Muhammad e o intérprete de laúde Zakariyya Ahmad pedíronlle que os acompañase ao Cairo. Agardou a ter vinte e tres anos para aceptar a súa invitación; mentres tanto actuaba coma se fose un neno en teatros pequenos.
Dúas persoas tiveron un gran peso na súa carreira musical: a primeira, o poeta Ahmad Rami, que escribiu 137 cancións para ela e que a iniciou na literatura francesa que estudara na Sorbona. A outra persoa foi Mohamed El Qasabgi, un virtuoso do laúde que presentou a Umm Kulthum no Palacio do teatro árabe, onde tivo os seus primeiros grandes éxitos. Contra 1932 xa era famosa e fixo unha gran xira por cidades árabes, visitando Damasco, Bagdad, Xerusalén, Beirut e Trípoli. A súa fama tamén lle permitiu, en 1948, coñecer a Gamal Abdel Nasser, o oficial conspirativo e futuro presidente de Exipto. Ambos profesaron a partir dese momento unha admiración mutua.
Paralelamente á súa carreira cantante, impulsou a súa carreira como actriz, mais abandonouna axiña, preferindo o contacto persoal e emocional co público.
Na década de 1940, Umm Kulthum tiña un contrapunto na cantante Asmahan, irmá do popular Farid al-Atrash e tamén actriz. Ambas eran igualmente famosas mais totalmente opostas: a fermosa Asmahan era unha aristócrata de orixe sirio, de relixión drusa, de vida disipada e achegada aos círculos do palacio. Umm Kulthum, pola súa banda, era exipcia, de orixe humilde, musulmá e virtuosa, que deu voz a un amor profundo e desgarrador. Ademais, era simpatizante de Nasser e dos Oficiais Libres. A rivalidade rematou coa morte de Asmahan nun accidente de coche ao final da segunda guerra mundial.
En 1953, Umm Kulthum casou cun home que ela respectaba e admiraba, o seu médico Hasan al-Hafnawi. A súa popularidade foi en aumento. Os comentaristas occidentais adoitan lembrar un tremendo concerto en 1967 na sala Olympia de París, ante centos de emigrantes árabes de toda Europa.
Umm Kulthum é o expoñente máis famoso da chamada canción árabe. Foi coñecida como a Dama da Canción Árabe e a Estrela de Oriente. A súa figura era familiar: grande, cun impoñente peiteado e un vestido bordado ata os pés, acompañada da súa orquestra. Cantaba apertando unha bufanda de seda na man esquerda, onde, segundo a lenda, agochaba unha bola de haxix que lle penetraba na pel e que lle permitía interpretar as súas cancións interminables e manter o torrente de voz. É improbable que fose o caso, aínda que é certo que as súas cancións, de sólidas raíces árabes, duraban tanto tempo que a miúdo tiña que gravar versións máis curtas para encaixalas nos discos de vinilo, a razón dunha canción por disco. Nas súas actuacións públicas semanais, emitidas en directo pola poderosa rede Sawt al-Qahira e escoitadas en todo o mundo árabe, realizaba variacións e improvisacións.
A finais dos anos 60 diagnosticáronlle un caso grave de nefrite. En 1972, despois de dar o seu último concerto no Palacio do Nilo, as probas médicas indicaron que a súa enfermidade era incurable. Trasladouse aos Estados Unidos, onde se beneficiou durante algún tempo da tecnoloxía médica avanzada, mais en 1975, de volta ao seu país, tivo unha grave crise e foi hospitalizada. Todo Exipto era consciente da súa evolución e na súa vila natal toda a poboación recitou o Corán ao longo do día. Umm Kulthum faleceu no hospital do Cairo o 3 de febreiro. A súa morte provocou suicidios e expresións de histeria masiva. Ao seu funeral asistiron máis de catro millóns de persoas[11] en loito e estalou nun alboroto cando a multitude tomou o control do seu cadaleito e o levou a unha mesquita que dixeron que era a súa favorita,[12] deixándoo despois para o enterro.
Foi enterrada con honras de xefe de estado na Cidade dos Mortos.
Durante moitos anos, a voz da Estrela de Oriente acompañou os árabes na grande ilusión colectiva do renacemento do mundo árabe despois da era colonial: o ascenso do panarabismo, a revolución exipcia, a nacionalización da canle de Suez e a unidade árabe. A súa desaparición, pouco despois da morte de Nasser, marcou definitivamente o final dunha era.
Umm Kulthum está considerada como unha das maiores cantantes da historia da música árabe,[13] cunha influencia significativa en moitos músicos, tanto no mundo árabe como fóra del. Entre outros, Jah Wobble sinalouna como unha influencia significativa no seu traballo. Bob Dylan,[14][15] Maria Callas,[16] Marie Laforêt,[17] Bono,[17] Robert Plant[18] e moitos outros tamén son admiradores da súa música. Youssou N'Dour, fan dela dende a súa infancia, gravou o seu disco Egypt de 2004 cunha orquestra exipcia en homenaxe ao seu legado.[19] Unha das súas cancións máis coñecidas, "Enta Omri", foi versionada en moitas ocasións.
En 2001, o goberno exipcio abriu o museo Kawkab al-Sharq (Estrela de Oriente) na súa memoria. Aloxado nun pavillón no terreo do Palacio Manesterly do Cairo, a colección inclúe unha serie de posesións persoais de Umm Kulthum, incluídas as súas lentes de sol e bufandas, xunto con fotografías, gravacións e outros materiais de arquivo.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.