Liga de Campións da UEFA
torneo de fútbol / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Liga de Campións da UEFA (en inglés: UEFA Champions League) é un torneo de fútbol organizado pola UEFA e disputado entre os mellores clubs europeos. É un dos trofeos de fútbol máis prestixiosos do mundo e o máis importante a nivel de clubs en Europa.
Tipo | copa internacional de clubs de fútbol |
---|---|
Organizador | UEFA |
Número de participantes | 55 |
Localización e Datas | |
Vixencia | 1955 – |
Período de ocorrencia | 1 ano |
Outro | |
Páxina web oficial | uefa.com… |
Foi creada en 1955 co nome oficial de Copa de Campións de Europa, e foi coñecida durante as súas primeiras décadas como Copa de Europa. Nun principio o campionato consistía nunha eliminatoria directa entre os gañadores das ligas dos seus respectivos países e o campión era recoñecido como campión de Europa. En 1991 aumentou o número de equipos e incorporouse unha fase de grupos e en 1992 a competición recibiu o seu nome actual.
A partir da tempada 1997/98 a competición ampliouse para ser xogada por máis equipos, ademais dos clubs campións de liga. Dende entón o número de participantes foi aumentando, e na actualidade, aínda que a maioría de países europeos aportan só o seu campión de liga, as ligas máis fortes achegan até un máximo de catro equipos cada unha. Tralos clubs clasificados para a Liga de Campións, os seguintes clubs mellor clasificados en cada liga son elixibles para a UEFA Europa League, a segunda competición europea a nivel de clubs. Dende 2021 existe unha competición de terceiro nivel, a UEFA Europa Conference League.
O formato actual do torneo consta de varias etapas e comeza a finais de xuño, cunha rolda preliminar, logo tres roldas eliminatorias de clasificación e a continuación unha rolda de play-off, todas elas en formato de ida e volta. Así, os seis equipos sobreviventes únense aos 26 equipos clasificados de xeito directo, entrando nunha fase de grupos conformada por 32 equipos en oito grupos de catro equipos cada un. Os oito gañadores de grupo e os oito segundos entran na fase eliminatoria final, que termina coa final, disputada entre finais de maio e principios de xuño. O gañador da Liga de Campións da UEFA clasifícase para xogar a Copa Mundial de Clubs da FIFA (que substituíu a Copa Intercontinental dende 2005), así como a Supercopa de Europa.
O título foi gañado por 22 clubs diferentes, dos cales 13 gañaron o título en máis dunha ocasión. Os equipos españois son os que máis títulos acumulan (19), seguidos dos equipos ingleses (15) e os italianos (12). Inglaterra é o país con máis equipos vencedores (6). O club con máis títulos gañados é o Real Madrid, que gañou 6 no antigo formato e 8 no novo, seguido do Milan, cun total de 7.