From Wikipedia, the free encyclopedia
As trobairitz (tɾuβajˈɾits) eran trobadoras occitanas dos séculos XII e XIII, activas dende en torno a 1170 ata aproximadamente 1260.[1] Trobairitz emprégase tanto para o termo en singular como en plural.[2]
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
A palabra trobairitz foi empregada por primeira vez no romance do século XIII Flamenca. O termo vén da palabra provenzal trobar, cuxo significado literal é "encontrar", e o significado técnico é "compoñer".[3] A palabra trobairitz é moi raramente empregada no occitano medieval, algo que non ocorre na poesía lírica, tratados gramaticais, ou nas biografías (vidas) das trobairitz ou trobadores.[4] Aparece no tratado Doctrina d'acort de Terramagnino da Pisa, escrito entre 1282 e 1296, que e emprega como exemplo dunha palabra que é a mesma para o singular que para o plural.[2]
As trobairitz compuñan, escribían versos, e interpretaban nas cortes máis importantes de Occitania. Son un caso excepcional na historia da música como primeiras mulleres coñecidas que exerceron a composición musical na música secular occidental; todas as mulleres compositoras anteriores coñecidas escribiron música sacra.[5] As trobairises formaban parte da sociedade da corte, en contraposición ás súas contrapartes de clase baixa joglaressas.[6] Aínda que os trobadores tiñan ás veces orixes humildes—Bernart de Ventadorn puido ser o fillo dun panadeiro do castelo—as trobairitz eran nobres de nacemento. As trobairitz máis importantes foron Alamanda de Castelnau, Azalais de Porcairagues, Maria de Ventadorn, Tibors, Castelloza, Garsenda de Proença, Gormonda de Monpeslier, e a Comtessa de Diá.
Hai moi poucas fontes de información existentes sobre trobairitz individuais. Case toda a información que existe sobre elas vén das súas vidas (biografías) e razós (explicacións contextuais das cancións), as breves descricións que se reuniron en coleccións de cancións chamadas chansonniers. As vidas son notoriamente pouco fiables, xa que frecuentemente consisten en pequenas pero romantizadas extrapolacións dos poemas das propias trobairitz.[7] Os nomes de en torno a vinte poetisas dos séculos XII e XIII sobreviviron, cun número estimado de obras atribuídas as trobairitz que chega ata as trinta e dúas.[5][8] Hai aproximadamente un 5% de trobairitz entre o conxunto de trobadores, e o número de obras destas que sobreviviron equivale a aproximadamente o 1% do total da produción trobadoresca[5] pois das, aproximadamente, 2 500 pezas de trobadores coñecidas, tan só aparecen unhas 30 das trobairitz.[9]
A letra máis antiga que se conserva dunha trobairitz é Bels dous amics, escrita por Tibors en torno a 1150.[10] Só unha sobreviviu coa súa notación musical intacta, "A chantar" da Comtessa de Diá. Algúns traballos que son anónimos nas fontes son atribuídas por algúns autores modernos a mulleres, do mesmo xeito que algunhas obras son atribuídas a homes nos manuscritos. En comparación, dos 460 trobadores, sobre 2 600 dos seus poemas sobreviviron. Deses, en torno a un de cada dez conserváronse coa notación musical intacta.[7] Só de dúas trobairitz consérvanse máis dunha canción de cada unha.[8] Esas dúas mulleres son a Comtessa de Dia, que deixou catro cansos, e Castelloza, con tres cansos e unha cuarta que é anónima e lle foi atribuída.[5]
Os primeiros chansonniers non separaron as obras dos trobadores varóns das realizadas polas trobairitz. Só nos cancioneiros italianos e cataláns posteriores as obras das trobairitz encontrábanse en seccións diferentes das dos seus homólogos masculinos.[11]
Ao longo do século XIII, esperábase que as mulleres da corte puidesen cantar, tocar instrumentos, e escribir jocs partis, ou partimen (un debate ou diálogo en forma de poema). O cultivo destas habilidades femininas puido levar aos escritos das trobairitz.[12]
As trobairitz tamén puideron xurdir polo poder que acadaron as mulleres no sur de Francia durante os séculos XII e XIII. As mulleres tiñan máis control sobre a propiedade da terra, e a sociedade occitana era moito máis receptiva ás mulleres que a maioría das sociedades do seu tempo. Durante as Cruzadas moitos homes marcharon, o que lles deixou ás mulleres máis responsabilidade administrativa, e polo tanto, poder. Con todo, esta sociedade non era "feminista", nin fin' amor, que exaltaba ás mulleres mentres que circunscribía moitos aspectos das súas vidas e comportamento.[6]
Hai dificultades en clasificar as trobairitz como afeccionadas ou profesionais. A distinción entre estes dous roles foi complicada na época medieval, xa que as persoas profesionais eran xeralmente de clase baixa, e as afeccionadas tiñan tanto tempo coma as profesionais para dedicarse ao seu oficio. As joglaresses eran de clase máis baixa, compositoras profesionais moito menos respectadas que as trobairitz.[6]
Tanto os trobadores como as trobairitz escribían sobre fin' amors, ou amor cortés. As mulleres eran xeralmente o tema dos escritos dos trobadores, con todo: "Ningún outro grupo de poetas dálle ás mulleres unha definición tan alta dentro dun contexto circunscrito de supresión feminina".[13] A tensión entre a supresión das mulleres presente na poesía dos trobadores e temas similares na poesía das trobairitz é a maior fonte de discusión dos estudos modernos. A poesía das trobairitz en relación ao amor tendía a ofrecer unha concepción menos idealizada do tema que os seus homólogos masculinos, cun estilo de escritura máis conversacional e menos florido destinado a emular dun xeito máis próximo unha visión máis fundamentada das relacións.[14] As trobairitz escribiron nos xéneros da canso (canción estrófica) e tenzón (poemas de debate).[15] Amais das cansos e os tenzóns, as trobairitz tamén escribiron sirventés (poemas políticos), pranto (lamentos), salut d’ amor (unha carta de amor nunha forma non estrófica), alba (cancións de alba), e balada (cancións de danza).[16] A xulgar polo que sobreviviu ata os nosos días, as trobairitz non escribiron pastorelas nin malmariee, a diferenza dos seus homólogos trobadores.[10] Amais, de acordo coa tradición trobadoresca, as trobairitz vinculaban a acción do canto coa acción de amar. A Comtessa de Dia demóstrao no seu poema Fin ioi me don'alegranssa, dicindo que "Fin ioi me dona alegranssa/per qu'eu chan plus gaiamen," traducido como "A felicidade tráeme ledicia pura/que me fai cantar máis alegremente".[17]
O número de obras atribuídas ás trobairitz estímase en trinta e dúas cancións, mais pode ir dende as 23 ata as 46.[5] Hai numerosas razóns polas que o número exacto non é coñecido. Na tradición do amor cortés era frecuente que os poemas fosen escritos como un intercambio de cartas, ou un debate, como nun tenzón. Algúns deles poden ser escritos orixinalmente por un poeta; con todo, algúns foron orixinalmente un intercambio real de epístolas, posteriormente reunidas nun manuscrito.[18] Algunhas destas eran entre homes, e algunhas eran entre un home e unha muller. Algúns editores modernos atribúen estes só ao home que orixinou o intercambio, e algúns atribúenos tanto ao home como á muller involucrados. Hai unha longa historia de atribución destas só aos homes, mesmo cando todas as evidencias apuntan ao contrario.[6][8]
Como a poesía estaba altamente estilizada, é difícil determinar se cando un poeta falaba como unha muller era realmente unha muller, ou un home falando como unha muller. Isto súmase á dificultade da atribución, especialmente das obras anónimas. Hai algún debate sobre se os poemas das trobairitz representan voces femininas xenuínas, xa que traballan dentro das convencións altamente circunscritas dos trobadores.[12] Matilda Bruckner suxire que as trobairitz "falaban na súa propia voz como canalizada a través das voces de moitos outros". Ao manipular as estritas construcións da lírica trobadoresca, as trobairitz foron capaces de crear as súas propias "ficcións da voz feminina".[6]
Hai un caso notable onde está clara a atribución a unha muller, Bieiris de Romans (tamén coñecida como Beatritz), mais o tema do poema é outra muller, Na Maria. No poema "Na Maria" Beatritz expresa o seu amor por María no tradicional estilo do fin' amors, tanto en termos de anhelo físico como de admiración cortesá.[8] Este poema, se non claramente marcado como dunha muller, sería asumido como realizado por un home. Hai controversia ao redor das obras de Bieiris de Romans, como algúns estudos suxeriron que a súa canción expresa "desexo lésbico".[4] O trobador pode falar tipicamente á domna (muller); o feito de que o diálogo lírico se leve a cabo exclusivamente entre unha muller e outra é unha rareza extrema.[19]
En 2017, Edicións Xerais publicou a novela A arte de trobar, de Santiago Lopo, que narra o encontro dunha trobairitz cun grupo de artistas itinerantes procedentes de Galicia. A obra gañou o Premio Xerais 2017.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.