Teoría do xene egoísta
teoría evolutiva / From Wikipedia, the free encyclopedia
A teoría do xene egoísta, tamén chamada perspectiva da evolución centrada nos xenes ou teoría da selección de xenes mantén que a evolución adaptativa ten lugar por medio da supervivencia diferencial de xenes que están en competencia, incrementando a frecuencia alélica daqueles alelos cuxos efectos no trazo fenotípico promoven exitosamente a súa propia propagación, definindo xene como "non só un simple anaco físico de ADN [senón tamén] todas as réplicas dese particular anaco de ADN distribuídas por todo o mundo".[1] Os propoñentes deste xeito de ver a evolución argumentan que, como a información herdable pasa de xeración en xeración case exclusivamente por medio do ADN, entón é mellor considerar a selección natural e a evolución desde a perspectiva dos xenes.
Os partidarios desta visión ou concepción da evolución centrada nos xenes argumentan que esta permite comprender fenómenos diversos como o altruísmo e o conflito intraxenómico, que doutro modo serían difíciles de explicar.
A visión centrada nos xenes da evolución é unha síntese da teoría da evolución por selección natural, a teoría da herdanza particulada, e a non transmisión dos caracteres adquiridos. Afirma que aqueles alelos cuxos efectos fenotípicos favorecen a súa propia propagación serán seleccionados favorablemente na poboación en relación cos seus alelos competidores. Este proceso produce adaptacións para beneficio dos alelos que promoven o éxito reprodutivo do organismo, ou doutros organismos que conteñen o mesmo alelo (altruísmo de parentesco e efecto barba verde), ou mesmo a súa propia propagación en relación a outros xenes do mesmo organismo (conflito intraxenómico).