Tecnoloxía
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tecnoloxía[2] (do grego, (τεχνολογια) techne (τεχνη) "oficio" + logía (λογια) "que di"[3]) é o coñecemento técnico humano e as ferramentas creadas pola humanidade a partir de tal coñecemento, así mesmo é a suma de técnicas, habilidades, métodos e procesos utilizados na produción de bens ou servizos ou no logro de obxectivos, como a investigación científica. A tecnoloxía pode ser o coñecemento de técnicas, procesos e similares, ou pode integrarse en máquinas para permitir o seu funcionamento sen un coñecemento detallado do seu funcionamento. Os sistemas (por exemplo, máquinas) que aplican tecnoloxía tomando unha entrada, cambiándoa de acordo con o uso do sistema e logo producindo un resultado denomínanse sistemas tecnolóxicos.[4]
A tecnoloxía é o conxunto de coñecementos e procedementos teóricos e prácticos que, debidamente organizados e sistematizados, satisfacen as necesidades humanas. A tecnoloxía é a transformación da natureza polos seres humanos, para resolver problemas e satisfacer as necesidades sociais. Todo nese mundo artificial, dende o máis simple e cotián até o máis novo e revolucionario, é tecnoloxía.
Dependendo do contexto, a tecnoloxía pode referirse a:
- As técnicas, coñecementos, métodos, materiais, ferramentas, e procesos usados para resolver problemas ou ao menos facilitar a solución dos mesmos;
- Un método ou proceso de construción e traballo (como a tecnoloxía de manufactura, a tecnoloxía de infraestrutura ou a tecnoloxía espacial);
- A aplicación de recursos para a resolución de problemas;
- O termo tecnoloxía tamén pode usarse para describir o nivel de coñecemento científico, matemático e técnico dunha determinada cultura;
- Na economía, a tecnoloxía é o estado actual do noso coñecemento de como combinar recursos para producir os produtos desexados (e o noso coñecemento do que pode ser producido).
A tecnoloxía é, dunha forma xeral, o encontro entre ciencia e enxeñaría. Sendo un termo que inclúe desde as ferramentas e procesos simples, tales como unha culler de madeira e a fermentación da uva respectivamente, ata as ferramentas e procesos máis complexos xa creados polo ser humano, tal como a Estación Espacial Internacional e a desalinización da auga do mar respectivamente.
Frecuentemente, a tecnoloxía entra en conflito con algunhas preocupacións naturais de nosa sociedade, como o desemprego, a contaminación e outras moitas cuestións ecolóxicas, filosóficas e sociolóxicas.