From Wikipedia, the free encyclopedia
Soutelinho da Raia, tamén coñecido coma Souteliño da Raia ou simplemente Souteliño, é un lugar portugués da freguesía de Calvão e Soutelinho da Raia, no concello de Chaves. Unha aldea de Trás-os-Montes que está situada na Raia con Galiza. No ano 2011 tiña 150 habitantes.
| |||
Localización | |||
---|---|---|---|
Estado | Portugal | ||
Distritos | Distrito de Vila Real | ||
Concello | Chaves | ||
Freguesía | Calvão e Soutelinho da Raia | ||
Até 1868 era considerado ―canda Cambedo e Lamadarcos― un dos tres pobos promiscuos, por estar situado na propia fronteira, entre Galiza e Portugal. A parte portuguesa constituía freguesía de seu mentres a galega pertencía á parroquia de Videferre.[1] Nese ano, a parte galega foi anexada a Portugal coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864.
A mediados do século XIX tiña unha poboación de 12 veciños galegos e 80 portugueses.[2] Así mesmo, tiña en 1857 16 veciños galegos que equivalían a 70 habitantes.[3]
O lugar de Souteliño era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[4][5] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[2]
En 1864, España e Portugal, após anos de negociacións, asinaron o Tratado de Límites de Lisboa, polo cal Souteliño, xuntamente con Cambedo e Lamadarcos, sería anexado a Portugal. A troco dos denominados pobos promiscuos, o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal,[6] sería incorporado a España, e polo tanto, a Galiza. Este tratado xustificado para dificultar o contrabando tiña como albo a «anomalía» do Couto Mixto, un territorio soberano desligado da autoridade de ámbolos estados e cuxa desaparición era de interese común para eles.[5] Ademais, as desprezábeis hectáreas de boa calidade atribuídas ó lugar de Souteliño (5 de 600), tamén a Cambedo e Lamadarcos, puido ser unha maneira de xustificar en España a perda dos pobos promiscuos.[7]
Deste xeito, o 27 de xuño de 1868 realizouse en Souteliño o acto oficial de entrega a Portugal. Igualmente se fixo o día seguinte en Cambedo e Lamadarcos. Algunhas autoridades aínda se mantiveron algún tempo, polo que tras dunha queixa do goberno portugués, o 9 de abril do ano seguinte, o Gobernador de Ourense tivo que ordenar ás «autoridades españolas» que ficaban alí que abandonasen os lugares.[8]
A mudanza dos límites administrativos en 1868 non modificou os eclesiásticos, polo que a parte galega seguiu a pertencer á freguesía de Videferre e por tanto á diocese de Ourense. En 1882, co obxectivo de facer coincidir os límites civís cos relixiosos, executouse unha bula do ano anterior pola cal se incorporaron á arquidiocese de Braga as parroquias do bispado ourensán situadas en territorio portugués: Lamadarcos e Tourém.[9] No entanto, non foron tratados os casos de Souteliño nin de Cambedo, cuxas partes galegas seguirían dentro dos límites eclesiásticos de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Souteliño e Cambedo acabaron sendo incorporados tamén ó arcebispado bracarense o 27 de novembro de 1914.[10]
En 2013, trala reorganización administrativa portuguesa, deixou de formar freguesía de seu e foi incorporada á de Calvão, formando unha nova freguesía denominada Calvão e Soutelinho da Raia coa sede en Calvão.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.