![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7c/Symbiogenesis.svg/langgl-640px-Symbiogenesis.svg.png&w=640&q=50)
Simbioxénese
From Wikipedia, the free encyclopedia
A simbioxénese (ou teoría endosimbiótica ou teoría endosimbiótica en serie[2]) é a principal teoría evolutiva da orixe das células eucariotas a partir de organismos procariotas.[3] Esta teoría sostén que as mitocondrias, plastidios como os cloroplastos e posiblemente outros orgánulos das células eucariotas descenden de organismos procariotas que anteriormente eran de vida libre (máis relacionados coas bacterias que coas arqueas) nos que un entrou dentro doutro establecendo unha endosimbiose. As mitocondrias parecen estar filoxeneticamente relacionados coas bacterias Rickettsiales, mentres que os cloroplastos se pensa que están relacionados coas cianobacterias.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7c/Symbiogenesis.svg/640px-Symbiogenesis.svg.png)
A idea de que os cloroplastos foron orixinalmente organismos independentes que despois se fusionaron nunha relación simbiótica con outros organismos unicelulares data do século XIX e foi exposta por investigadores como Andreas Schimper. A teoría endosimbiótica foi articulada en 1905 e 1910 polo botánico ruso Konstantin Mereschkowski e mellorada e apoiada con probas microbiolóxicas por Lynn Margulis en 1967.
Entre as moitas evidencias que apoian a simbioxénese están que as novas mitocondrias e plastidios dentro da célula só se forman por fisión binaria dos propios orgánulos (divídense en dous), sen que as células os poidan crear doutra maneira; que nas membranas de mitocondrias e cloroplastos e nas membranas bacterianas se encontran proteínas de transporte chamadas porinas; que a cardiolipina se atopa só na membrana interna mitocondrial e nas membranas celulares bacterianas; que algunhas mitocondrias e plastidios conteñen moléculas de ADN circulares similares aos cromosomas circulares das bacterias, e que os ribosomas de mitocondrias e cloroplastos son de tipo bacteriano.