From Wikipedia, the free encyclopedia
Seymour Roger Cray, nado en Chipewa Falls o 28 de setembro de 1925[1] e finado en Colorado Springs o 5 de outubro de 1996,[2] foi un enxeñeiro eléctrico e arquitecto de supercomputadores estadounidense, que deseñou unha serie de computadores que foron os máis rápidos do mundo durante décadas, e fundou Cray Research, que construíu moitas destas máquinas. Chamado "o pai da supercomputación",[2] Cray foi considerado como o creador da industria da supercomputación.[3] Joel S. Birnbaum, entón oficial xefe de tecnoloxía de Hewlett-Packard, dixo del: "Parece imposible esaxerar o efecto que tivo na industria; moitas das cousas que os grandes ordenadores fan agora de xeito rutineiro estaban moi lonxe da credibilidade cando Seymour as visionou".[4][5] Larry Smarr, entón director de National Center for Supercomputing Applications na Universidade de Illinois dixo que Cray era "o Thomas Edison da industria da supercomputación".[6]
(2013) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de setembro de 1925 Chippewa Falls, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 5 de outubro de 1996 (71 anos) Colorado Springs, Estados Unidos de América |
Causa da morte | morte accidental, accidente de tráfico |
Educación | Universidade de Minnesota (pt) Chippewa Falls High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Ordenador |
Ocupación | enxeñeiro, matemático aplicado (pt) , enxeñeiro eléctrico, informático teórico, empresario |
Empregador | Control Data Corporation (pt) Cray Research (pt) |
Alumnos | Steve Chen (en) |
Premios | |
| |
Cray naceu nunha pequena poboación de Wisconsin, e graduouse en enxeñaría eléctrica e en matemáticas na Universidade de Minnesota. Durante a década de 1950 traballou en ERA (Engineering Research Associates) e nas compañías que a sucederon, Remington Rand e Sperry Rand, onde foi un dos principais responsábeis do deseño do computador UNIVAC 1103. En 1957, xunto con outros enxeñeiros, como William Norris, fundou unha nova compañía denominada Control Data Corporation (CDC), para a que construíu o CDC 1604, un dous primeiros computadores comerciais que empregaron transistores en lugar de tubos de baleiro.
En 1962, Cray persuadiu a William Norris para que CDC crease un laboratorio para investigar como deseñar o computador máis potente da época, triunfo que conseguiu co seu equipo de trinta colaboradores no ano 1963 co CDC 6600, que bateu amplamente en capacidade de cálculo e en custo o computador máis potente de que dispuña IBM nesa época.
A finais da década, Control Data, despois de lanzar ao mercado o modelo CDC 7600 comezou a perder interese na supercomputación e Cray pensou en establecerse pola súa conta. No ano 1972 fundou Cray Research, co compromiso de dedicarse a construír exclusivamente supercomputadores e ademais un por un por encargo. O primeiro produto saído da factoría, o CRAY-1, en 1976, tivo como destino o Laboratorio Nacional Los Alamos, e era único no seu deseño, xa que incorporaba o primeiro exemplo práctico en funcionamento de procesador vectorial, xunto co procesador escalar máis rápido do momento, cunha capacidade dun millón de palabras de 64 bits e un ciclo de 12,5 nanosegundos. O seu custo situábase arredor dos dez millóns de dólares.
En tres anos, a compañía vendera seis computadores CRAY-1, mais o seu fundador non se sentía tecnicamente satisfeito, pois pensaba que o deseño dese sistema non era suficientemente revolucionario, e embarcouse no deseño dunha nova máquina, CRAY-2, entre 6 e 12 veces máis rápido que o seu predecesor. Dispoñible en 1985, contaba con 256 millóns de palabras e 240 000 chips. O seu empaquetamento era tan axustado que a calor xerada pola electrónica podía fundir o computador, polo que o seu interior estaba anegado con líquido refrixerante, e iso provocou o comentario de que CRAY-2 era en realidade un computador dentro dun acuario.
A compañía controlaba a mediados da década de 1980 o 70% do mercado da supercomputación, mais Cray sentíase incómodo, xa que a problemática empresarial lle resultaba escasamente interesante e difícil de soportar. Por iso cedeu a presidencia e deixou a responsabilidade do desenvolvemento tecnolóxico da liña CRAY-2 a un enxeñeiro chego de talento, Steve Chen, que concibiu e construíu os primeiros multiprocesadores da compañía, coñecidos como serie X-MP. Á súa vez Seymour Cray, iniciou en 1985 o deseño dunha nova serie, CRAY-3, cun procesador que non se construiría sobre chips de silicio senón de GaAs. A súa entrega, inicialmente prevista para o ano 1988 sufriu sucesivos atrasos debido aos problemas que causaba a nova tecnoloxía GaAs, e o proxecto finalmente foi cancelado.
O inventor desvinculouse entón da firma que fundara e iniciou a finais da mesma década un novo proxecto, mais as condicións do mercado facían xa insustentable o esforzo investidor necesario para fabricar unha supercomputadora que xustificase a súa viabilidade comercial en termos custo/potencia, fundamentalmente debido aos progresos experimentados nas arquitecturas convencionais RISC e CISC. Para lanzar ao mercado as súas novas xeracións de computadores Cray, investiu grandes cantidades de diñeiro, o que o levou á bancarrota en 1995. A súa empresa, Cray Research, foi adquirida ese mesmo ano por Silicon Graphics.
Cray faleceu o 5 de outubro de 1996, dúas semanas despois de que o seu automóbil fose golpeado na autoestrada e dese varios rolos.[7][8]
Cray evitou a publicidade, e existen numerosas historias estrañas sobre a súa vida fóra do traballo, denominadas "Rollwagenisms", polo entón CEO de Cray Research, John A. Rollwagen. Gozaba do esquí, o windsurf o tenis e outros deportes. Outro dos seus pasatempos favoritos foi cavar un túnel baixo a súa casa; atribuía o segredo do seu éxito a "visitas de elfos" mentres traballaba no túnel: "Mentres cavaba no túnel, os elfos adoitaban visitar con solucións para o meu problema".[9][10][11]
Unha historia di que cando Cray foi preguntado pola dirección para que achegase plans detallados para un ano e para cinco para a súa seguinte máquina, simplemente escribiu: "Obxectivo a cinco anos: Construír a computadora máis grande do mundo. Obxectivo a un ano: Un quinto do anterior".[12] E outra vez, cando se agardaba que escribise un informe detallado da situación con múltiples páxinas para os executivos da compañía, o informe de Cray dicía en dúas liñas: "A actividade está progresando satisfactoriamente como se describía no plan de xuño. Non houbo cambios ou desviacións significativas dende o plan de xuño".[13][14]
A IEEE Computer Society estableceu o Seymour Cray Computer Engineering Award[15] a finais de 1997, para recoñecer contribucións innovadoras para os sistemas de alta computación que exemplifiquen o espírito creativo de Cray.
Casou con Geri Harrand, coa que tivo un fillo e dúas fillas.[16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.