From Wikipedia, the free encyclopedia
Roberto Bolaño Ávalos ( pronunciación (axuda · info)), nado en Santiago de Chile o 28 de abril de 1953 e finado en Barcelona o 15 de xullo de 2003,[1] foi un escritor e poeta chileno vinculado tamén a México e Cataluña. Autor de máis dunha vintena de libros, entre os cales salientan as súas novelas Los detectives salvajes, gañadora do Premio Herralde en 1998 e o Premio Rómulo Gallegos en 1999, e a póstuma 2666.
Nome orixinal | (es) Roberto Bolaño Ávalos |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 28 de abril de 1953 Santiago de Chile |
Morte | 15 de xullo de 2003 (50 anos) Barcelona, España |
Causa da morte | insuficiencia hepática |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Chile |
Relixión | Ateísmo |
Actividade | |
Ocupación | escritor , poeta , crítico literario |
Xénero artístico | Prosa e poesía |
Movemento | Infrarrealismo (en) |
Influencias | |
Lingua | Lingua castelá |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios
| |
|
Após a súa morte converteuse nun dos escritores máis influentes en lingua castelá, como o demostran as numerosas publicacións consagradas á súa obra e o feito de que tres novelas —ademais das devanditas Los detectives salvajes e 2666, a breve Estrella distante— figuran nos 15 primeiros lugares da lista confeccionada en 2007 por 81 escritores e críticos latinoamericanos e españois, cos mellores 100 libros en lingua castelá dos últimos 25 anos.[2][3]
A súa obra foi traducida a numerosas linguas, entre elas inglés, francés, alemán, italiano[4] e neerlandés, tendo no intre da súa morte 37 contratos de publicación en dez países, e postumamente estendéndose a outros máis, entre eles os Estados Unidos,[5] ascendendo a 50 contratos e 49 traducións en doce países,[6] todos eles previos á publicación de 2666, a súa novela máis ambiciosa.[7] Ademais, o autor goza de boas críticas tanto de escritores como da crítica literaria contemporánea, sendo considerado un dos grandes autores hispanoamericanos do século XX, a carón doutros escritores do talle de Jorge Luis Borges e Julio Cortázar, con quen adoita ser comparado.[5][8]
Roberto Bolaño naceu en Santiago de Chile en 1953 e pasou a súa infancia en cidades como Los Ángeles, Valparaíso, Quilpué, Viña del Mar e Cauquenes. Aos 13 anos, Bolaño trasladouse coa súa familia a México. Viviu a súa adolescencia concentrado na lectura, encerrado durante horas nunha biblioteca pública de Cidade de México.
En 1973 decidiu volver a Chile co propósito de apoiar o proceso de reformas socialistas de Salvador Allende. Tras unha longa viaxe en autobús, autostop e barco (atravesando practicamente toda América Latina) chega a Chile poucos días despois do golpe de estado protagonizado por Augusto Pinochet, polo que decidiu unirse á resistencia contra a nova orde ditatorial. Ao pouco tempo foi detido preto de Concepción e liberado logo de oito días grazas á axuda dun antigo compañeiro de estudos en Cauquenes que se atopaba entre os policías que debían custodialo e que quizais, se atope na orixe do seu conto Detectives publicado en Chamadas telefónicas (Narrativas Hispánicas, 1997).
Meses despois regresa a México, onde xunto ao poeta Mario Santiago Papasquiaro (quen serviría de modelo para Ulises Lima en Os detectives salvaxes) fundou o movemento poético infrarrealista, que, xurdido a partir de reunións e faladoiros no Café La Habana da rúa Bucarelli, opúxose radicalmente aos poderes dominantes na poesía mexicana e ao establishment literario mexicano (o cal tiña a Octavio Paz como a súa figura preponderante). O movemento infrarrealista tivo como guías a ruptura co oficial e establecerse como vangarda. Aínda que se agruparon baixo o apelativo de infrarrealistas ao redor de quince poetas, Roberto Bolaño e Mario Santiago Papasquiaro foron os expoñentes estilisticamente máis sólidos, destacando ambos por unha poesía cotiá, disonante e con varios elementos dadaístas, xénero que Santiago cultivou ata o final da súa vida pero que Bolaño foi abandonando aos poucos pola prosa (aínda que o mesmo Bolaño nunca deixou de recoñecerse a si mesmo como poeta).
O movemento infrarrealista buscou, polas súas propias características fundacionais e polo seu espírito contestatario, inimigos e detractores que o mantiveron e ségueno mantendo marxinado e sen ningún tipo de recoñecemento, aínda que influíu decisivamente nunha xeración de creadores -que, cabe mencionar, tamén gardaron silencio sobre devandita influencia-. A popularidade alcanzada por Bolaño fixo que dita marxinalidade se vaia diluíndo lentamente. "Poderíase soster que o infrarrealismo determinouno como escritor da mesma forma que o afastamento da corrente permitiulle iniciar a súa carreira como novelista. México para el foi central, porque o determinou como escritor (...) o México nocturno, o México das rúas, da fala cotiá, dun destino crebado e ás veces tráxico e o humor cativárono. Non é casualidade que as súas dúas máis grandes novelas centrounas en México, Os detectives salvaxes e 2666", comentou Juan Villoro en referencia a Bolaño[9].
Logo emigrou a España, concretamente a Cataluña, onde xa vivía a súa nai. Alí desempeñou diversos oficios -vendimador no verán, vixilante nocturno dun cámping en Castelldefels, vendedor nun almacén de barrio- antes de poder dedicarse por completo á literatura. Bolaño faleceu o martes 14 de xullo de 2003 no hospital Vall d'Hebrón de Barcelona tras pasar dez días en coma como consecuencia dunha insuficiencia hepática. Deixou inconclusa a novela 2666, na cal levou ao extremo a súa capacidade fabuladora, esta vez ao redor dun personaxe que retoma a figura do escritor desaparecido, neste caso, Benno von Archimboldi.
En 1998 gañou Premio Herralde de novela grazas a súa obra Os detectives salvaxes, pola que tamén obtivo o Premio Rómulo Gallegos en 1999. En 2004, un ano logo da súa morte, obtivo o premio Salambó á mellor novela escrita en castelán, por 2666. O xurado do premio destacou o nivel e diversidade dos cinco finalistas, todos eles «libros nobres, respectábeis e moi notábeis». E referiuse á novela gañadora, como «o resumo dunha obra de moito peso, onde se decanta o mellor da narrativa de Roberto Bolaño». Unha novela que «contén moita literatura, que supón un gran risco e leva ao extremo a linguaxe literaria do seu autor».
Bolaño preséntase nalgunhas das súas obras (como Os detectives salvaxes, Amuleto, Estrela distante ou o borrador de 2666) como o seu alter ego, Arturo Belano. Tamén aparece retratado nas novelas Soldados de Salamina de Javier Cercas e en Mantra de Rodrigo Fresán.
A obra de Roberto Bolaño inclúe poesía, novelas, contos, ensaios e discursos literarios, publicados na súa maioría en Barcelona. Varias destas obras foron publicadas após a súa morte. A totalidade dos seus libros de contos, e case todas as súas novelas —agás Consejos de un discípulo..., reeditada pola Editorial Acantilado— foron publicadas por Anagrama, a través do seu amigo e principal editor Jorge Herralde, onde publicou entre 1996 e 2003 cando menos un libro por ano. A primeira edición de La pista de hielo foi publicada nun comezo pola Editorial Planeta, La literatura nazi en América por Seix Barral, e Una novelita lumpen pola editorial Mondadori. Os seus primeiros traballos narrativos foron ademais publicados inicialmente en pequenas edicións mediante a obtención de premios españois de provincia.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.