Rexión non traducida tres prima
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética molecular, a rexión non traducida tres prima, xeralmente escrita 3′ UTR (do inglés 3′ Untranslated Region), é a sección dun ARN mensaxeiro que está despois do codón de terminación da tradución en dirección ao extremo 3′. Unha molécula de ARNm transcríbese a partir dunha secuencia de ADN como unha copia complementaria da mesma, e despois o ARNm é traducido a proteína nos ribosomas da célula. Varias rexións do ARNm non se traducen a proteína, como a carapucha 5′, a rexión non traducida 5', a cola poli(A) e a rexión non traducida 3′. A 3′ UTR a miúdo contén rexións reguladoras que inflúen na expresión xénica postranscricional.
As rexións reguladoras dentro da 3′ UTR poden influenciar a poliadenilación, eficiencia da traslación, localización, e estabilidade do ARNm.[1][2] O 3′ UTR contén sitios de unión para proteínas reguladoras e para microARNs (miARN). Os miARN, ao unírense a sitios específicos na 3′ UTR, poden facer decrecer a expresión xénica de varios ARNm ao inhibiren a tradución ou causando directamente a degradación do transcrito. A 3′ UTR ten tamén rexións silenciadoras, ás cales se unen proteínas represoras que inhiben a expresión do ARNm. Moitas 3′ UTRs conteñen tamén elementos ricos en AU (AREs). Aos AREs únense proteínas que afectan á estabilidade ou á velocidade de degradación dos transcritos de forma localizada ou afectan á iniciación da tradución. Ademais, a 3′ UTR contén a secuencia AAUAAA que dirixe a adición de varios centos de residuos de AMP, formando a chamada cola poli(A) do extremo 3′ do ARNm transcrito. A esta cola únese a proteína de unión á poli(A) (PABP), contribuíndo á regulación da tradución do ARNm, á súa estbilidade, e exportación. Por exemplo, a PABP unida á cola poli(A) interacciona con proteínas asociadas co extremo 5′ do transcrito, causando unha circularización do ARNm que promove a tradución. A 3′ UTR pode tamén conter secuencias que atraen proteínas para asociar o ARNm co citoesqueleto, transportalo ao ou desde o núcleo celular, ou realizar outros tipos de localización. Contribúen á regulación da tradución non só as secuencias que se encontran na 3′ UTR, senón tamén as características físicas desta rexión, como a súa lonxitude e estrutura secundaria. Todos estes mecanismos de regulación xénica aseguran que os xenes correctos se expresen nas células correctas nos momentos apropiados.