Poliadenilación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A poliadenilación é a adición dunha cola poli(A) (formada por moitas moléculas de adenosina monofosfato) a unha molécula de ARNm. A cola de poli(A) consiste, pois, nun tramo de ARN formado exclusivamente por AMPs unidas en cadea, que se engade nun dos extremos da molécula de ARN, o extremo 3'. Nos eucariotas a poliadenilación é parte do proceso que produce os ARN mensaxeiros maduros destinados á tradución nos ribosomas para formar proteínas. É unha parte do proceso de expresión xenética.
O proceso de poliadenilación empeza cando finaliza a transcrición dun xene. O segmento situado máis ao extremo 3' do ARN acabado de sintetizar é primeiro cortado por un conxunto de proteínas; despois estas proteínas sintetizan a cola poli(A) en dito extremo 3'. Nalgúns xenes, estas proteínas poden engadir unha cola poli(A) en calquera dunha serie de sitios posibles. Por tanto, a poliadenilación pode producir máis dun transcrito para un só xene (poliadenilación alternativa), o que é similar ao splicing alternativo.[1]
A cola poli(A) é importante para a exportación nuclear, tradución, e estabilidade do ARNm. A cola vaise acurtando co tempo, e, cando xa é demasiado curta, o ARNm é degradado encimaticamente.[2] Porén, nuns poucos tipos celulares, os ARNm con colas poli(A) curtas almacénanse para unha posterior activación por repoliadenilación no citosol.[3] Polo contrario, cando a poliadenilación ocorre en bacterias, o que fai é promover a degradación do ARN.[4] Isto tamén ocorre algunhas veces nos ARN non codificantes eucarióticos.[5]