especie de mamífero artiodáctilo da subfamilia dos caprinos From Wikipedia, the free encyclopedia
O rebezo pirenaico, Rupicapra pyrenaica, é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos caprinos, unha das dúas que conforman o xénero Rupicapra.
Suxeriuse que este artigo ou apartado sexa fusionado con "Rebezo" (conversa). Para realizar a fusión das páxinas segue estes pasos. |
Rebezo pirenaico Rupicapra pyrenaica | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rebezo pirenaico nos Picos de Europa | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845 | |||||||||||||||||||
Mapa de distribución de Rupicapra pyrenaica | |||||||||||||||||||
Distribución de Rupicapra pyrenaica en Galicia | |||||||||||||||||||
Subspecies | |||||||||||||||||||
|
Distribúese por algunhas cadeas montañosas do suroeste de Europa, chegando a súa área de dispersión até a Galicia oriental.
En Galicia adoita chamarse simplemente rebezo, xa que é a única especie do xénero Rupricapra que forma parte da nosa fauna.[1]
É un bóvido de pequeno tamaño (o menor de todos os da Península Ibérica), menor e máis esvelto que a cabra montesa, Capra pyrenaica. O seu corpo é compacto, alcanzando un tamaño de entre 108 e 128 cm (incluíndo a curta cola, de 3 a 4 cm); a altura na cruz é de entre os 70 e os 80 cm. Pesa entre os 20 e os 35 kg. Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias.[1]
Ambos os sexos posúen cornos, que comenzan a medrar a partir dos 3 meses de idade, e que perduran dutante toda a vida do animal; estes cornos teñen forma de gancho, e xorden do cranio verticais, para despois curvarse cara a atrás; os dos machos son máis grosos e co gancho máis pechado que os das femias; a estrutura dos cornos é ósea, de sección ovalada, recuberta po un estoxo córneo (é dicir, queratinoso).[1]
A cabeza é pequena, con ollos e orellas grandes (que son de cor escura pola cara dorsal e abrancazada pola ventral). A fronte, a queixada e a gorxa son de cor clara, abrancazada, cunha mancha escura que vai desde o labio superior até máis arriba dos ollos, a xeito de enteface. A cor do corpo é uniforme, semellante en ambos os sexos, parda avermellada (máis clara no verán), cunha liña escura que percorre lonxitudinalmente o dorso; o peito, o ventre e a cara anterior das patas é máis escura; o pelame invernal presenta unha maior densidade de pelos, cunha coloración máis agrisada e con contraste de cores máis marcada que na de verán.[1]
As patas son fortes, ben adaptadas á vida entre as rochas. Os pezuños, rematados en punta, son anchos e presentan almofadas brandas recubertas por unha vaíña dura e, para asegurar unha maior adherencia cando camiñan no inverno sobre a neve, entre ambos os dedos anteriores hai unha membrana interdixital que fai aumentar a superficie do pezuño.[1]
Aínda que o dimorfismo sexual é pouco acentuado, podemos distinguir os sexos (e tamén entre os indiuviduos adultos e os novos) pola forma e tamaño dos cornos, e polos aneis de crecemento. Os machos teñen os cornos máis grandes e grosos, son de sección claramente oval e son máis ganchudos, mentres que os das femias son máis pequenos e delgados, de sección case circular e co extremo superior menos curvado, formando coa parte anterio un ángulo de case 90º. Outros caracteres morfolóxicos distintivos son a maior corpulencia dos machos, o seu pescozo máis groso, e o pincel peneano; cando urinan, os machos fano cara a adiante, ao contrario das femias que, ademais, teñen o pesozo máis delgado e o tronco máis estilizado. Por outra parte, cada ano de vida fórmase un segmento de corno que despraza ao anterior cara a arriba, formándose entre ambos os segmentos unha estría; o reconto das estrías permite calcular a idade do animal.[1]
A especie foi descrita en 1845 polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte, aínda que durante moito tempo foi cuestionada pola comunidade científica, e non foi aceptada até 1985 a súa separación de Rupicapra rupicapra.[2]
Na especie distínguense tres subespecies:[3]
A especie ten tres núcleos de poboación nas montañas do suroeste de Europa, dous deles na Península Ibérica, R. p. pyrenaica nos Pireneos, e R. p. parva na cordilleira Cantábrica, desde Galicia até a serra de Híjar (entre Cantabria e Palencia), e a terceira, R. p. ornata, nos Apeninos (Italia), poboación esta en perigo de extinción.[3]
Viven nas montañas, orixinalmente moi cinguidos aos bosques (caducifolios, de coníferas ou mixtos), especialmente en ladeiras con moita pendente e abundancia de rochas. Porén, frecuentan tamén os terreos rochosos por riba do límite das árbores.[7]
É unha especie típica do andar subalpino que, na maior parte das montañas ibéricas, foi deforestado para gañar superficie de pasteiros. Móvese entre o límite superior dos bosques e os pasteiros supraforestais ocupando, en verán, as máximas altitudes. Prefiren pendentes fortes e rochosas, onde a neve se acumula pouco. Habitan desde os 1.000 e os 2.800 m nos Pireneos e entre os 400 e os 2.400 m na cordilleira Cantábrica.
Os rebezos son sobre todo diúrnos, descansando ao medio día (especialmente nos días calorosos do verán), e son raramente activos pola noite. Son áxiles trepadores, marchan regularmente ao paso e ao galope, raramente ao trote. Son capaces de nadar, aínda que no o fan máis que en caso de necesidade.[7] Poden realizar saltos de até 2 m de altura e 6 m de lonxitude.
Son animais sociais que se moven en pequenos grupos á procura de pastos de montaña. Estes grupos están formados por femias as súas crías do ano e individuos xuvenís (ás veces, tamén acompañanos por un ou dous machos adultos) e son guiados por unha feima vella. Os machos son solitarios ou viaxan reunidos en pequenos grupos. Estes grupos só se reúnen durante a época de celo.[7][8]
A vista, olfacto e oído son excelentes. Isto axúdalles a identificar axiña aos seus depredadores, como osos, lobos, e homes. Outros perigos que axexan aos rebezos que viven en altas montañas son os aludes, até o punto de que non é raro atopar rabaños enteiros mortos pola súa causa na época do desxeo.
En inverno refúxianse nos bosques alimentándose de musgos, liques e poliñas.
Comen plantas gramíneas e outras plantas herbácas, follas, agromos, musgos, liques, codias e arumes.[8]
O rebezo alcanza a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos de idade, madurando antes as femias. A época do celo adoiota comezar entre outubro e novembro. Neste tempo os grupos de machos seguen aos de femias e únense a eles. Os machos vólvense territoiriais e agresivos, producíndose entón fortes enfrontamentos entre eles, que loitan polo dereito a reproducírense; estas loitas non son sanguentas, reucíndose case sempre a amagos intimidatorios trucando testa contra testa.
Durante a época da reprodución os machos apenas comen, ocupados como están en conseguir o maior número de femias posíbel. Os machos dominantes adoitan marcar os arbustos cunha substancia cun cheiro que atrae ás femias, esfregando a cabeza contra as plantas e o ventre contra o chan. A xestación dura 6 meses, ao cabo dos cales as femias paren unha única cría.[1]
A esperanza de vida destes animais é duns 15 a 20 anos.[8]
En España e Francia é unha especie cinexética.[8]
En España as únicas especies que predan sobre o rebezo son a aguia real (Aquila chrysaetos) e o raposo (Vulpes vulpes). E, nos lugares onde aínda están presentes, describiuse tamén depredación por parte do lobo (Canis lupus signatus) e o oso pardo (Ursus arctos).
Segundo a UICN o estado de conservación desta especie, a data do ano actual (2014), é de LC (pouco preocupante).[3]
En xeral, a situación desta especie mellorou considerabelmente desde 1990. A poboación e a área de distribución da subespecie dos Pireneos, R. p. pyrenaica, aumentaron marcadamente desde 1989 a 2003, aínda que posteriormente houbo algunhas caídas. A estimación en 1989 do número total espécimes de R. p. pyrenaica era aproximadamente 15.500 animais, pero en 2003 estimábase que polo menos eran 53.000. Hoxe en día probabelmente o número sexa menor, porque moitas poboaciones desta subespecie diminuíron localmente desde 2004 debido a imha severa mortandade causada por enfermidades víricas e a caza na zona francesa, xa que o núemero de pezas cobradas mantívose constante neste tempo. As densidades de R. p. pyrenaica tenden a ser menores fóra das áreas protexidas.
Non todas as subpoboacións da subespecie cantábrica, R. r. parva foron censadas, pero a pobloción total estimábase enm 2002 nunhas 15.000 cabezas.
Porén, a poboación da subespecie italiana, R. r. ornata, segue a ser moi escasa. O número de espécimes probabelmente foron baixos durante os últimos séculos, e só empzarpn a aumentar nos anos 1920 como resultado dunha maior protección. As cifras caeron outra vez, até chegar tan só a varias decenas de individuos nunha úinica poboación no Parque Nacional dos Abruzos durante a segunda guerra mundial. Como resultado da acción de conservación nos últimos anos, incluíndo reintroducións e o establecemento de dúas novas poboacións, o número de individuos aumentou, de xeito que a poboación estímase actualmente nuns 1.100 animais nas tres subpoboacións.[3]
En Galicia, nas serras orientais lugesas e ourensás (Ancares, Courel, Enciña da Lastra) vive a subespecie Rupicapra pyrenaica parva Cabrera, 1911. O número de exemplares é escaso, pero na actualidae está colonizando novas zonas.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.