R (linguaxe de programación)
linguaxe de programación / From Wikipedia, the free encyclopedia
R é unha linguaxe de programación, coa súa contorna, para a estatística computacional e a produción de gráficos[3]. O seu desenvolvemento está apoiado e é xestionado pola Fundación para a Estatística Computacional R[3][4]. O seu desenvolvemento comezárono Ross Ihaka e Robert Gentleman en 1995 como unha implementación[5] da linguaxe de programación S[6]. R é un proxecto de GNU[7][8]. O código fonte de R está escrito en C, Fortran e R[9]. R distribúese baixo a licenza GNU GPL, co cal é de código aberto e libre. Está dispoñible para os sistemas operativos Unix e GNU/Linux, Mac OS X e Windows. Algunhas das características máis relevantes é que se trata dunha linguaxe interpretada e que está orientada a obxectos.
R | |
---|---|
![]() | |
Paradigma | multiparadigma, orientado a obxectos, imperativa, funcional, procedural, reflexiva |
Data | 1993 |
Deseñador | Ross Ihaka e Robert Gentleman |
Desenvolvedor | R Core Team |
Última versión | 3.4.2 (Short Summer)[1] |
Tipo de dato | dinámica |
Postas en funcionamento | Agosto de 1993 |
Influído por | S, Scheme, Common Lisp, XLispStat |
Influíu | Julia |
Sistema operativo | Multiplataforma (GNU/Linux, Mac OS X, Windows) |
Licenza | GNU GPL v2[2] |
Web | www.r-project.org |
A linguaxe R emprégase amplamente na estatística, na análise e minado de datos e para o desenvolvemento de software estatístico[10][11]. Recentes estudos e enquisas mostraron que a popularidade de R aumentou nos últimos anos[12][13][14][15] e que se colocou xa como a quinta linguaxe máis popular entre os desenvolvedores[16]. A bioinformática, a investigación biomédica, ecoloxía e as matemáticas financeiras, entre outros campos de big data, é onde se está a empregar máis. R cítase de xeito común como a lingua franca da ciencia[17].
Ademais de liña de comandos, R pódese empregar en varias interfaces gráficas[18].
No repositorio CRAN atópanse máis de 8 mil librarías, ou paquetes de funcións, que amplían a capacidade funcional da base de R[19][20]. R pode integrarse con distintas bases de datos, como MySQL, MariaDB, SQLite, PostgreSQL ou MongoDB. Existen librarías que facilitan a súa utilización desde linguaxes de programación interpretados como Perl e Python ou en linguaxes de código compilado, como C ou Fortran. O proxecto máis coñecido desenvolvido sobre R é Bioconductor, que conta con máis de 1200 librarías de R e que permite o tratamento de datos de secuenciación xenómica masiva[21][22].