Río Tietê
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Río Tietê é un río brasileiro do Estado de San Paulo. É famoso nacionalmente por atravesar a cidade de São Paulo.
Río Tietê | |
---|---|
País | Brasil |
Lonxitude | 1.100 km |
Caudal medio | ? m³/s |
Desembocadura | Océano Atlántico |
Nace na cidade de Salesópolis, nas montañas da Serra do Mar, a 1.027 metros de altitude. A pesar de estar a apenas 22 km do litoral, as escarpas da Serra do Mar o obrigan a camiñar en sentido inverso, rumbo ó interior, atravesando o estado de San Paulo de sueste a noroeste ata desaugar no lago formado pola represa de Jupiá no río Paraná. Recorre no total uns 1.100 km.
No seu nacente, situado nun parque estatal, é un río de augas puras, que serven para beber. Pero despois que atravesa a cidade de Moji das Cruzes (uns 40 km ó leste da cidade de San Paulo) xa recibe unha carga significativa de poluentes, e as súas augas xa adquiren un olor desagradábel. A seguir, recibe máis polución das cidades de Itaquaquecetuba, Guarulhos e tamén de San Paulo, principalmente efluentes domésticos orgánicos, que esgotan o osíxeno do río e imposibilitan a vida de peixes e algas. Ó atravesar a cidade de San Paulo, o Tietê é un río morto. En raros puntos onde recibe algún afluente e hai movemento nas súas augas, unha minúscula especie de peixe, chamada guaru (que non pasa dos 5 cm) consegue sobrevivir. Noutros puntos, só as bacterias anaeróbicas sobreviven.
O río segue poluído polos veciños municipios de Osasco, Barueri, Santana de Parnaíba e Pirapora do Bom Jesus. Nesa cidade, está a represa Edgard de Souza, construída no comezo do século XX para posibilitar que a auga dun afluente do Tietê, o río Pinheiros, fose bombeada para producir electricidade na Serra do Mar.
Grazas a Edgard de Souza, unha parte da polución do río sedimenta no seu fondo, e as augas reciben osíxeno ao moverse cando saen da represa. Pero xorde outro problema: as augas retidas preto de Pirapora do Bom Jesus quedan paradas por bastante tempo e formase unha espuma composta de poluentes, deterxentes e gas sulfhídrico. Esta espuma é levada polo vento ata a cidade, provocando alerxias respiratorias na súa poboación (especialmente en nenos de pouca idade) e corroendo as construcións históricas do seu centro, ademais do cheiro desagradábel e concentrado.
Despois de Pirapora do Bom Jesus, o río Tietê comeza un proceso de recuperación, ó deixar parte das substancias que o contaminan no fondo da represa Edgard de Souza e ó recibir afluentes con menor carga de polución. Os peixes e as algas rexorden.
Mais algúns quilómetros adiante, comezan as represas para xerar enerxía hidroeléctrica e as esclusas para a navegación fluvial. Na cidade de Barra Bonita, a uns 300 km de San Paulo, o río pode ser usado para bañarse, para a pesca e para a navegación turística e de cargas. Así prosegue ata súa foz, no lago da represa de Jupiá, no río Paraná.