Río Eume
curso fluvial galego From Wikipedia, the free encyclopedia
curso fluvial galego From Wikipedia, the free encyclopedia
O río Eume é un río galego. Nace na xunta dos regos do Lamoso e das Toxeiras, ó pé da Lomba Longa do Seixo Branco, na Serra do Xistral, a 759 m.[1] O nacemento atópase na parroquia de Montouto,[2][1] no concello lugués de Abadín, aínda que as cabeceiras nacen na parroquia da Balsa, no concello veciño de Muras a 880 m.[2][1] O seu percorrido de 80 km transcorre pracidamente por terras de Lugo ata que pouco a pouco, pasada a vila das Pontes de García Rodríguez, vaise encaixando nun val profundo coñecido como canón do Eume, en parte asolagado polo encoro do Eume. A medida que se achega á desembocadura vaise abrindo o val ata formar un amplo esteiro que en marea baixa forma unha illa coñecida como As Croas, de gran valor marisqueiro e ecolóxico.[3] Finalmente desemboca na ría de Ares,[4] no Golfo Ártabro, entre os concellos coruñeses de Pontedeume e Cabanas dos que é a súa fronteira natural. Ten un caudal medio de 19,1 m3/s[5][6] e unha conca de 470 km2.[2][5][6] Ten unha lonxitude de 80 km.[2]
Tipo | río | ||||
---|---|---|---|---|---|
Inicio | |||||
Altitude inicial | 880 m | ||||
División administrativa | Provincia de Lugo, España | ||||
Localización | Montouto | ||||
Final | |||||
División administrativa | Provincia da Coruña, España | ||||
Localización | ría de Ares | ||||
| |||||
Características | |||||
Dimensións | 80 () km | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 470 km² | ||||
Medicións | |||||
Caudal | 19,1 m³/s | ||||
O hidrónimo Eume segundo Isidoro Millán González-Pardo derivaría do termo paleuropeo Ume, relacionado co hidrónimo éuscaro Urumea, composto do substantivo vasco umea, "neno, cativo, pequeno", nome que ten sentido, pois o Eume recibe noutra zona do seu percorrido o nome de Río Pequeno. Sería pois un nome preindoeuropeo emparentado coas linguas éuscaras e que podería estar relacionado cos nomes dos ríos Umia (Pontevedra), Uma (afluente do Tea), Irimia (nacemento do río Miño en Lugo), Urumea (Navarra-País Vasco) e Umeälven (Suecia). Edelmiro Bascuas relaciónao co composto bitemático E-Ume, da mesma orixe[7].
A outra posibilidade é que veña dunha raíz hidronímica prelatina celto-galaica, xa indoeuropea *u̯h1-m (auga)̯̯ cfr. lat. ūmeō <*u̯h1-m-o, de recoñecida presenza na hidronimia galega (Río Umia, Río Mao, Acea de Ama etc).[8]
Conta a lenda que Deus fixo nacer tres ríos na Serra do Xistral e os fixo fluír en tres direccións diferentes: o Eume cara ó poñente, o Landro cara ó norte e o Masma cara ó abrente [9]. O mar prometeu entregar un home cada ano a aquel río que antes chegase ó mar. Os tres ríos empezaron a andar pero, pouco despois de naceren, acordaron descansar un pouco no camiño, coa condición de que o primeiro que acordase debería espertar ós outros. Un dos ríos espertou e, en vez de cumprir o acordado, marchou en silencio cara ó mar. Ó pouco despertou o segundo río e, visto o que fixera o primeiro, decideu facer o mesmo e seguiu camiño cara ó mar.
Cando o terceiro río, o Eume, despertou e viu que os outros dous non cumpriran o pacto, encolerizouse e acelerou a súa marcha por montes, vales e riscos e conseguiu chegar o primeiro ó mar, provocando no camiño o espectacular Canón do Eume. Cumprindo a súa promesa, cada ano o mar fai afogar a unha persoa nas súas augas. Outras versións da lenda falan de tres fontes ou mesmo de tres ninfas.[10][11]
Percorre os concellos de Abadín, Muras, Vilalba, Xermade, As Pontes de García Rodríguez, A Capela, Monfero, Cabanas e Pontedeume.
No seu percorrido atópanse dous encoros: o da Ribeira, no concello das Pontes, e o do Eume, entre os concellos das Pontes de García Rodríguez e A Capela ó norte e Monfero ó sur.
No 2008 desviouse unha boa porcentaxe do seu caudal ata encher o novo lago que ocupa o furado deixado pola mina de lignito das Pontes, cunha extensión superior á da cidade da Coruña.[12] O lago rematouse de encher en 2012.[13]
Unha morea de caudais de auga máis ou menos longos e caudalosos, verten as súas augas nel. Salientan na marxe dereita o rego de Montouto, preto da capitalidade do concello de Muras, e, xa na provincia da Coruña, o río Maciñeira, o máis longo de todos os afluentes (11 km) que verte a escasos metros do Parque de Carbóns da Central térmica das Pontes, o río do Pareiro, que desemboca no Encoro do Eume formando un profundo entrante, e o río Sesín, que na súa confluencia co Eume, e xunto con el, rodea o outeiro onde se ergue o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.
Na marxe esquerda salientan o rego Felgado, que ten as súas fontes en terras de Xermade, o río Chamoselo, cunha ponte medieval preto da súa desembocadura no centro urbano das Pontes. Vertendo as súas augas no Encoro do Eume despois de 10 km de percorrido, está o río Frei Bermuz, o máis caudaloso de todos os afluentes e que forma unha fermosa paraxe natural no lugar da Feira do Dez. En pleno canón do Eume verte o río de San Bartolomé tamén de 10 km, cuxo caudal foi aproveitado ata non hai moitas décadas para a produción de enerxía hidroeléctrica na Central do Parrote. Xa no esteiro, desemboca o Río de Covés.
O 30 de xuño de 1997 creouse o Parque Natural das Fragas do Eume (Real Decreto 211/96 de 2 de maio) cunha superficie de 9126 ha. Abarca terras dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.