![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/fc/Vertical_section_human_cornea-Gray871.png/640px-Vertical_section_human_cornea-Gray871.png&w=640&q=50)
Queratocito corneal
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os queratocitos corneais (ou fibroblastos corneais ou, simplemente, queratocitos) son fibroblastos especializados que se encontran no estroma da córnea do ollo. A córnea consta de varias capas: epitelio externo, membrana de Bowman, estroma, membrana de Descemet e endotelio corneal. O estroma corneal é a capa central da córnea, que ocupa do 85-90% do grosor da mesma, e está formada por láminas de coláxeno moi regulares e compoñentes da matriz extracelular. Os queratocitos están situados nas estreitas fisuras que quedan entre os feixes de fibras coláxenas do estroma [1]. Os queratocitos xogan un importante papel no mantemento da transparencia da córnea, na curación das súas feridas, e na síntese dos seus compoñentes. Nunha córnea inalterada os queratocitos permanecen en estado dormente, pero póñense en acción en canto hai calquera tipo de dano ou inflamación na córnea. Algúns queratocitos que se sitúan debaixo do lugar onde se produciu o dano sofren apoptose inmediatamente despois de producirse a ferida.[2] Calquera fallo neste ben orquestado proceso de curación de feridas pode facer perder transparencia á córnea, e unha excesiva apoptose de queratocitos pode ser parte de procesos patolóxicos propios dos trastornos dexenerativos da córnea, como o queratocono, polo que isto espertou o interese no estudo destas células.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/fc/Vertical_section_human_cornea-Gray871.png/320px-Vertical_section_human_cornea-Gray871.png)