Proteína periférica de membrana
From Wikipedia, the free encyclopedia
As proteínas periféricas de membrana son proteínas que se adhiren só temporalmente ás membranas celulares coas cales están asociadas. Estas moléculas están unidas a proteínas integrais de membrana ou penetran nas rexións periféricas da bicapa lipídica da membrana. As subunidades de proteínas regulatorias de moitos canles iónicas e receptores transmembrana, por exemplo, poden definirse como proteínas periféricas de membrana. A diferenza das proteínas integrais de membrana, as periféricas adoitan recollerse no compoñente ou fracción hidrosoluble de todas as proteínas extraídas durante o procedemento de purificación de proteínas. As proteínas cunha áncora GPI son unha excepción a esta regra e poden ter propiedades de purificación similares ás das proteínas integrais de membrana.
A adhesión reversible de proteínas ás membranas biolóxicas pode servir para regular a sinalización celular e moitos outros eventos celulares importantes, por medio de diversos mecanismos.[1] Por exemplo, a estreita asociación entre moitos encimas e membranas celulares pode levalos a unha estreita proximidade cos seus substratos lipídicos.[2] A unión a membranas pode tamén promover o rearranxo, disociación ou cambio conformacional en moitos dominios estruturais de proteínas, orixinando cambios no seu estado de activación e actividade biolóxica.[3][4] Ademais, moitas proteínas están localizadas especificamente na superficie da capa citosólica ou na da capa externa da membrana.[5] Isto facilita a ensamblaxe de complexos multiproteicos ao incrementarse a probabilidade de que se produzan as interaccións proteína-proteína apropiadas.