![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/70/Genetic_code-gl.svg/langgl-640px-Genetic_code-gl.svg.png&w=640&q=50)
Produción de proteínas
From Wikipedia, the free encyclopedia
A produción de proteínas é o proceso biotecnolóxico de xerar proteínas específicas. Realízase normalmente manipulando a expresión xénica nun organismo de maneira que este exprese en grandes cantidades un xene recombinante. Isto inclúe a transcrición do ADN recombinante a un ARN mensaxeiro, a tradución do ARNm a cadeas de polipéptidos, que son finalmente pregadas en proteínas funcionais e poden ser destinadas a localizacións específicas subcelulares ou extracelulares.[1]
- Este artigo trata sobre o proceso biotecnolóxico. Para a produción natural de proteínas nas células véxase: Expresión xénica, Biosíntese de proteínas e Tradución (proteínas)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/70/Genetic_code-gl.svg/320px-Genetic_code-gl.svg.png)
Os sistemas de produción de proteínas (denominados nos laboratorios 'sistemas de expresión') utilízanse en bioloxía, biotecnoloxía e medicina. A investigación en bioloxía molecular usa numerosas proteínas e encimas, moitas das cales proceden de sistemas de expresión; especialmente a ADN polimerase para a PCR, transcriptase inversa para a análise de ARN, endonucleases de restrición para a clonación e para fabricar proteínas que son cribadas nos estudos de descubrimento de fármacos como dianas biolóxicas ou como fármacos potenciais en si mesmos. Existen tamén aplicacións significativas para sistemas de expresión na fermentación industrial, notablemente a produción de produtos biofarmacéuticos como a insulina humana para tratar a diabetes e para producir encimas.