Streptococcus pneumoniae
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Streptococcus pneumoniae ou pneumococo, é unha bacteria patóxena causante de diversas infeccións e procesos invasivos graves en humanos. Trátase dunha bacteria grampositiva de 1,2-1,8 µm de lonxitude, de forma oval co extremo lanceolado. É inmóbil, non forma endósporas, e é un membro alfa-hemolítico do xénero Streptococcus.[1] Xeralmente, preséntase en forma de diplococo, polo que inicialmente foi denominado Diplococcus pneumoniae, aínda que existen algúns factores que poden inducir a formación de cadeas. O pneumococo é un patóxeno case exclusivamente humano causante dun gran número de infeccións (pneumonía, sinusite, peritonite etc.) e de procesos invasivos graves (meninxite, sepse etc.), particularmente en anciáns, nenos e persoas inmunodeprimidas. S. pneumoniae foi recoñecida como a causa principal da pneumonía xa a finais do século XIX, e é suxeito de moitos estudos de inmunidade humoral. É o principal microorganismo causante de pneumonia adquirida na comunidade (NAC).
Streptococcus pneumoniae | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de varrido de S. pneumoniae. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Streptococcus pneumoniae' (Klein 1884) Chester 1901 |
O hábitat natural do pneumococo é a nasofarinxe humana e a colonización pode ter lugar durante os primeiros días de vida.
Metabolicamente, o pneumococo é un microorganismo microaerófilo, catalase negativo, que se encontra dentro do grupo das bacterias ácido lácticas, xa que este composto é o principal produto resultante da fermentación de carbohidratos.
A variante morfolóxica illada con máis frecuencia en persoas infectadas con pneumococo é a forma “lisa” de Griffith (S), que se presenta encapsulada, coas marxes lisas e que forma colonias de aparencia mucosa. Foi precisamente Frederick Griffith quen, en 1928, puxo de manifesto que a cápsula é o principal factor de virulencia nos seus famosos experimentos sobre transformación bacteriana coas cepas S e R, que levarían despois a Oswald Avery a demostrar que o material xenético é o ADN.