Pinturas negras
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Pinturas negras (1819-1823) é o nome que recibe unha serie de catorce obras murais de Francisco de Goya, pintadas coa técnica de óleo al secco (sobre paredes recubertas de xeso). Creounas como decoración dos muros da súa casa, chamada a Quinta del Sordo,[2] que adquirira en febreiro de 1819. Estes murais foron trasladados a lenzo a partir de 1874, e actualmente consérvanse no Museo do Prado de Madrid
A serie, a cuxos óleos Goya non puxo título, díxose que foi inventariada en 1828 cos bens da quinta á morte de Goya polo seu amigo Antonio de Brugada[3] e componse dos seguintes lenzos: Átropos ou As Parcas, Dous vellos ou Un vello e un frade, Dous vellos comendo sopa, Duelo a garrotazos ou La riña, O aquelarre, Homes lendo, Judith e Holofernes, A romaría de Santo Isidro, Dúas mulleres e un home, Peregrinación á fonte de Santo Isidro ou Procesión do Santo Oficio, Can semiafundido ou máis simplemente O can, Saturno devorando un fillo, Unha manola: dona Leocadia Zorrilla e Visión fantástica ou Asmodea.
A casa de Goya, xunto coas pinturas murais, pasou a ser propiedade do seu neto Mariano Goya en 1823, ano no que Goya cedeulla, ao parecer para preservar a propiedade de posibles represalias logo da restauración da monarquía absoluta e a represión de liberais fernandina. Durante 50 anos a existencia das Pinturas negras foi escasamente coñecida (só algúns críticos, como Charles Yriarte, as describiron).[4] A partir de 1874, e nun lento proceso que durou varios anos, foron trasladadas de revoco a lenzo por Salvador Martínez Cubells a instancias do barón Émile d’Erlanger,[5] un banqueiro e coleccionista de arte francés de orixe alemá que se fixera coa propiedade do terreo con intención de preservar as pinturas, ameazadas de desaparición xunto coa casa.[6] Erlanger presentou as pinturas na Exposición Universal de París de 1878, tense dito que con intención de vendelas, sen logralo, aínda que outros testemuños indican que o seu propósito foi dende o primeiro momento o de facer doazón delas ao Museo do Prado, como en efecto fixo en 1881.[7] En realidade, pouco estimadas polo gusto académico dominante naqueles anos, o seu paso pola exposición parisiense apenas suscitou algún comentario e tampouco o houbo tralo seu ingreso no museo, onde unha parte delas non se expuxo ata 1898, cando o fillo do barón presentou unha reclamación.[8]
Goya adquiriu este terreo á beira do río Manzanares, preto da ponte de Segovia e con vistas cara a pradeira de Santo Isidro, en febreiro de 1819. Especúlase que era para poder vivir alí con Leocadia Weiss, a salvo de rumores, xa que estaba casada con Isidoro Weiss. Era a muller coa que tiña unha relación e posiblemente unha filla pequena, Rosario, dos dous nenos que tiña ao seu cargo. Como en novembro dese ano Goya sofre unha grave enfermidade —da que Goya atendido polo doutor Arrieta (1820) un testemuño estarrecedor—, o artista puido ter comezado a decoración dos muros da súa casa entre febreiro e novembro de 1819. O certo é que as Pinturas negras foron pintadas sobre imaxes campestres de pequenas figuras, cuxas paisaxes aproveitou nalgunha ocasión, como no Duelo a garrotazos. Se estas pinturas de ton ledo foron tamén obra do aragonés, podería pensarse que a crise da enfermidade unida quizais aos turbulentos sucesos do Trienio Liberal, levara a Goya a repintar estas imaxes.[9] Bozal inclínase a pensar que efectivamente os cadros preexistentes eran de Goya, debido a que só así se entende que reempregara algún dos seus materiais; con todo, Glendinning asume que as pinturas «xa adornaban as paredes da Quinta del Sordo cando a mercou».[10] En todo caso, a realización das pinturas da quinta podería datar de 1820. A data de finalización da obra non pode ir máis aló de 1823, ano no que Goya marcha a Bordeos e cede o terreo ao seu neto Mariano,[11] probablemente temendo represalias contra a súa persoa logo da caída de Riego. En 1830 Mariano de Goya transfire o terreo ao seu pai, Javier de Goya.
Unha recente teoría ten querido atribuír a autoría das Pinturas negras a Javier de Goya (fillo do pintor); con todo, Bozal e Glendinning,[12] dous dos máximos coñecedores da obra pictórica de Goya, rexeitan esta hipótese. É difícil imaxinar que este feito extraordinario non fora coñecido polos seus contemporáneos. A técnica pictórica, a calidade da pincelada, os tipos humanos grotescos, os temas obsesivos, que xa están presentes na obra goyesca anterior e posterior, fan infundada a atribución a Javier de Goya.
O chamado inventario de Antonio de Brugada menciona sete obras na planta baixa e oito na alta.[13] Con todo, ao Museo do Prado só chegaron catorce. Charles Yriarte (1867) menciona así mesmo a existencia dunha pintura máis das que se coñecen na actualidade, aínda que só describe trece e advirte que outra xa fora arrincada do muro cando visitou o terreo, sendo trasladada ao palacio de Vista Alegre, que daquela pertencía ao marqués de Salamanca. Moitos críticos consideran que polas súas medidas e o seu tema, esta sería Cabezas nunha paisaxe (Nova York, colección Stanley Moss).[14]
O outro problema de localización radica na titulada Dous vellos comendo sopa, da que se ten dubidado se era sobreporta do andar alto ou baixo. Deixando este detalle á parte, a distribución orixinal na Quinta del Sordo segundo Yriarte era como segue:[15]
Nunha das sobreportas estaría Dous vellos comendo sopa, non citado por Yriarte, que Glendinning sitúa na da sala baixa, polo deseño do papel pintado que aparece na súa correspondente fotografía de Laurent, dato apuntado tamén por outro viaxeiro francés, Pierre Léonce Imbert que visitou a propiedade en 1875.[16] Dúas novas investigacións confirman esta situación, aínda que con diferente distribución do resto das pinturas.[17][18]
Esta disposición e o estado orixinal das pinturas poden coñecerse, ademais de polos testemuños escritos, polo inventario fotográfico que levou a cabo in situ J. Laurent no ano 1874.[19] O encargo fotográfico orixinouse cando un novo propietario da casa, o barón de Erlanger, contratou o restaurador do Museo do Prado Martínez Cubells para arrincar as pinturas e pasalas a lenzo. E as fotografías de Laurent foron unha guía certeira no proceso de arrinque e traslado das pinturas. Dende a década anterior, as previsións de especulación inmobiliaria na zona, facían temer aos historiadores da arte Cruzada Villaamil e Charles Yriarte a desaparición das Pinturas negras nun breve período.[20]
Polas fotografías de Laurent sabemos que as pinturas foron enmarcadas con deseños clasicistas de cenefas, do mesmo xeito que as portas, ventás e o friso baixo o teito. As paredes foron empapeladas, como era costume nas residencias palacianas e burguesas, con material procedente posiblemente da Real Fábrica de Papel Pintado promovida por Fernando VII. O andar inferior con motivos de froitos e follas e a superior con debuxos xeométricos organizados en liñas diagonais. As fotografías tamén documentan o estado anterior ao traslado, e así podemos saber, por exemplo, que n' O Aquelarre había un gran fragmento á dereita que non se conserva na actualidade, aínda que si que foi trasladado ao lenzo por Martínez Cubells.[21]
Dende 1820 Goya é cada vez máis aprezado polos seus contemporáneos cando aborda o estilo do Sublime Terrible no que se enmarcan estas obras. O concepto foi desenvolvido por Edmund Burke en A Philosophical Enquiry into the Ideas of the Beautiful and Sublime (1757), e estendeuse por toda Europa na segunda metade do século XVIII. Coa mentalidade romántica estímase a orixinalidade no artista por riba de calquera outro concepto, e autores como Felipe de Guevara sinalan o gusto contemporáneo polas producións dos melancólicos saturninos, cuxo temperamento lévaos a producir obras cheas de «terribilidades e desgarros nunca imaxinados».[10]
Hai consenso entre a crítica especializada en propoñer causas psicolóxicas e sociais para a realización das Pinturas negras. Entre as primeiras estarían a conciencia de decadencia física do pintor, máis acentuada se cabe a partir da convivencia cunha muller moito máis nova, Leocadia Weiss, e sobre todo as consecuencias da grave enfermidade de 1819, que prostrou a Goya nun estado de debilidade e proximidade á morte que reflexa o cromatismo e o asunto destas obras.
Dende o punto de vista sociolóxico, todo apunta a que Goya pintou os seus cadros a partir de 1820 —aínda que non hai proba documental definitiva— logo de repoñerse da súa doenza. A sátira da relixión (romarías, procesións, a Inquisición) ou os enfrontamentos civís (como sucede en Duelo a garrotazos ou os faladoiros e conspiracións visibles, ao parecer, en Homes lendo; e mesmo tendo en conta unha interpretación en clave política que podería desprenderse do Saturno: o Estado devorando os seus súbditos ou cidadáns) concordan coa situación de inestabilidade que se produciu en España a partir do levantamento constitucional de Rafael de Riego. De feito, o período 1820-1823 coincide cronoloxicamente coas datas de realización da obra. Cabe pensar que os temas e o ton destes cadros foron posibles nun ámbito de ausencia de censura política, que non se deu durante as restauracións monárquicas absolutistas. Por outra banda, moitas das personaxes das Pinturas negras (duelistas, supostos frades, monxas, familiares da Inquisición) representan o mundo caduco anterior aos ideais da Revolución francesa.
A pesar dos numerosos intentos non se puido achar unha interpretación orgánica para toda a serie decorativa no seu contexto orixinal. En parte porque a disposición exacta está aínda sometida a conxecturas, mais sobre todo porque a ambigüidade e a dificultade de atopar o sentido exacto de moitos dos cadros en particular, fan que o significado global destas obras sexan aínda un enigma. Así e todo, hai varias liñas interpretativas que convén ter en conta.
Glendinning sinala que Goya decora a súa quinta de acordo co decoro co que se realizaban os palacios da nobreza e a alta burguesía. Segundo estas normas, e considerando que a planta baixa servía como comedor, os cadros deberían ter unha temática acorde coa contorna: debería haber escenas campestres —a vila situábase á beira do Manzanares e fronte á pradeira de San Isidro— e bodegóns e representacións de banquetes alusivos á función do salón. Aínda que o aragonés non trata estes xéneros explicitamente, Saturno devorando a un fillo e Dous vellos comendo sopa remiten, aínda que de xeito irónico e con humor negro, o acto de comer. Ademais Judith mata a Holofernes logo dun banquete. Outros cadros inverten a habitual escena bucólica e relaciónanse coa próxima ermida do santo patrón dos madrileños: A romería de San Isidro, A peregrinación a San Isidro en mesmo A Leocadia, cuxo sepulcro pode relacionarse co cemiterio anexo á ermida.
Dende outro punto de vista, o andar baixo, peor iluminado, contén cadros de fondo maioritariamente escuro (agás A Leocadia, se ben viste de loito e aparece na obra unha posible tumba, quizais a do propio Goya). Nela é moi abundante a presenza da morte e a vellez do ser humano. Mesmo a decadencia sexual, segundo se interpreta freudianamente a relación con mulleres novas que sobreviven e mesmo castran o home (Leocadia e Judith respectivamente). Os vellos comendo sopa, outros dous "vellos" no cadro de formato vertical homónimo, o avellentado Saturno... representan a figura masculina. Saturno é, ademais, o deus do tempo e a encarnación do carácter melancólico, relacionado coa bile negra, no que hoxe chamariamos depresión.
No segundo andar Glendinning aprecia un contraste entre a risa e o pranto (a sátira e a traxedia) e entre os elementos da terra e o aire. Para a primeira dicotomía Homes lendo, co seu ambiente de seriedade, oporíase a Dous mulleres e un home; estes son os dous únicos cadros escuros da sala e marcarían a pauta —o espectador os contemplaba ao fondo da estancia ao acceder a ela— das oposicións dos demais. Así nas escenas mitolóxicas de Asmodea e Átropos percibiríase a traxedia, mentres que noutros, como a Peregrinación do Santo Oficio vislumbramos unha escena satírica. En canto o segundo dos contrastes, hai figuras suspendidas no aire nos dous cadros antes mencionados e afundidas ou asentadas na terra no Duelo a garrotazos e no Santo Oficio. Mais ningunha destas hipóteses soluciona satisfactoriamente a procura dunha unidade no conxunto dos temas da obra analizada.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.