Sacerdote católico e entomólogo francés From Wikipedia, the free encyclopedia
Pierre André Latreille, nado en Brive-la-Gaillarde (no Lemosín, hoxe no departamento de Corrèze) o 20 de novembro de 1762 e finado en París o 6 de febreiro de 1833, foi un sacerdote católico e un notábel entomólogo francés.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2021.) |
Moitos dos taxons hoxe en uso manteñen o nome que el lles deu nos seus traballos de descrición de insectos.
Fillo ilexítimo do barón d'Espagnac (gobernador dos Inválidos en 1766), foi abandonado ao nacer pola súa nai, e criado no seo dunha familia humilde. Fixo os seus estudos en París no Colexio do cardeal Lemoine, onde entrou en 1778. Ordenado como diácono en 1786, e despois como presbítero, regresou a Brive, onde se dedicou, coa axuda financeira do seu pai biolóxico, ao estudo dos insectos.
En 1788 regresou a París e foi un activo membro da comunidade científica. A súa Mémoire sur les mutilles découvertes en Francia fixo que o admitiran como membro correspondente da Sociedade de Historia Natural.
Como sacerdote con inclinacións conservadoras, a Revolución francesa fixo que pasara un momento incómodo: tivo que deixar París e foi levado preso a Bordeos. En 1796 publicou Précis des caractères génériques des insectes, disposés dans un ordre naturel en Brive.
Despois de abandonar o sacerdocio, en 1798 ordenou a colección entomolóxica do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, de París, recentemente organizado, onde sucedeu a Lamarck como profesor. En 1814 foi nomeado membro da Academia das Ciencias ocupando a cadeira vacante tras a morte de Guillaume-Antoine Olivier.
En 1821 foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honor.
En 1825 publicou Familles naturelles du règne animal, onde separou os anfibios dos réptiles, seguindo os traballos de Alexandre Brongniart.
Foi profesor de zooloxía na Escola de Veterinaria de Maisons-Alfort, cerca de París. Á morte de Lamarck (1830), a cadeira de zooloxía dos invertebrados, do Museo, divídese para crear dúas novas; Latreille obtén a dos crustáceos, arácnidos e insectos, e Henri Marie Ducrotay de Blainville a dos moluscos, vermes e zoófitos.
En 1832 Latreille participou na fundación da Société entomologique de France, da que foi o seu primeiro presidente de honor (a primeira presidencia efectiva foi de Audinet-Serville).
A súa obra marcou unha etapa importante na taxonomía dos artrópodos, para os que fundou unha clasificación aínda moi utilizada a día de hoxe. Johan Christian Fabricius alcumouno como o Príncipe da entomoloxía.
Latreille morreu en París o 6 de febreiro de 1833 e está soterrado no cemiterio do Père-Lachaise.
O xénero do cangrexo Latreillia leva este nome na súa honra.
A abreviatura Latreille emprégase para indicar a Pierre André Latreille como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.