O petro (símbolo bolsista: PTR) é unha criptomoeda de orixe venezolana baseada na tecnoloxía da cadea de bloques e apoiada polas reservas de varios recursos naturais daquel país, como petróleo, ouro, diamantes e gas.[2] Cada petro está apoiado por un barril de petróleo da cesta de cru venezolano.[3]
A moeda foi suxeito de críticas, algunhas das cales sosteñen que non se trata dunha verdadeira criptomoeda por non ser descentralizada e, mesmo, sitios web como ICOindex cualificárono como unha estafa.[4][5]
Entre as características que definen o petro cómpre salientar as seguintes:
- Apoio estatal de reservas de recursos naturais como petróleo, gas, ouro e diamantes.[6]
- Posibilidade de transaccións internacionais e sen intermediarios.[7]
- O rexistro de transaccións dixitais da moeda efectúase a través do Observatorio Blockchain de Venezuela, organismo adscrito ao Ministerio de Educación Universitaria, Ciencia e Tecnoloxía, e recibe asesoramento de OnixCoin, unha empresa venezolana que xa fundara a súa propia criptomoeda no pasado.[8]
- Do mesmo xeito que o bitcoin, a súa división máis pequena é de oito decimais (10−8), e a esta porción denomínaselle "mene".[9][10]
- Segundo a lexislación venezolana, un petro equivale a un "contrato compra-venda por un barril de petróleo da cesta de cru venezolano ou calquera materia prima que decida a nación". O 27 de decembro de 2017 oficializáronse 5.000 millóns de barrís de petróleo como sostén para o petro. Tamén se prevé a certificación de ouro e diamantes.[11][12]
- O petro mantén algoritmos matemáticos encriptados que non permiten a interceptación de axentes externos ao seu.[13]
- As transaccións electrónicas realízanse sen medidor ningún; son inmediatas e non teñen comisións.[14]
- O petro pode ser trocado a través de casas de cambios virtuais.[15][16]
- Pode ser usado para pagamentos relacionados coa Administración venezolana, tales como: impostos, obrigas, taxas, contribucións e servizos públicos nacionais.[17]
- É unha critpomoeda parcialmente preminada (prevalidada) e prevese que as seguintes emisións sexan minables (validables), co fin de ter control de todas as moedas baixo unha oferta inicial de moeda, estilo poxa.[18][19] O petro pode ser minado ou validado polos cidadáns venezolanos co uso de computadores comúns, sen características especiais.[20][21]
- A venda do petro realízase mediante fichas dixitais, que poderán ser intercambiadas por petros no futuro e que se prevé que cheguen a estar dispoñibles nas casas de intercambio electrónico de todo o mundo.[22]
Antecedentes
O 3 de marzo de 2009 o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, durante unha xira por Medio Oriente e Asia para incrementar os prezos do petróleo, formulou a idea de crear unha moeda internacional denominada petro, que estivese sustentada principalmente polas reservas petroleiras dalgúns países do mundo membros da OPEP, e criticou a ruptura de Estados Unidos con respecto ao padrón ouro.[23][24] En abril de 2016 emitiuse unha criptomoeda apoiada no ouro, chamada DigixDAO, e en setembro de 2017, o ministro de Agricultura e Terras de Venezuela apoiou a creación de moedas dixitais estatais que se baseasen no padrón ouro ou noutros recursos dos diversos países do mundo para "preservar a integridade da humanidade", rescatar a economía venezolana e acabar coa hexemonía do dólar estadounidense.[25][26][27]
O 4 de outubro de 2017 tivo lugar o Simposio Intensivo de Criptomoedas, logo dunha proposta feita polo presidente da Asociación Nacional de Criptomoedas de Venezuela ao Comité de Poxas de Divisas do DICOM (Sistema de Divisas de Tipo de Cambio Complementario Flotante de Mercado). Nese foro presentouse formalmente a iniciativa de que o Estado crease o marco legal das criptomoedas.[28]
Eixe cronolóxico
- O 3 de decembro do 2017 o presidente Nicolás Maduro anunciou a creación da moeda dixital despois de que durante máis dun ano cincuenta técnicos traballaran sobre o asunto. Simultaneamente ao anuncio tamén informou acerca da creación formal do Observatorio Blockchain de Venezuela, para se encargar do rexistro das transaccións dixitais.[29][30]
- O 8 de decembro de 2017 creouse a Superintendencia da Criptomoeda e Actividades Conexas, para o control e a vixilancia do comportamento e da evolución do petro. Para a primeira emisión do petro contouse cun sostén de 267 mil millóns de dólares. A súa entrada no mercado foi mediante unha poxa inicial ou asignación directa.[31][32]
- O 5 de xaneiro de 2018, Nicolás Maduro anunciou a emisión de cen millóns de petros e informou que o 14 de xaneiro se presentaría o seu libro branco.[33][34] O superintendente do petro asegurou que se realizarían vendas progresivas e que se trataba dunha moeda "preminada" (prevalidada) parcialmente, co que as seguintes emisións serían xa minables (validables).[35]
- O 9 de xaneiro de 2018 a Asemblea Nacional debateu sobre o petro e declarou nula a primeira e a seguinte emisión da criptomoeda, argumentando os seus opositores que non se trataba dunha verdadeira criptomoeda, senón que representa un contrato de compra-venda a futuro cuxo activo subxacente é un barril de petróleo.[36][37] A raíz desta declaración agudizouse o conflito entre a Asemblea Nacional e o Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela que xa viña duns anos atrás.[38]
- O 12 de xaneiro de 2018, Nicolás Maduro propuxo o uso do petro nos países membros da ALBA e de Petrocaribe, como "medida de integración económica".[39]
- O 16 de xaneiro de 2018 o Departamento do Tesouro dos Estados Unidos advertiu os investidores estadounidenses que o uso do petro podería ocasionarlles problemas legais, motivo polo que foi acusado de politizar o asunto por parte da Asociación Nacional de Criptomoedas (ASONACRIP) de Venezuela.[40][41]
- O 30 de xaneiro de 2018, o Goberno do país caribeño anunciou a publicación do libro branco que contén as condicións e as funcións da criptomoeda, e fixo público o enderezo web oficial da moeda: www.elpetro.gob.ve.[42][43]
- O 1 de febreiro de 2018 anunciouse a aceptación do petro por parte do Goberno da República como xeito de pagamento de contribucións, impostos e taxas, segundo o prezo do barril de petróleo da cesta venezolana do día inmediatamente anterior.[44]
- O 20 de febreiro de 2018 fíxose a publicación oficial do Manual do Comprador e anunciouse a apertura do proceso de adquisición de petros.[45] Por outra banda a Nem Foundation declarou a súa receptividade a todas as organizacións e os individuos que desexasen facer uso da súa cadea de bloques e confirmou que o Goberno venezolano tiña a intención de utilizar a súa tecnoloxía, aclarando que o seu apoio era simplemente técnico, carente de connotacións de índole política.[46][47]
- O 22 de febreiro de 2018 o presidente Maduro informou da recadación de 735 millóns de dólares por medio do petro e anunciou unha nova criptomoeda apoiada no ouro: o "petro ouro".[48][49][50]
- O 25 de febreiro de 2018 o avogado e doutor en dereito Luís Britto García advertiu dos posibles perigos do petro, salientando os riscos das denominadas "bicicletas cambiarias" por mor da falta dunha lexislación adecuada.[51]
- O 19 de marzo de 2018 a Casa Branca prohibiu aos cidadáns estadounidenses e ás persoas no seu territorio a adquisición ou negociación de calquera moeda dixital ou activo dixital emitido polo Goberno de Venezuela. A medida entrou en vixencia, de xeito retroactivo, a partir do 9 de xaneiro de 2018.[52][53]
- O 20 de marzo de 2018 antigos membros do poder xudicial agrupados no Tribunal Supremo de Xustiza no Exterior decidiron anular o decreto polo que se acordou a creación da criptomoeda.[54]
- O 22 de marzo de 2018 o presidente Maduro declarou que o petro recibiu 220.927 intencións de compra por máis de 5.000 millóns de dólares estadounidenses e anunciou que con petros se podería pagar o transporte público, mobles, inmobles e impostos de empresas exportadoras, e que os operadores turísticos poderán cobrar na devandita moeda dixital. Anunciouse tamén o establecemento de zonas económicas de circulación do petro como moeda de intercambio (a illa de Margarita, Los Roques, Paraguaná e San Antonio del Táchira.[55]
- O 9 de abril comezou a estar vixente o decreto sobre "criptoactivos e a criptomoeda soberana petro", que recoñece legalmente non só o petro senón calquera outro criptoactivo, abrindo a posibilidade de que calquera persoa natural ou xurídica, pública ou privada que pretenda crear a súa propia criptomoeda faga público un libro branco que explique as condicións de funcionamento e os sustentos cos que conte. Mediante este decreto, delégase no executivo toda a normativa e o control dos criptoactivos habidos e por haber en Venezuela, e nel descríbese e establécese a normativa para a orixe e o funcionamento do petro.[56]
- O 4 de xullo de 2018, un grupo de catedráticos universitarios advertiu no II Congreso Internacional de Investigación e Innovación Faces 2018 de que a criptoeconomía tería futuro en Venezuela se se lle prestase atención legal ao tema da recadación tributaria.[57]
- O 25 de xullo de 2018 propúxose novamente a reconversión monetaria para instaurar o "bolívar soberano" e ademais informouse de que, a partir do 20 de agosto dese ano a nova moeda estaría "ancorado ao petro".[58][59][60]
- O 14 de agosto de 2018, o presidente da República anunciou que a partir do 20 de agosto o petro sería a segunda unidade contable da nación.[61]
- O 24 de agosto de 2018 a Superintendencia das Institucións do Sector Bancario de Venezuela instruíu os bancos para o manexo do petro como unidade de conta.[62]
- O 21 de setembro de 2018, máis de quince casas de intercambio de criptomoedas en Venezuela recibiron as indicacións necesarias para que a partir do 1 de outubro de 2018 o petro comezase a funcionar como moeda de intercambio internacional.[63]
- O 1 de outubro de 2018 anunciouse a venda de petros con bolívares soberanos a partir do 5 de novembro, e remitiuse á Asemblea Nacional Constituínte o proxecto de lei sobre o Sistema Integral de Criptoactivos.[64][65]
- O 15 de outubro de 2018 orzáronse 20 millóns de petros para a creación do Fondo para o Desenvolvemento de Rexións Produtivas.[66]
- O 5 de novembro de 2018 a "Plataforma Patria" comezou a permitir o aforro en petros.[67] Para a primeira convocatoria do plan de aforro nesta unidade destináronse catro millóns de petros e estableceuse que ata o 31 de decembro de 2018 fose posible transferir, para quen así o desexar, os devanditos aforros á Billeteira Dixital en Petros.[68][69]
- O 6 de decembro de 2018, reunidos en Rusia os presidentes Nicolás Maduro e Vladimir Putin, anunciouse a futura venda progresiva do cru venezolano en petros.[70]
- O 10 de decembro de 2018, máis de 4,3 millóns pensionistas recibiron o terceiro mes de paga extra de medio petro, o cal pode ser cambiado en bolívares ou noutras divisas, ou conservado como aforro na "Plataforma Patria".[71]
Posicións críticas
Varios dirixentes da oposición venezolana criticaron a moeda dixital, con cualificacións como “guiso-moeda” e aducindo que ten como obxectivo distraer a poboación venezolana no medio da crise que atravesa o país.[72][73] O 9 de xaneiro de 2018, a Asemblea Nacional, organismo que segundo o poder xudicial se atopaba en situación de desacato, debateu sobre o petro e declarou nula a primeira e a seguinte emisión da criptomoeda.[74]
O politicólogo Omar Vázquez Heredia cualificou o petro de “neoliberal, extractivista e entreguista”, ao representar unha “privatización de facto”, e negou que se tratase dunha criptomoeda ao ser xestionada por un Estado.[75] Por outra banda, Carlos Fermoso, secretario xeral da partido venezolano Bandeira Vermella, manifestou que é posible que o petro axude a economía do país, aínda que matizando que, desde unha teoría do valor-traballo, as moedas virtuais non necesitan un sostén material, xa que o mesmo traballo de validación lles proporciona valor intrínseco.[76]
Sean Walsh, de Redwood City Ventures, unha empresa de investimento en cadea de bloques e bitcoins expresou que "se unha administración ten un historial de trato inxusto cara á poboación, entón usar unha palabra de moda como "criptomoeda" non vai cambiar esa conduta".[77] Marshall Swatt, fundador de Coinsetter, asegurou que en Venezuela non hai un sistema legal estable e por iso non existen auténticas garantías. Yazan Barghuthi, de Jibrel Network, criticou a falta de credibilidade polo feito de se tratar dun país onde a moeda oficial, o bolívar, colapsou.[78] O economista venezolano Luis Vicente León asegurou que para que o Goberno recupere a confianza para poder pór en marcha o petro se require un "cambio severo no seu modelo económico", e Ricardo Haussman, tamén economista dese país, indicou que tanto a emisión como o uso de fondos debe ser aprobada pola Asemblea Nacional de Venezuela.[79][80]
O economista da organización Ecoanalítica Jean Paul Leidenz opina que a decisión de formar a súa propia cadea de bloques, de xeito diferente a outras criptomoedas, podería infundir desconfianza entre os posibles investidores, á parte do feito de que motivo da creación desta criptomoeda sexa a evitación das sancións estadounidenses, e non tanto a procura das liberdades económicas do pobo venezolano, que ten que lidar co control cambiario.[81][82]
O petro venezolano foi catalogado como estafa polo sitio ICOindex, e o intercambio Bitfinex negou ter intencións de negociar nin co petro nin con ningunha outra criptomoeda venezolana.[83][84]
Posicións favorables
O xornalista e cineasta estadounidense Max Keiser asegurou que a iniciativa do petro é un bo xeito de loitar contra o imperialismo estadounidense e que é “unha excelente maneira de iniciar a creba desa cadea colonial” e evadir sancións; no entanto, asegurou que o seu éxito depende de que se deseñe e se manexe correctamente, e que se combata a hiperinflación co deseño dunha moeda deflacionaria.[85][86]
Garrick Hileman, economista e investigador da Universidade de Cambridge, considerou que o petro é viable "se se arma adecuadamente" e podería solucionar algúns dos problemas de Venezuela; no entanto, recomendou ter un custodio independente que garanta en situacións de falta de pagamento que as materias primas cheguen aos acredores.[87]
O economista e Premio Nacional de Ciencias Víctor Álvarez indicou que co petro se está no camiño dunha reforma monetaria para un novo cono monetario dixital, xa que será utilizado primeiro como pagamento a provedores e contratistas, así como de nóminas públicas e de impostos.[88]
Para o economista Leonardo Galindo, o petro é unha moeda antiinflacionaria debido a que dun xeito inverso ao da circulación do diñeiro tradicional, as criptomoedas xorden da poboación, atinxen logo o sistema bancario e chegan finalmente aos bancos centrais.[89]
A cotización diaria pódese consultar na páxina web oficial do Goberno de Venezuela dedicada ao petro ver en liña Arquivado 09 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine..
Máis información Tempo, Renminbi ...
Cotización do petro
Tempo |
Renminbi |
Euro |
Lira turca |
Rublo |
Dólar canadense |
Libra esterlina |
Franco suízo |
Rupia |
Dólar estadounidense |
24/08/2018 | 412,84 | 51,98 | 369,18 | 4 091,40 | 78,53 | 46,81 | 59,17 | 4 206,60 | 60,00 |
23/08/2018 | 410,61 | 51,70 | 363,52 | 4 084,52 | 77,95 | 46,44 | 58,97 | 4 192,20 | 60,00 |
22/08/2018 | 411,00 | 51,84 | 363,55 | 4 035,25 | 78,26 | 46,48 | 59,13 | 4 192,20 | 60,00 |
21/08/2018 | 412,80 | 52,43 | 364,77 | 4 023,36 | 78,35 | 47,05 | 59,73 | 4 206,60 | 60,00 |
Pechar