Paradoxo do litoral
From Wikipedia, the free encyclopedia
O paradoxo do litoral, ou paradoxo da liña de costa, é a observación antiintuitiva de que a liña de costa dunha masa terrestre non ten unha lonxitude ben definida. Isto resulta das propiedades tipo fractal das liñas de costa, é dicir, o feito de que unha liña de costa normalmente ten unha dimensión fractal (o que en realidade fai que a noción de lonxitude sexa inaplicable). A primeira observación rexistrada deste fenómeno foi de Lewis Fry Richardson e foi ampliada por Benoit Mandelbrot.[1][2]
A extensión medida do litoral depende do método empregado para medilo e do grao de xeneralización cartográfica. Como unha masa terrestre ten características diversas a todas as escalas (dende centos de quilómetros ata pequenas fraccións de milímetro ou menos) non existe unha medida obvia do tamaño característico do menor obxecto que debería ser medido, e polo tanto non é posible establecer un perímetro ben definido da masa de terra. Tan só se poden facer algunas aproximacións mediante supostos específicos sobre a medida característica mínima a considerar (a Dimensión Minkowski-Bouligand, por exemplo).