Óscar á mellor actriz
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Óscar á mellor actriz é unha das categorías dos Premios Óscar que cada ano entrega a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas nos Ánxeles. Entrégase a unha actriz que tivese unha interpretación nun papel principal na industria do cinema. Tradicionalmente, o premio é presentado polo gañador do Óscar ao mellor actor na edición anterior.
A cerimonia da 1ª edición dos Óscar tivo lugar en 1929, e nela Janet Gaynor gañou o permio polas súas interpretacións en 7th Heaven, Street Angel e Sunrise.[1] Actualmente, as candidaturas determínanse mediante voto singular transferible entre os membros da rama de intérpretes da Academia. As gañadoras elíxense mediante voto plural entre todos os membros con dereito a voto da Academia.[2] Nas primeiras tres edicións dos premios, as actrices eran candidatas por todo o seu traballo durante o período (ata por tres filmes nalgúns casos).[3] Porén, durante a 3ª cerimonia, de 1930, só se citou un filme no premio final, aínda que a gañadora tivese varios filmes na candidatura.[4]
O ano seguinte, o sistema, complexo e pouco manexable, foi substituído polo actual, en que unha actriz é candidata por unha interpretación específica nun único filme.[3] A partir da 9ª cerimonia, de 1937, a categoría limitouse a cinco candidaturas.[3] Unha actriz foi candidata postumamente, Jeanne Eagels.[5]