Os nabos son un dos cultivos máis populares en Galicia polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento [1], o que explica a súa presenza na cultura popular galega: no léxico xerado ó seu redor, no refraneiro e no cantigueiro.
O nabo seméntase entre xullo e agosto -tempo que xa recomendaba o refraneiro-, en secaño ou regadío, nas mesmas leiras que o millo, o centeo ou o trigo, e xusto cando se colleitan estes, previo arado e estercado; a semente chámase nabiña. Cómese, toda a planta, durante os meses de novembro a maio, tanto para alimento da xente como para o gando. As nabizas ou os grelos úsanse para facer o caldo, ou ben se cocen con patacas e lacón. A raíz, o nabo propiamente dito, empregábase en cachos para facer o caldo aínda que o máis usual é darllo ós porcos ou a outro gando, cocidos con fariña.
No Salnés crese que o día de entroido se debe quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter unha boa colleita de nabos [2].
A nabiza ou rabiza é o primeiro gromo do nabo, as primeiras follas, tenras, que algúns rexeitan por ser doces. Logo produce o bertón ou xeno, que son as follas xa meirandes [3]. Finalmente, o grelo, cimo ou cimón é a verdura xa no final do ciclo, antes de botar a flor, agrelar ou grelar; o grelo cóllese xusto antes de florecer, que é cando máis amarga e dise que é o mellor momento, coincidindo do entroido, en febreiro [4].
En Galicia xogábase ao arríncate-nabo ou arrinca nabos. A Real Academia Galega no seu Diccionario gallego-castellano de 1913-1928 di que é un xogo de mozos que consiste en sentar todos no chan, e entre as pernas de cada un, senta o que lle segue, ao que o anterior suxeita fortemente cos brazos polo van. Só un xogador queda en pé, e este puxa polo primeiro que está sentado intentando erguelo, cousa difícil, porque o suxeita o anterior, e a este o outro, e así os demais, e, ou se erguen todos ou ningún, rodando, regularmente, polo chan. O que puxa acompaña o esforzo con estas verbas: Arríncate, nabo![5].
Levar un nabo: levar un chasco, unha decepción.
As rabizas piden unto e os grelos lacón ó punto[6].
As rabizas queren unto, aceite e allos, todo xunto[6]
Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento[7][8].
Caldo de nabos, non o tires, que dun día para outro sirve[8].
Adios, Torneiros do Val,/ despedida de Galicia;/ xa que rilláste-lo nabo/ rillai tamén a nabiza[24].
Asubírame a unha cerdeira/ e farteime de pexegos bravos/ e veu o dono do cabaceiro/ vaite de aí que me arríca-los nabos[25].
Entrei nun nabal alleo,/ agarrei un nabo, metino no seo,/ anque me ceiben os cas ó rabo/ léveme o demo si ceibo o nabo; pro si polo nabo ha de vir a guerra/ que quede o nabo chantado na terra[26].
Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño[27].
Miña nai deume unha tunda/ con troncho dunha nabiza;/ miña nai, teña vergoña,/ que vén xente da misa[28].
Miña nai ten unto vello/ da cocha que ha de matar,/ mandóume coller rabizas/ ¡e o nabal por sementar![29].
No nabal do meu sogro/ acitáronme os cas/ e saíu a miña sogra/ cunha chanca na mau;/ coa chanquiña na mau/ i o zapato no pé;/ ela a min tenme rabia,/ eu ben sei por qué é[30].
Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ non quero ter man da cabra/ e que outros mamen o leite[31].
Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite[32].
Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o leite[31].
Non quero verzas con unto/ nin nabizas con touciño;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o viño[31].
Se me hei de casar contigo,/ válante cinco mil diablos;/ pra atender á paridura/ cómpreme un nabal de nabos[33].
Pra nabos n’hai coma Lugo,/ pra canteiros, Pontevedra,/ pra rapaciñas bonitas/ hai que vir á nosa terra[34].
O Advento é o primeiro período do ano litúrxico cristián, de preparación para o nacemento de Cristo. Celébrase os catro domingos inmediatamente anteriores ó Nadal.
Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 31. No orixinal: rillastelo. Torneiros (do Val) é lugar da parroquia de Santa María de Río Caldo, no concello de Lobios, último lugar de Portela do Home camiño de Portugal; de aí que o chamen despedida de Galicia.
Juan Sobreira: Papeletas, s. v. cabaceiro. No orixinal: Asubiram'a unha cerdeyra/ e farteyme de pexegos brabos/ e veo o dono do Cabaceyro/ vayte d'ahí que m'arrica los nabos.