O arame
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O arame é unha ópera de cámara nun acto con música de Juan Durán sobre un libreto en galego de Manuel Lourenzo, procedente do texto do propio Lourenzo Camiñar polo arame cunha lata de cervexa.[1] A súa estrea tivo lugar no Teatro Colón da cidade da Coruña o 13 de setembro de 2008 baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave á fronte do Grupo Instrumental Siglo XX. Trátase da primeira ópera galega do século XXI e a segunda da historia.[2]
O escenario do Teatro Colón da Coruña viu a estrea da ópera de Juan Durán o 13 de setembro de 2008. | |
Forma | Ópera |
---|---|
Actos e escenas | 1 acto |
Idioma orixinal do libreto | Galego |
Libretista | Manuel Lourenzo |
Fontes literarias | Camiñar polo arame cunha lata de cervexa de Manuel Lourenzo |
Estrea | 13 de setembro do 2008 |
Teatro da estrea | Teatro Colón |
Lugar da estrea | A Coruña |
Duración | 1 hora e 15 minutos |
Música | |
Compositor | Juan Durán |
É a segunda ópera galega da historia, tras O Mariscal (1929), de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón.[3] Conta a historia de dous vellos cómicos que regresan ó seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para reflexionar sobre o sentido do seu paso polo mundo.
A súa estrea foi o 13 de setembro do 2008 no Teatro Colón da cidade da Coruña dentro do LVI Festival de Ópera da Coruña nunha produción da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña co propio Manuel Lourenzo como director de escena.[4] A ópera foi Premio da Crítica de Galicia en 2009.[5] A música na estrea foi interpretada polo Grupo Instrumental Siglo XX (agrupación integrada por algúns instrumentistas da Orquestra Sinfónica de Galicia) baixo a batuta do galego Maximino Zumalave. Na ópera hai unicamente dous cantantes, unha soprano (na estrea a propia irmá do compositor, Carmen Durán) e un barítono (na estrea Javier Franco) e na escenificación aparecen tamén dous bailaríns.[4][1]
Representouse en Oxford no Reino Unido o 10 de xuño de 2017 con subtítulos en inglés. A ópera estivo interpretada pola soprano coruñesa Lorena Paz e o barítono irlandés Malachy Frame, acompañados no escenario polos bailaríns Fran Mangiacasale e Mary Sol Martín del Castillo, a directora foi Tamara Lorenzo Gabeiras, mentres que Cecilia Stinton estivo á fronte da dirección de escena.[3] A súa estrea debeuse a unha coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA (Xove Ópera Galega-Galician Youth Opera).[6]
No verán de 2019 a New York City Opera anunciou a tempada do seu 75º aniversario. Nesa tempada figuraba a ópera O arame de Juan Durán, que recibiría a súa estrea americana en novembro dese mesmo ano.[7] Os problemas económicos da compañía, que en 2016 saíra da bancarrota, obrigou a reducir a tempada e programou O arame xunto coa versión orixinal de 1915 da ópera de Manuel de Falla El amor brujo, na mesma función.[8]
Personaxe | Tesitura | Elenco na estrea, 13 de setembro de 2008 Director: Maximino Zumalave |
---|---|---|
Gloria | soprano | Carmen Durán |
Labarta | barítono | Javier Franco |
Labarta e Gloria son unha parella de titiriteiros que no final das súas vidas reflexionan sobre a vida e a arte nunha idílica paisaxe fronte o mar. Mentres Gloria perdeu toda esperanza, Labarta confía en poder subir de novo ao arame e ser de novo o que foi.[2]
A partitura de Juan Durán require da utilización de:[9]
Instrumentación de O arame |
Madeiras |
1 frauta travesa, 1 óboe, 1 clarinete, 1 fagot. |
Metais |
1 trompa. |
Percusión |
Timbais. |
Cordas |
4 violín, 2 violas, 2 violonchelos, 1 contrabaixo |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.