Northern blot
From Wikipedia, the free encyclopedia
O northern blot (transferencia northern) é unha técnica utilizada en bioloxía molecular para estudar a expresión xénica por medio da detección de ARN (ou ARNm illado) nunha mostra.[1][2]
Co northern blot é posible observar o control celular sobre as estruturas e funcións determinando os niveis de expresión xénica particulares durante a diferenciación, morfoxénese, e en condicións patolóxicas ou anormais.[3] No northern blot utilízase primeiro electroforese para separar mostras de ARN polo seu tamaño e despois faise unha detección con sondas de hibridación complementarias dunha parte da secuencia completa diana. Sendo moi específico, o termo "northern blot" refírese, en realidade, só á transferencia por capilaridade do ARN desde o xel de electroforese á membrana de transferencia, mentres que o proceso completo xeralmente se denominaría "northern blotting".[4] A técnica do northern blot foi desenvolvida en 1977 por James Alwine, David Kemp, e George Stark na Universidade Stanford.[5] O northern blot recibiu ese nome facendo un xogo de palabras coa técnica previa do Southern blot, denominada así polo biólogo que a inventou, Edwin Southern (neste caso como é un apelido escríbese con maiúscula; western blot non é necesario escribilo con maiúscula, aínda que moitas veces tamén se fai por analoxía).[1] A principal diferenza entre estas dúas técnicas é que no northern blot analízase ARN e no Southern blot ADN.[6]