![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/45/Flag_of_Ireland.svg/langgl-640px-Flag_of_Ireland.svg.png&w=640&q=50)
Nacionalismo irlandés
From Wikipedia, the free encyclopedia
O nacionalismo irlandés (en irlandés: Náisiúnachas in Éirinn) é un movemento político nacionalista que defende que o pobo irlandés debería gobernar Irlanda como un estado soberano.[1][2][3][4] Dende mediados do século XIX, o nacionalismo irlandés foi considerado como unha forma de nacionalismo cívico baseado nos principios da autodeterminación e da soberanía popular.[5][6][7][2] Durante os século XVIII, XIX e XX, os nacionalistas irlandeses, como a Sociedade dos Irlandeses Unidos na década de 1790, Irlanda Nova na década de 1840, a Irmandade Feniana durante a década de 1880, Fianna Fáil na década de 1920 e o Sinn Féin postuláronse en diferentes graos de radicalismo de esquerda e republicanismo.[8][9] O nacionalismo irlandés defende e promove a cultura de Irlanda, especialmente a lingua irlandesa, a literatura, a música e os deportes. Creceu máis potente durante o período no que toda Irlanda formaba parte do Reino Unido, o que levou a que a maior parte da illa obtivese a independencia do Reino Unido en 1921.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/45/Flag_of_Ireland.svg/640px-Flag_of_Ireland.svg.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/cb/Government_Buildings%2C_Dublin.jpg/640px-Government_Buildings%2C_Dublin.jpg)
Os nacionalistas irlandeses cren que o dominio estranxeiro foi prexudicial para os intereses irlandeses. No momento da partición de Irlanda a maior parte da illa era de relixión católica e en gran parte orixinaria da illa, mentres que unha parte importante do país, particularmente no norte, era protestante e descendía principalmente de persoas da Gran Bretaña que chegaran como colonos durante o reinado de Xacobe I. A partición produciuse tendo en conta criterios étnicos e relixiosos, acadando a maior parte de Irlanda a independencia, mentres que seis condados do norte seguiron formando parte do Reino Unido. Os nacionalistas irlandeses apoian a reunificación de Irlanda.