![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/32/ConstCATMonso1535.png/640px-ConstCATMonso1535.png&w=640&q=50)
Nacionalismo catalán
From Wikipedia, the free encyclopedia
O catalanismo ou nacionalismo catalán é o movemento que propugna o recoñecemento da personalidade política e cultural da Cataluña ou dos Países Cataláns.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/32/ConstCATMonso1535.png/640px-ConstCATMonso1535.png)
Segundo o valenciano e catalanista Joan Fuster, hai catalanistas porque hai españolistas. De feito, o catalanismo xorde como reacción a políticas centralizadoras no Estado Español (como os Decretos de Nueva Planta), avatares históricos (Tratado dos Pireneos) ou imposicións político-culturais (prohibición do catalán na vida pública).
No entanto, o catalanismo non se circunscribe ao ámbito político peninsular, pois nos últimos anos aumentou a súa presenza nas antigas comarcas catalás da Cerdanya Nord, Conflent, Vallespir e Rosselló (actualmente integradas no departamento Francés dos Pireneos Orientais), reivindicando precisamente un maior achegamento coas terras do sur.
Xeralmente, os partidos políticos, entidades ou individuos que se declaran catalanistas ou nacionalistas cataláns, adoitan considerar ben a Cataluña, ben os Países Cataláns, como unha nación. Ese grao de recoñecemento e de defensa dos seus intereses pode abranguer desde un tímido autonomismo á petición da plena independencia (véxase: independentismo).
A nacenza do catalanismo político acostuma datarse nas Bases de Manresa de 1898, momento que é considerado a entrada de Cataluña na Historia Contemporánea.
Na actualidade os partidos ou individuos que se declaran catalanistas consideran que Cataluña, ou os Países Cataláns, son unha nación e que, en consecuencia, teñen dereito a un grao elevado de autogoberno. Porén, as diverxencias aparecen sobre a organización xurídica e territorial que lle convén a Cataluña. Así, mentres unha parte opta pola chegada á soberanía do pobo catalán a través do dereito de autodeterminación, outros optan por unha ampliación do autogoberno no marco autonómico actual ou ben decántanse pola creación dun novo marco federal.