![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6b/Naiad1.jpg/640px-Naiad1.jpg&w=640&q=50)
Náiade
From Wikipedia, the free encyclopedia
As náiades (en grego antigo Ναϊάδες, naiádes, de ναϊς, naís, nadar) son personaxes da mitoloxía grega, ninfas da auga doce (sexan fontes, ríos, lagos ou regos), encarnando a divindade do manancial ou río que habitan. Podía darse o caso de que nunha fonte houbese unha única náiade, ou ben que houbese varias, consideradas irmás entre si, pero en todo caso toda fonte de certa relevancia tiña a súa náiade, con nome propio e lendas específicas [1], e podían ser obxecto de culto local.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6b/Naiad1.jpg/640px-Naiad1.jpg)
Segundo Homero, o seu pai sería o deus Zeus. Cando Odiseo regresa por fin a Ítaca tras dez anos dando tumbos polo Exeo, axeonllóase e bica o chan, exclamando:
"Ninfas Náiades, fillas de Zeus, non pensaba eu volver a vervos nunca máis. Aceptade agora o meu saúdo con palabras de gozo. Dareivos, estade seguras, regalos como antes se a filla de Zeus [refírese a Atenea] permíteme vivir aquí e ver crecer ó meu fillo"Homero: Odisea, XIII.557.
Outros mitógrafos aseguran que son fillas de Oceano, polos lugares onde viven. Así, Hixino conta que [2]:
"As fillas de Océano son Idía, Altea e Adrasta, pero outros din que eran fillas de Meliseo e amas de cría de Xúpiter. Estas ninfas son denominadas Dodónides, e outros chámanas Náiades"
Fronte a estas variantes, resulta máis habitual que se consideren fillas do deus do río en que habitan e así, por exemplo, as fillas do deus fluvial Asopo son náiades.