Moedas conmemorativas do 50º aniversario do Apollo 11
moedas conmemorativas estadounidenses (2019) / From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas conmemorativas do 50 aniversario do Apollo 11 son unha serie numismática emitida en 2019 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en conmemoración do 50 aniversario da primeira aluaxe tripulada polos astronautas do Apollo 11 Neil Armstrong e Buzz Aldrin.
Deseño común | |
---|---|
A/: Pegada humana sobre a superficie lunar. Nomes dos programas lunares separados por fases da Lúa. Marcas de deseñador (GC) e de gravador (JFM).
Lendas: MERCURY / GEMINI / APOLLO / IN GOD WE TRUST / LIBERTY |
R/: Detalle da fotografía "Buzz Aldrin na Lúa", na que se ve, reflectido no casco de Aldrin, a Neil Amstrong, a bandeira dos EEUU e o módulo de aluaxe.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM |
|
A serie componse dunha moeda de ouro de 5 dólares (media aguia),[3] senllas moedas dun dólar de prata en dous tamaños diferentes,[4][5] e unha moeda de medio dólar, cuñada en cobre bañado en cuproníquel.[6] Todas elas contan cunha versión con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— e, coa excepción do dólar de tamaño superior, tamén unha versión estándar. Da cuñaxe das moedas de ouro ocupouse a Ceca de West Point, as de prata foron cuñadas na Ceca de Filadelfia e o medio dólar de metal común produciuse nas cecas de Denver e de San Francisco.
O deseño é común para as catro moedas. O anverso representa unha pegada de bota na superficie lunar, baseada nunha fotografía tomada por Aldrin. O deseño é obra do escultor de Maine Gary Cooper e o gravado correspondeulle a Joseph Menna, gravador xefe da US Mint. Pola súa banda, o reverso, segundo o disposto polo Congreso, representa o visor e o casco circundante do traxe espacial de Aldrin, que reflicte a Armstrong, a bandeira dos EEUU e a aguia do módulo lunar Apollo. Esta imaxe está baseada nunha coñecida fotografía tomada por Armstrong, e foi creada e gravada por Phebe Hemphill, da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Aldrin foi a sétima persoa viva que aparece nunha moeda estadounidense.
As moedas do Apollo 11 teñen forma curva, de xeito que o anverso é cóncavo e o reverso convexo. Antes da data de lanzamento, o 24 de xaneiro de 2019, prevíase que algunha das catro moedas chegase a esgotarse, como ocorrera coa anterior emisión estadounidense de moedas curvas, conmemorativas do Salón Nacional da Fama do Béisbol, en 2014. Mais finalmente non foi así e non se esgotou ningunha delas antes da finalización das vendas o 27 de decembro de 2019. Así e todo, foi o programa de moedas conmemorativas dos Estados Unidos de maior éxito desde a emisión do Salón da Fama do Béisbol, con máis de 600.000 moedas do Apollo 11 vendidas. O dólar de prata máis grande gañou o Premio Moeda do Ano de 2021, para as emisións con data de 2019.